20210805

Non podemos mercar Apple, nin Google, nin...

    'Nós'. Consideremos ese nós como España. Co que se produce en toda España nun ano (co que cost, non co que se gana na produción e venda), non se pode mercar ó valor actual nin Apple, nin Microsoft, nin Aramco (se non che soa, a compañía estatal de petróleos de Arabia Saudí), nin Amazon, nin Alphabet (Google)... Coido que debera dar que pensar. Case cincuenta millóns de persoas non somos capaces de producir o que vale unha desas empresas no mercado actual.

   Dende que comezou a usarse o diñeiro, os poderes políticos mantiveron o seu poder sobre el, a súa regulación e creación, pero tamén cada vez máis, baseándose nel, no seu uso. E iso deu pé a unha diversificación do poder, cun aumento relativo paulatino da importancia do 'poder económico'. Algo que pasou das persoas, ás familias, e logo, ás compañías. Hoxe, as compañías poden crebar ou ser absorbidas por outras, pero non morrer, coma nós: como entidades, están fóra do ciclo biolóxico como o comprendemos; aínda que se poda falar da bioloxía das compañías, o seu poder atravesa as nosas xeracións: o poder das persoas remata coa morte; o das compañías, ó non verse afectadas pola morte, pode seguir acumulándose ó ritmo de acumulación dos cartos. Por certo, que esa acumulación financieira prodúcese con moita frecuencia a un ritmo maior que o que medra a economía dos países. E o método de incremento, non importa. É dicir, medran máis as empresas que os países. Ou sexa, chega un momento no que a concentración - de cartos e poder - que ten algunha delas, o seu 'valor' (hai que ver que diferentes significados pode ter a palabra 'valor'!) supera á produción dun determinado país. E logo, doutro máis grande ou máis 'desenvolto'. E doutro, e...

   Iso plasma un feito: o que as compañías vaian ganando en poder ós estados. E, se en tempos se impoñían só os 'estados bananeiros', agora ese termo ampliouse, e un estado como o español quedaría dentro desa categoría para un puñado de multinacionacionais. Por iso quizais non deban estrañarnos os procesos de descomposición que a estrutura do estado, as institucións e as persoas representativas por estar en determinados postos (sexan elixidos, designados ou por herdanza) comecen a parecerse ó que tiñamos como idea asociada a un estado bananeiro. As circunstancias concretas poden variar, mais o sentido xeral coido que vai máis aló desas circunstancias particulares: dende que os cartos son máis importantes -vía poder- que as persoas, algo certificado polo valor das compañías e a produción das persoas nesta economía que temos, as lealdades cambian. Xa non son lealdades ás persoas e ó sistema de que se dotaron para rexirse, senón ós cartos e a quen os ostenta. Os casos puntuais son só exemplos concretos dun sistema xeral.

   E, polo do medre relativo, a cousa tende a ir a peor...

   Por certo, cando as entidades públicas son máis pequenas que os estados, o volume das empresas necesario para facer un razoamento relativo tamén diminúe, non é necesario que sexan tan grandes.

Nota: uso datos de https://www.visualcapitalist.com/the-tech-giants-worth-compared-economies-countries/

1 comentario:

Unknown dixo...

Unha cita sobre a filosofía de Biden tomada do blog de Enrique Dans: 'Sen competencia, o capitalismo é exlotación'