Fágome eco dun correo electrónico dos Amigos do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía que coido merece difusión.
O Organismo Autónomo Local "Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba" (MUPAV) nos seus trinta anos de existencia converteuse nun referente para a museoloxía e para a investigación arqueolóxica na Península Ibérica. A pesar dos precarios medios que sufriu dende a súa fundación, ven desenvolvendo unha importante tarefa de custodia, investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico.
Nos últimos anos a súa situación económica empeorou, xa que o orzamento aprobado pola institución da que depende (Concello de Vilalba, Lugo) non é suficiente para sufragar os gastos correntes, asumindo a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba os gastos relativos ás actividades de extensión cultural.
O incumprimento por parte do Concello de Vilalba das súas obrigas de conservar e manter os locais públicos ocupados polo MUPAV, agravado por unha serie de desgrazas (incendio, inundación e goteiras), está comezando a provocar efectos prexudiciais sobre o patrimonio histórico e bibliográfico custodiado polo MUPAV. Efectos que a Inspección de Traballo requiriu a súa corrección para que o persoal poida desempeñar as súas funcións de acordo coa lexislación laboral vixente.
Por todo isto, a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba solicita o apoio a este movemento cívico, así como a adhesión ao presente manifesto e a súa difusión, agradecendo de antemán a axuda e colaboración prestada.
MANIFESTO.
1.- A firme e ineludible necesidade de expor publicamente esta situación no maior número de lugares, ocasións e formas posibles.
2.-A convicción de que o MUPAV ofrece un servizo público irrenunciable para unha sociedade culturalmente desenvolvida e constitúe un elemento clave para o desenvolvemento social, cultural e turístico do seu entorno xeográfico.
3.- A necesidade de dotar ao MUPAV de recursos suficientes para que poida continuar coa súa misión, reforzando a entidade na fórmula administrativa que mellor se adapte ao pleno desenvolvemento dos seus obxectivos.
4.- A intención de trasladar, ás distintas administracións, organizacións e instancias europeas segundo corresponda, o risco que supón para a conservación do patrimonio histórico a falta de mantemento do edificio MUPAV.
5.- Avaliar os recursos legais pertinentes, sempre que non se produza a reversión da situación e non se establezan as medidas necesarias para a conservación do patrimonio histórico.
Para adherirse ao presente manifesto pode encher e enviar este formulario por correo electrónico a amigos@museovilalba.org, tamén pode envialo por correo (AMUPAV, Dr. Domingo Goas, 2, 27800 Vilalba, Lugo) ou entregalo no Museo sede.
Os datos recollidos gardaranse nun ficheiro de tratamento mixto pertencente á Asociación de Amigos do Museo de Vilalba. Pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, eliminación e portabilidade dos datos e oposición e limitación ao seu tratamento ante a entidade responsable (amigos@museovilalba.org).
--
Nota: A pesar do que di , non traía ningún formulario, polo que quen queira debe poñerse en contacto directo mediante o correo.
Nota2: xa está dispoñible o formulario. Déixoo a continuación para quen queira imprimilo ou sinxelamente copiar os datos que piden e envialo:
Ningún comentario:
Publicar un comentario