20210912

A princesa Leonor chegou a Gales

 

A princesa Leonor chegou a Gales


Para quen non estivera ó tanto, no reino de España hai unha princesa que se chama Leonor. A lei sálica impediríalle chegar ó trono, pero iso, aínda de non mediar outras circunstancias, como a lei semisálica vixente, estaría por ver, que unha dinastía moderna como a que nos ocupa pode modernizar as leis que se ocupan dela. Ó seu antollo? Ben, non exactamente, ou, segundo como se mire, si, sen ser exactamente.

Como íamos dicindo no título, si, hai uns días a prensa difundiu un paso máis na formación real Real. En dura pugna con milleiros de centros españois, venceu un forasteiro, de Gales. Debe ser un bo centro educativo, ise ó que vai ir Leonor. Pero, sobre todo, nas consideracións que se terían en conta para a elección, seguro que tiveron importancia criterios, chamémoslles ‘extraacadémicos’. Cousas como que o centro fora privado, caro, elitista: un lugar no que Leonor poda darlle co cóbado literal e figuradamente a outros futuros amos do mundo. E claro, iso non vai co público, destinado ós súbditos deses amos, por moito que as elites ás veces admitan e mesmo fomenten neses establecementos para poucos unha pequena cota de súbditos.

Menos vai aínda cun centro público, como pode ser o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, na periferia da periferia por bon que sexa, e menos aínda no tamén ribadense Porta da Auga, con formación profesional. Para que querería unha princesa tal cousa? Por certo, pode dicirse que eles están entre os que perderon a elección, aínda que non saia así plasmado nos pudorosos papeis de propaganda, que abondo teñen con emotivos titulares tipo ‘emotivo adeus no aeroporto’.

Tamén terán en consideración que o centro fose estranxeiro: Leonor ten que ser global, saberse mover por todo o mundo, non local e provinciana, que xa se sabe: os de provincias somos... de provincias!. Doutro xeito, podería mesmo collerlle cariño ó que este estado administra, e iso é un perigoso precedente para ter obxectividade na toma de decisións. O administrado é administrado, e non se debe confundir co que é unha propiedade: hai que corrixir erros de familia. Outra cousa é que o que é administrado se empregue para conseguir máis (cartos ou o que sexa). É algo que ten que quedar claro. Volvendo ó comezo do parágrafo, aquí aplícase de xeito importante o de ‘pensa globalmente, actúa localmente’, pero á inversa: pensa para ti, actúa ao grande!

Por certo, moi emotiva, si, e sinxela esa despedida fotografada e filmada no aeroporto, e difundida polos difusores de quenda cuns tamén sinxelos pais-reis e máis sinxela aínda filla-princesa, que hai que dar imaxe, como calquera dos milleiros de novos emigrantes. Que non é emigrante? E que?

A vida segue. Agora, a esperar que volva polo Nadal, que para non volver xa está o seu avó, ou o tataravó... encheríanse xa as prazas destinadas a iso na familia?

Ningún comentario: