Si, MUPI, que non yupi. O MUPI (tiven que mirar que era iso) é o mobiliario urbano para a promoción e información. O de mobiliario urbano tamén leva o seu, pero coido que así se entende para quen antes non sabía diso.
O caso é que o concello de Ribadeo e ACISA rematan de asinar un convenio complementrio de 'colaboración', no que o concello pon 17 000 € a máis dos que tiña asinado tamén por convenio para este ano para ACISA, como pon na nota de prensa do concello que deixo en baixo.
Sen ir polo miúdo, chámanme a atención algunhas cousas, como que ACISA agradeza o apoio do concello para poñer en marcha este proxecto. Iso só se pode interpretar como que o concello, que somos todos, pon os cartos para algo que ACISA quería facer. Ou que o 'convenio' vai dirixido á renovación das sinais e anuncios do pobo, especificando que niso está incluído os carteis dos socios de ACISA, e á posta en funcionamento dun código QR de cara a comercio e hostalería especificando tamén 'integrados en ACISA'. Iso é o que se desprende da nota de prensa.
En fin, deixo a nota de prensa a continuación:
INCLUIRÁ A POSTA EN MARCHA DUN CÓDIGO QR-WEB
Convenio con Acisa
05/10/2021O Concello e Acisa asinaron hoxe un convenio extraordinario de colaboración por importe de 17 000 euros, que terá como obxectivo principal a renovación da imaxe comercial e turística de Ribadeo. O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, agradeceu o apoio do Concello para poder desenvolver este proxecto. A sinatura tivo lugar esta mañá no salón de plenos. Na mesma participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Comercio, Pablo Vizoso, así como o presidente e o xerente de Acisa, Francisco Iriarte e Jesús Pérez.
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Comercio, Pablo Vizoso, declarou que "o comercio é unha actividade primordial na economía local de Ribadeo e Ribadeo é un referente comercial e de servizos en toda a comarca. O Concello tamén ten como obxectivo primordial acadar, modernizar e fomentar o comercio de Ribadeo para que resulte interesante e máis atractivo para quen nos visita e tamén, por suposto, para os nosos veciños e veciñas".
Vizoso Galdo explicou que "con estas bases asinamos con Acisa o convenio extraordinario de colaboración Ribadeo preto de ti, cunha achega económica de 17 000 euros de fondos procedentes do Concello, e que ten como obxectivo principal a renovación da imaxe comercial e turística de Ribadeo centrándonos en dúas grandes liñas. Por un lado, a renovación de elementos da sinalética como marquesiñas, banderolas dos comercios, muppis, pantallas e outras estruturas e elementos informativos da vía pública. Apoiámonos tamén na tecnoloxía a través do sistema QR web que, deste xeito, vai estar presente como un distintivo en tódolos escaparates e os accesos dos diferentes establecementos asociados a Acisa, para poder ser escaneado de forma sinxela dende o seu teléfono móbil polos veciños de Ribadeo e por quen nos visite, e ter acceso á información relevante en diferentes ámbitos, incluída a programación cultural, eventos ou guías de ocio e, por suposto, a información comercial e turística do noso concello".
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, manifestou que "vimos de firmar este convenio co Concello de Ribadeo polo que estamos moi agradecidos porque grazas a el imos ter un investimento de algo máis de 20.000 euros para, entre outras cousas, a identificación dos locais de Acisa de Ribadeo. Queremos agradecer expresamente o esforzo económico que realiza o Concello de coa firma deste convenio extraordinario, que se suma aos 15 000 euros do convenio ordinario deste ano 2021, como axuda directa á nosa entidade".
Lembrou que "xa comezamos cambiando a imaxe corporativa o ano pasado e neste, grazas a este apoio e tamén con fondos propios, imos cambiar os muppis informativos que temos en Ribadeo co plano, vai aparecer a información cultural do Concello e contaremos cun código QR-web que identificará a todos os nosos socios e socias, escaneándoo levará á veciñanza e aos visitantes á maior e mellor fonte de información, turística, comercial e hostaleira".
Iriarte Quintana subliñou que "imos cambiar unha cousa que para nosoutros é moi importante, dar a benvida e dar as grazas coa instalacións duns muppis na entrada e saída de Ribadeo. Posteriormente imos pasar a cambiar as identificacións que temos nos nosos locais de Acisa. Insistimos en dar as grazas ao Concello porque sen eles era imposible facer isto, a nosa achega é moi pequena e a deles para nosoutros é moi grande, 17 000 euros para nosoutros era unha cantidade inalcanzable. Agora a desfrutalo en canto estea todo listo".
E engadiu que "este é un proxecto enfocado á modernización, actualización e especialmente á dixitalización da información turística e comercial de Ribadeo. Deste xeito respondemos aos compromisos que a actual directiva estableceu cos seus asociados e asociadas na última asemblea xeral e que eran unha reclamación constante desde hai anos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario