Hai xa trempo que veño matinando para un artigo sobre a ocupación das rúas en Ribadeo. Non por grupos de xente organizada que actúe de ocupa, senón por diversas razóns e actividades. Mais coido que é cousa de referirse a unha en concreto pola súa visibilidade. Refírome á ocupación do cruce das catro rúas. Hai dúas semanas que está rematado, ao menos de xeito aparente, como se pode ver no vídeo que deixei daquela, na entrada 'As catro rúas no seu cruce', do día catro de decembro. Dende aquela continúan inmóbiles os valados postos ós que non se lle sve outra misión que entorpecer o paso da xente por ese cruce e o anuncio da empresa que alí os deixou.
Din os carteis da obra que ten unha duración autorizada de dous meses. Aínda non se cumpriron. Mais o 28 de outubro, na nota do concello que daba difusión ó comezo das obras un par de días antes e que copio ó final, a concelleira agardaba que estiveran concluídas a finais de novembro. Non o estiveron, pero o desexo atrasouse só a uns poucos días despois. Mais dende entón o terreo segue ocupado con catro valados ata hoxe.
Deixo un par de fotos para ver como loce:
E a nota do concello dano a nova do comezo das obras:
FANSE AGORA PARA TENTAR MOLESTAR O MENOS POSIBLE
Obras nas "Catro Calles"
28/10/2021Comezan os traballos de mellora e de acondicionamento no cruce das "Catro Calles". O investimento ascende a 23.000 euros. A concelleira de Obras, Mónica Freire, agarda que estean rematados a finais de novembro.
A edil ribadense explicou que "nestes días imos comezar as obras de mellora e de acondicionamento do cruce das Catro Calles, un espazo do cal somos conscientes de que se atopa en mal estado de conservación e que resulta incluso perigoso para os viandantes. Deste xeito decidimos xa hai uns meses elaborar un proxecto para intervir neste punto e reconstruír e reparar esta zona con baldosa de granito gris e cuns grosores que non alteren a cota da rúa. Así melloraremos a seguridade ao tempo que tamén o faremos coa estética desta parte tan central do conxunto histórico da vila".
Mónica Freire subliñou que "o investimento supón un orzamento de máis de 23.000 euros e financiarase por parte do Concello de Ribadeo con fondos propios e tamén coa achega do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través do convenio asinado da Área de Rehabilitación Integral de Ribadeo".
A concelleira de Obras dixo que "decidimos executar estas obras agora, despois do verán e antes do Nadal, para tentar molestar o menos posible tanto aos comercios como aos viandantes en xeral. Tamén estivemos a coordinar estas obras para facelas a continuación doutras, de mellora enerxética, que está realizando agora mesmo unha compañía eléctrica. Como sempre que se levan a cabo obras, a realización das mesmas supón, de xeito inevitable, unha serie de incomodidades e molestias temporais, que estamos seguros que a veciñanza saberá comprender e desculpar".
E engadiu: "pretendemos que estas obras duren o menos posible e que estean rematadas a finais de novembro".
Ningún comentario:
Publicar un comentario