20211001

Burocracia Peprich

Imaxe tomada hoxe da web do concello

 

   O PEPRICH, Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico foi aprobado de xeito definitivo en decembro de 2020. Cinco meses largos despois, en maio, o pleno do concello fixo a aprobación definitiva (non, non é un erro esta repetición) e aprobou comunicar a todos os titulares catastrais dos terreos afectados.

   Hoxe, catro meses despois, recibo dous certificados coa notificaicón acordada. Non teño claro se é un erro 'a secas', se corresponden a dúas titularidades diferentes do catastro ou nunha trabucaron o nome, por iso das propiedades escrituradas a nome de ambos cónxuxes (descarto por extemporáneo o 'peor aínda', que a comunicación sexa só a nome do varón).

   En calqueira caso, levamos varios propietarios década e media para corrixir un erro catastral e só nolo deron corrixido de xeito parcial, co que a comunicación estaría mal, ademáis, debido a ese 'novo' erro que sinalo.

   Mais, aínda a pesar diso, queda o tema dos prazos. Resulta que un plan do que se dixo 'por fin!' cando chegou, é comunicado ós veciños (por lei teñen que facelo) con 10 meses de demora en relación á aprobación en Santiago (definitiva, segundo o escrito), ou, se se prefire, con catro meses de demora en relación coa aprobación en Ribadeo (tamén definitiva, como se ve na copia da acta que se envía). Non se comprende moi ben como, un plan tan esperado e xa dilatado no tempo por outras cousas, non é comunicado con máis rapidez, ou, tampouco, como é 'reaprobado' (non me vou meter en cuestións finas de tramitación Xunta-Concello) tardando cinco meses en facelo. Máis aínda cando xa se daba noticia da aprobación inicial no 2017, despois de levar anos accesibles os planos dende a web do concello.

   Certo, a informática multiplica a velocidade da posibilidade de resolución de burocracia. Pero parece que hai fallos abondo en moitos lugares como para que o sistema non sexa moito máis rápido que cando o de 'volva vostede mañá'.

   Por certo, se queres procurar o Peprich, aquí podes facelo.

Escritos recibidos


Ningún comentario: