20211110

10 de novembro, comeza a mobilización contra o abuso bancario en Ribadeo

   Ribadeo, 12:30, diante do Banco de Santander. Como entidade máis grande do panorama estatal, tocoulle a primicia das mobilizacións contra o abuso bancario. Semanalmente, en Ribadeo, haberá concentracións ata completar o abano de entidades bancarias da vila... ou a solución do problema.

   Mellor que resumir os puntos, deixo o texto lido por Meli Blanco Lombardero e o final da alocución, xunto con algunha foto de Suso Fernández. Ah! e a próxima concentración, o mércores 17, ás 12:30, diante de Abanca.
Foto de Suso Fernández

  Aí vai:

"Pois aquí estamos.

Nós, ós que eles chaman clientes, e que nos recoñecemos a nós mesmos como usuarios obrigados.

Esta é a primeira dunha serie de concentracións que iremos facendo os mércores para opoñernos de xeito frontal ó maltrato que nos dan os bancos. Quede moi clariño que non temos nada contra os seus traballadores, absolutamente nada: somos conscientes de que tampouco están a pasar polo seu mellor momento.

Un maltrato que se ve na usura que en moitos casos utilizan con nós. Bancos que gañan cartos a carrados, a conta de cobrar comisións, abusivas sempre e a conta de todos, que estamos literalmente obrigados a darlles os cartos co beneplácito dos distintos gobernos.

Hai unha necesidade urxente de crear unha banca pública, e non se trata de comunismo. Trátase de xustiza: cos teus cartos rescatáronse os bancos. E agora, esas mesmas entidades róubante e mesmo te din o horario no que tes que pasar a pagar, pois non lles vale calquera hora dentro da xornada laboral, ten que ser cando eles queiran, sen importarlles nada. Se traballas ou non, iso é problema teu. Como tamén é o teu problema ter un ordenador e facer ou non cursos de informática para dispoñer dos teus cartos, porque por ventañiña non poden darchos, como se foras alguén apestado. Como se todos nós lles debéramos sumisión.

Como persoas, non sei se lles importamos. Os nosos cartos si, si son importantes. Xa antes era bo o dito de ‘tanto tes, tanto vales’. Pois agora é máis certo: se tes moito pagas pouco, se tes pouco pagas moito.

O Santander, o banco diante do que estamos, logrou uns beneficios de xaneiro a setembro deste ano de pandemia, de 4800 millóns de euros. En nove meses! Case 18 millóns diarios!

Fai falta dicilo ben alto: Banca pública xa! É unha necesidade."


Ningún comentario: