20210927

Esquecidos

   Rematou a vida laboral. Ás veces, logo parece a partir de aí que atan os cans con longanizas para os xubilados. E polo tanto, que son esquecibles cando non son envexados. O certo é que son esquecidos. Logo non considerados.

   Pode permitirse a sociedade non considerar parte do seu corpo? Contradicións que non son máis que aparentes, vindo moitas veces do descoñecemento, outras da desconsideración, os xubilados son vistos como xente sen cargas, que pode voar libre, sen considerar o seu pasado e menos o seu futuro, que se ve asegurado. É dicir, por unha banda quedan como deshumanizados, nun aparte das persoas que teñen que procurar o seu sustento, e por outra, privilexiados sen dereito. Só así, mirando un pouco máis aló, se pode explicar que, despois de levar xa ben máis de tres anos de concentracións e manifestacións continuadas, a sociedade siga ignorando o feito da mobilización de pensionistas e se produzan titulares como 'Los jubilados saldrán a la calle para protestar contra la reforma de las pensiones' (nun diario o 26 de setembro) como se fose a primeira vez que o fan. Que despois do titular, no corpo da nova faga unha precisión cun 'volverán a movilizarse', como se tiveran deixado de facelo, non mellora as cousas; máis ben afasta a verdade do papel. Peor aínda, que despois de que se leve repetindo a consigna 'goberne quen goberne, as pensións deféndense', se pase sen mirar pola orixe da protesta e se centre como pedra arreboladiza contra o goberno actual parece que trate de aliñar ó colectivo no bloque antigobernamental. En calquera caso, indica un descoñecemento inducido.

   Por certo, e facendo un inciso, falo todo o tempo de 'xubilados', ó fío da nova que remato de citar, mais o colectivo é o de pensionistas, máis amplo pero abranguendo un grupo que a sociedade considera con características semellantes.

   Volvendo ó tema, os anos pasan e o colectivo segue esquecido e vulnerable. Igual que se esquecen as cousas vellas que xa non se usan. E é que o 'uso' dos xubilados era para o traballo. Unha vez que deixan de traballar dentro do sistema económico, adeus, xa non son usables e parece que non producen beneficios e polo tanto, non teñen dereito máis que á misericorda. Diríase que nada máis falto de verdade, dende o dereito ó descanso despois do traballo (si, como o descanso da fin de semana ou as vacacións) a toda unha serie de servizos que ofrecen por estar aí. Dende o estendido coidado dos netos ata a transmisión de saber non regulado ou este mesmo escrito, feito por un xubilado e que forman parte dunha contribución á sociedade máis aló da remuneración salarial. E iso, obviando outros usos que a sociedade fai, do colchón e aguante de moitas familias a outros menos evidentes. Ou non se escoitaron voces de protesta polo retardo da posta en marcha das viaxes do Imserso e semellantes? E non foron os xubilados os que protestaron, senón os hostaleiros que se beneficiaban do programa: os xubilados, nesa protesta, eran meros vehículos de transporte de cartos con destino á industria hostaleira privada.

   Coa consideración de 'quen protesta', chegamos a un punto no que hai que dicir claro que as protestas poden verse como minoritarias. Como case tódalas protestas. En Ribadeo, as concentracións dos primeiros sábados de mes, que xan van camiño das 50, teñen unha participación que en ningún caso chegou ó 10 % dos afectados no concello. Mais esas cifras son algo normal, a non ser en casos de colectivos moi integrados, concienciados e necesitados dunha intervención urxente. Pola contra, neste caso as diferenzas de todo tipo no interior do colectivo son patentes (aínda que ás veces non sexan percibidas dende o exterior); a concienciación é moi variable, dependendo non só da historia persoal de cadaquén, senón tamén da situación socioeconómica; e a urxencia, tratándose de algo que afecta ó resto da vida de cada un, non se ve en xeral como tal, senón difuminada por actuacións alleas ó longo de todo ese período que non se sabe cando durará para cada unha das persoas.

   Quen se manifesta sabe que non o está a facer só por si; mesmo moitas veces é sobre todo, polos demais. E iso fai que a protesta non aminore e que se prologue no tempo. A máis, está protestando unha xeneración que tivo que bregar duro por conseguir o que agora todos desfrutamos. Esa xeración seguirá a lembrar ó resto que existe, que non pode ser esquecida sen máis.

Ningún comentario: