20210911

“¿Concesión u okupación?” Por Nuestro Faro pregunta a Portos

Illa Pancha no Google Earth
¿Concesión u okupación?


   Hai dúas semanas preguntabamos ao Concello de Ribadeo sobre temas da súa exclusiva responsabilidade, como licenza de apertura, acceso público e outros misterios da cafetería que saíu á superficie da Illa Pancha en pleno mes de agosto no máis absoluto silencio informativo e publicitario. Tivemos constancia do feito polas redes sociais, e, como sempre, unha vez montada toda a parafernalia e o negocio posto a andar. Con todo, nun correo dirixido ao Concello fai 9 meses xa preguntabamos ao alcalde que estaba pasando en Illa Pancha, por que dúas palas escavadoras de tamaño considerable estaban revolvendo un espazo protexido, pero ese correo, 9 meses despois, segue sen resposta.

   Pois ben, mentres esperamos sentados resposta ao novo correo, no caso de que houbese un arranque inesperado de transparencia consistorial, dirixímonos a Puertos para preguntar pola parte que lle toca. Isto é, o estipulado na concesión. Ademais de certas cuestións comúns co correo dirixido ao Concello, insistimos sobre todo no seguinte punto :


« 4º Se as reformas realizadas e elementos añadidos na Illa Pancha (escaleiras, accesos, terrazas, varandas,…) están autorizados nas condicións da concesión, e se realizaron dentro da zona concesionada, dado que, a xulgar polas fotografías publicadas en medios sociais, algún dos elementos semella encontrarse fóra dos seus lindeiros. Concretamente, da a impresión de que un camiño está fóra do terreo concesionado, e mesmo, unha parte da estructura que soporta a terraza. »

   En efecto, moitos elementos alleos, novos, que supoñen engadidos privados considerables nunha illa tan pequena, parecen a primeira ollada terse expandido fóra do terreo delimitado pola concesión, o cal, en caso de verificarse, e unido a esta nebulosa anti-informativa, non faría máis que insistir nunha imaxe de okupación tolerada por -xa van dúas- institucións.

   Asociación « Por Nuestro Faro »