20211128

Inaudita Multiplicación. Eduardo Gutiérrez

    Deixo a continuación a nota de Eduardo (Lalo) Gutiérrez sobre o nome da ría de Ribadeo, que ten xaído hoxe mesmo na Comarca:

Inaudita Multiplicación

Hai uns días a autoridade estatal competente en materia de nomes xeográficos decidiu interpretar a reivindicación do inaxeitado nome da Ría del Eo, que eles mesmos tiñan rexeirado, e resolver o prurito dunha chamada hiperbolicamente Dirección de Política Lingüística de Asturias, e interprerar a teima do nome incorecto de Ría del En como se fose un trastorno obsesivo compulsivo, e contra todo prognóstico darles a razón. Nen sequera nisto da psiquiatría caritativa e da frenopatía das silveiras; son orixinais pois que xa antes de que o nome de Vegadeo fose oficial, ou sexa a partir de 1916, un bispo de Oviedo comezou a empregalo porque tiña os seus motivos de competencia polos límites dos diezmos e outros gravames e arbitrios, así que bautizou como Vegadeo o que era A Veiga de Ribadeo. Pero se no canto de distraernos cos argumentos de encargo político e instrucións recibidas, preguntámonos pola procedencia da teima, e facemos un breve repaso histórico temos que ir á orixe, ou sexa ao que antigamente se charimou concello de Reboredo e hoxe Castropol.

Prescindamos de aboenzas dinásticas e vaiamos a hai uns trinta anos. A quentura dums veraneantes que faltos dun sinxelo banco das mentiras, que soe ser o pousadoiro dos mariñeiros con gañas de leria para amenizar os seus ocios, decidiron encirrar unha suposta reivindicación que ao mesmo tempo distraía do contaste entre Ribadeo e as restantes vilas, entrea s que sempre houbo relacións cordiais e pequenos ciumes por asuntos de fútbol e festas. E mesmo episodios anecdóticos como cando en 1881 co gallo do bicentenario da morte de Pedro Calderón de la Barca, o concello da Veiga organiza una Procesión Cívica no seu honor e convida ao de Ribadeo, e este resposta que as súas moitas ocupacións impidenlle asistir. É rechamante a enxeñosa prosopopea do contemporáneo e historiador Fernando Mendez San Julián: "Os veigueños sempre foron moi calderonianos", Frase que ten numerosas posibilidades.

Pero voltando ao nome da Ría era ben mellor que ocupasen as súas inquedanzas estivais en procurar protección para o esteiro e recursos de todo tipo. Na Liñeira, por exemplo, botouse en 1873 o derradeiro buque de grande porte que saíu daqueles estaletros, a corveta J.M,B, de 289 Toneladas de Rexistro Bruto, para a armadora Bengoechea de Ribadeo. Hoxe esa tradición sitúase nas Figueiras e ninguén se ocupa de pescudar de onde ven o nome da razón social desas instalacións que é o dun topónimo do concello de Barreiros. Unha pegada, a de Francisco Díaz Fernández, o fundador da que nos sentimos orgullosos, Este antollo síntoma de embarazo partidario artificial que non científico, significa unha distracción ociosa e con custos que pagamos todos. Estamos perante un novo chanzo no que se chama invasión cultural; na liña de denominar o galego oriental como bable occidental: Realmente esta parte de Asturias é aunica zona onde se fala un idioma normalizado diferente do español e con alto nivel de falantes, e isto non se debera prestar a facerlle caso a uns cantos chanfonetas.

Quizais con esto dos dous nome cabe citar aquela cantiga de 'que ben capeas o vento/asi fai a boa moza/cando quere dous a un tempo'. A resolución ten para nós o valor cientifico da cantiga, que ven ser o mestro que asubiarlle aos biosbardos. De seguir con estas liñas discursivas quizais algúns opinen a prol da multiplicación dos nomes como se foran pans e peixes, e se engada tamén Ría do Suarón ao esteiro, en contra da normativa internacional. Pero xa que andamos en relatos bíblicos, inspiracións e ocorrencias, pode que alguén se deixara engaiolar coa libación das xerras de Canán.

Ningún comentario: