20211017

Relaxing cup of café con leche in illa Pancha


 

   Vai para unha decena de anos, querendo facer propaganda de Madrid de cara a conseguir ser a sede das olimpíadas, a daquela alcaldesa de Madrid Ana Botella difundiu a súa famosa frase para invitar a tomar unha 'Relaxing cup of café con leche in Plaza Mayor'. Daquela, a inconsistencia inglispan xogoulle unha mala pasada á 'Mayor' madrileña, tomándose como un reflexo lingüístico da inconsistencia do proxecto que quería defender.

   Esta semana, enmarcado dentro da campaña das Panchas, o alcalde de Ribadeo colgou nas redes sociais unha foto na que aparecía o empresario contratista da illa Pancha cun cartel das Panchas diante da cafetería na illa. Fernando Suárez Barcia republicou na rede a foto colgada polo Concello de Ribadeo coa lenda 'Imaxinas tomar un delicioso café cos raios do sol na túa cara e fronte a unhas marabillosas vistas á ría de Ribadeo (...)?' Certo, quería promocionar as panchas, non Ribadeo... mais coido que para Ribadeo mellor iría unha foto da ría, non de cartel, empresario e local, e cunha lenda como "Imaxinas os raios de Sol acariñando a túa cara e fronte a unhas marabillosas vistas da ría de Ribadeo?" Sol, vistas, liberdade, son gratuítas. É dicir, non peaxe de entrada, a illa é común; non beneficio privado, senón beneficio público. A illa debe estar aberta non só en horario para consumo de cafetería, e mellor que ver as vistas a través de mamparas, velas directamente, sen intermediarios de vidro e sen ter que estar pendente da cunca de café e o seu pago.

   Non, neste caso a inconsistencia non está nun anuncio en inglispan, senón en empregar un ben común nunha promoción particular. Ben común que non queda circunscrito á illa Pancha, senón tamén a unha estrutura administrativa posta ó servizo da desposesión desa illa (que era, antes, en pasado) símbolo das xentes de Ribadeo mar adiante.

   Vivimos nun pobo marabilloso. A foto, tomada esta mañá dende as escaleiras de Ernestina Mansilla, sentado nos chanzos, relaxado co Sol de frente, ría por medio, dá testemuña de que non fan falta grandes cousas para desfrutar de Ribadeo. E non, non fai falta privatizar un ben común para desfrutalo. Máis ben ó contrario, é un impedimento.

Ningún comentario: