A quen lle importa o que poda ocorrer nos límites do concello? Aló nas afastadas terras de Remourelle, de Noceda, mesmo nos altos de Covelas ou Vilela? Se por alí non vai nin quen vive! E, total, por uns muíños de vento como os de Don Quixote! Estes, sequera, asemellan máis a xigantes que os sinxelos muíños manchegos. Total, 220 metros de alto... total, só dúas veces o valado ó longo do fronte do Pepe Barrera, ou unhas cantas veces a altura da Torre dos Moreno. Non é para tanto, moito máis altas son as torres Petronas ou o... como se chama? Burj Khalifa? E, mira, eses edificios son emblemas nas súas cidades! Ata saen nas fotos de promoción turística. Que se podan ver dende as Catedrais? Iso está por ver, xa o disimularán, e total, un pouco de contraste, non fai dano, non? Ademais, aló ó lonxe... e os turistas non miran para aló.
Certo, aínda por riba van producir postos de traballo. Coido que, unha vez feitos, unha persoa vai estar de continuo de vixilancia entre os de Foz, Barreiros e Ribadeo. E alguén terá que estar na sala de control, non? Que a produción eléctrica seguirá a ser das grandes empresas que nos terán cautivos para o consumo? Pois como ata o de agora, non? Normal! A quen se lle vai ocorrer usar o vento na súa casa para facer o mesmo que fan as multinacionais con grande rendemento para os seus petos? E, ó mellor, ata abarata o custe, que as renovables baixaron moito de prezo.
E a natureza? A natureza, que? Ou non se van abrir camiños para a construción e mantemento? Abrir camiños, riqueza para o monte! Que algún cabalo se espante ou algún paxaro remate cortado en dous polas aspas é natural, non? Xa aprenderán a non achegarse! E que curioso e alarde técnico, que as puntas das aspas vaian máis rápidas ca un coche de carreiras con só o vento que polo demais, só causa molestias e axitación das árbores! Os refugallos en canto remate a vida útil? Iso xa se verá. Procurarán unha solución, sempre se fixo.
Curioso tamén que eses veciños que viven tan preto, tan preto, só a máis de 1 km, se poidan queixar de ruído. Serán esaxerados! Que vaian vivir máis lonxe, no campo hai sitio! E din ata que os muíños producen interferencias na televisión. Pero quen ve hoxe a televisión, con tanto internet e cousas que facer!
Si, é certo, os terreos páganos moi pouco. Pero claro, están no monte, a como querían que os pagaran? Abondo lles fan con facer pistas e manter ós animais salvaxes lonxe, que lles teñen medo! Que non poden usar os terreos para outra cousa? Aínda de por riba, querían sacar máis cartos? Facer outras cousas en terreos nos que non deixan por mor de que poden baixar o rendemento dos eólicos? A ver, que repartan!
E son tan bonitos, tan estilizados, ata gusta o zungar unha e outra vez das aspas cando se oen ó lonxe. Unha fonte de riqueza para a comarca, como xa dixemos! O futuro da exportación enerxética ás cidades de lonxe! O nos futuro! E iso si que nos importa, non? E para iso non fai falta nin estar enterados, nin apoiarnos os uns ós outros, xa fan todo por nós!
--
Ningún comentario:
Publicar un comentario