20211019

OS VIKINGOS NA GALIZA E RIBADEO. Pancho Campos Dorado

 

OS VIKINGOS NA GALIZA E RIBADEO

Pancho Campos Dorado

Os viquingos eran xente do mar do Norte de aí o nome de “normandos” (homes do Norte), procedentes de Noruega e Dinamarca, que debido á fame do século VII, convertéronse en forzados emigrantes e en saqueadores. Os autores medievais usaban viquingo para describir especificamente a quen se dedicaba ó íviking (ó saqueo), é dicir, a un pirata que non tiña porque ser necesariamente escandinavo. Porén, baixo a influencia do romanticismo nacionalista, viquingo converteuse en sinónimo de “escandinavo da Alta Idade Media” (Los Hombres del Norte, John Haywood, tradución de F. García Lorenzana, Ed. Planeta, p.14).

Eran fortes guerreiros altos, rubios e que loitaban con espada e brosa de combate. Navegaban ata o século VII en largos e estilizados drakkars impulsados exclusivamente a remo. No mundo de fala inglesa a época viquinga dátase a redor do ano 793 (ibidem, p.15). A partires destas datas aumentaron o radio de acción e os seus barcos foron impulsados por unha soa vela central cuadra, e a remo cando o vento non os acompañaba. Remontaban os ríos con suma facilidade, pois os drakars tiñan medio metro de calado, de vinte a trinta metros de eslora e catro ou cinco de manga. Transportaban trinta e dous ou trinta e seis homes que eran, á súa vez, remeiros, comerciantes e guerreiros. O drakar tiña moi pouca obra morta, e carecía de bancadas de remeiro, pois cada viquingo adoitaba sentarse no cofre onde transportaba as súas pertenzas e o botín acadado nas abordaxes. En vez de atracar a un peirao, o que facían era embarrancar en calquera praia ou zona axeitada dun río, así podían sorprender ás aldeas e, sobre todo, as súas mellores presas eran os mosteiros, onde atopaban froitos e cartos en moedas de ouro, prata e cobre que podían trocar en calquera porto comercial.

A actitude literaria de sanguinarios e crueis cara ós viquingos cambiou ó largo dos anos, pois os principais cronistas daquela época eran monxes, e comprensiblemente estaban obsesionados cos saqueos e incendios que levaban a cabo nos seus mosteiros.

Atopamos nunha separata de Enrique Chao Espina, que parece probado que os normandos preséntanse por primeira vez nas costas españolas no ano 843 (Los Normandos en Galicia, apartado II, La primera invasión, 2ª Ed, ano 1977). Reinaba Ramiro I (842-850) que rexeita unha primeira incursión dos viquingos (unhas 70 naves) que desembarcan no ano 844 en Farum Brigantum, nome co que se coñecía o actual faro da Torre de Hércules, tal como aparece nos Annales Bertiniani ou Anales de San Bertín. Este desembarco na Coruña, recólleno tamén as sagas escandinavas como un desembarco no porto de FAR, tal como chamaban eles o Porto de A Coruña (Emilio González López, “Grandeza y decadencia del Reino de Galicia”, p.78 y 79).

Entre 844-846 os vikingos preséntanse nas costas de Ribadeo e o revés do que lles pasaba ós árabes, a Galiza resúltalles unha terra acolledora. “Aqueles piratas de Jutlandia e do Mar Báltico consideraban a Terra Galega moi bonita, acaso por que lles recordaba a súa propia, pois chovía, na deles tamén” (Victoria Armesto, Galicia Feudal I, p.149).

No porto e Ría de Ribadeo atoparon dúas cousas importantes, primeiro: un bo refuxio para emboscarse e sorprender aos barcos mercantes que perlongaban a costa en viaxes de cabotaxe, pois debían ser mestres neste tipo de estratexias tendo en conta que o significado orixinal de viquingo era “home das bahías” (ibidem, J.Haywood, p.14). Segundo, na Ría de Ribadeo había un cenobio de importancia comercial, segundo eles entendían o comercio, o mosteiro de Esperautano, cuxa noticia da súa fundación no ano 775 da conta o Diploma do rei don Silo, e que estaba sito na magnífica planicie ao pé da Graña, como de forma maxistral resolveu tal misterio de situación, o noso nunca esquecido veciño José María Rodríguez Díaz (Separata de Estudios Mindonienses, nº 24, 2008, tamén na web en https://www.ribadeando.com/2021/01/o-mosteiro-de-esperautano-no-seu-lugar.html). Seguramente algún día atoparase algún vestixio no fondo da Ría destas incursións viquingas, que engadirán outra testemuña evidente á data de asentamento na Vilavella da antiga poboación de Ribadeo.

No ano 858 sesenta e dúas naves viquingas asaltan de novo a costa cantábrica, que segundo fontes cristiáns contaban con catro mil homes mandados polo xefe noruegués Hasting. Aquí temos que poñer en dúbida ou ben, o número de viquingos que desembarcaron, ou ben, o número de barcos que chegaron, pois si como sabemos a tripulación dun drakar era de 32 homes multiplicado por 62 naves, danos 1984 homes, e si foran 70 naves, serían 2240 homes. Polo que ou o número de naves era de 125 = 4000 homes, ou o número de viquingos que asaltaron as nosas costas era menor, cousa que parece máis lóxica, polo enorme número de barcos que representa.

Ordoño I (850-866) rexeita esta segunda invasión normanda e estes foron descendendo polo litoral Oeste da Galiza e Portugal, chegaron ao Norte de África e a Alxeciras, remontaron o Guadalquivir; chegaron ás Baleares, e algúns barcos desta expedición remontaron o Ebro. Algúns vikingos chegaron a Pamplona e prenderon a Sancho García, polo que pediron 90 000 dinares de rescate. Podemos especular que si fixeron todo este periplo expedicionario, puideran ser as 125 naves que levaban a 4000 homes, como arriba sinalábamos?

Nesta época temperá a antiga poboación de Cabanela e Porcillán xa pasara a vivir a Vilavella e en caso de ter contacto de novo cos viquingos, sería de forma pacífica e comercial, pois non hai ningún documento que conte algún ataque cruento nesta zona, cousa que se tería relatado de forma sistemática nalgún dos antigas Crónicas dos reis da Gallaecia, Afonso IV “O Monxe” (925-930), Ramiro II “O Grande” (930-950), de Ordoño III (950-955), do rei Sancho I “O Gordo” (955-967) tal como se conta das invasións viquingas do 969 nas crónicas de Ramiro III (967-984), ou por parte dos freires do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, fundado o 17 de xullo de 969 (Florez, da Orde de San Agustín, Historia Sagrada, t.XVIII, Apéndice XVII). No ano 968 os viquingos están espallados por Galiza chegando ata os montes do Cebreiro. En 1008 ocorre a terceira incursión viquinga e en 1016 atacan a costa oeste galega e secuestran ao bispo de Tui. O bispo-xeneral Cresconio de Trava (1037-1067) de Iria, loita contra eles e as incursións durarán ata o ano 1038.

Este bispo, Cresconio, tivo a “ousadía” de titularse “Bispo da Sede Apostólica” e foi excomungado por Roma, pois recearon del ó ver que pretendía semellar ou incluso superar Santiago a Roma. En cambio o magnífico arcebispo e diplomático Diego Xelmírez esixíalles aos cronistas da “Compostelana” que o seu tratamento fora o de “Summus Pontifice” e Roma non se alarmaba nin se perturbaba. Fora tal a loita continuada que no tempo de Cresconio tiveran os clérigos galegos de Santiago contra dos viquingos e das pelexas “políticas” internas, que aínda cando Xelmírez accede a sé episcopal, había sete canónicos que se presentaban na catedral con capa vermella e calzando espolas, conxugando a fe do monxe e o pulo do guerreiro. Un verdadeiro crebadeiro de cabeza para o bispado de Diego Xelmirez desde 1101 a 1136. Pero esa é outra historia.

En Ribadeo, tamén temos noticia no ano 1002, do Mosteiro de Santa Eulalia de Ermolfi, hoxe Santa Eulalia da Devesa, que foi doazón da conversa Iquilo ao biso don Armentario de Dumio (983-1011) (Henrique Florez, Historia Sagrada, Tomo XVIII, ano 1764, p.111). Tal nome refírese a “ermo”, terreo raso e desabrigado, coa terminación “–elfi”, dun antigo posuidor xermánico. En que sitio estaba situado na parroquia da Devesa e por qué desapareceu este mosteiro?. Tamén foi coñecido este mosteiro polos invasores viquingos? Non hai ningunha dúbida da chegada dos viquingos a Ribadeo, polo seu valor estratéxico, comercial e de poboación. A demostración de tal aserto, está enterrada no fondo da Ría de Ribadeo. Só faltan cartos para seguir investigando tamaña fonte de información histórica, tal como se recollen as magníficas pezas de cerámica na exposición da Oficina de Turismo. Esta peza, por exemplo, non é unha sopeira para servir a sopa na mesa dun barco. É unha crátera grega? Non sería, en ningún caso, estraño que así fora, pois temos moitísima Historia, con maiúscula, por descubrir.


 

Ningún comentario: