20211226

É o meu deber e responsabilidade...


 
    Cando vexas isto, xa terá pasado un ano máis un discurso pautado de xeito anual polas datas do Nadal... Cando o escribo, xa non queda rastro do discurso anterior, separado catro estacións.

    É o meu deber e responsabilidade, éncheme de orgullo e satisfacción...  Cousa así comezaban algúns discursos, cargados de solemnidade, que se pretende, máis que das proclamadas deber e responsabilidade, orgullo ou satisfacción. Escribo isto antes do discurso de Nadal, pautado, programado, máis ca tradicional e sentido. Cheo de palabras que enchen a boca e pretenden cativar para levar ó rego moito máis do que amosar condutas exemplares.

    Indicar o 24 de decembro (ou o 5 de xuño, que a data pódese variar só con dar outra pauta, e as xustificacións para facelo xa se atoparán) as directrices para un pobo pode ser fastidiado. Non tanto para quen as da, claro, como para quen as recibe e sabe que son impostas para si, pero non teñen por que selo para todos. Que son tomadas por unha obriga -o dalas- por quen as dá, en función de quen as recibe. Pero non impostas pola xente receptora, senón impostas á xente na palabra, que non hai lei que as impoña. Claro que tamén hai que pensar que son ditas para 'a xente', non para ti, que es persoa descoñecida para quen fala e en aparencia, seguirás séndoo por non ter grandes ganas -nin posibilidades- de coñecemento pola súa parte (pola túa é diferente, iso de coñecer a un famoso ten glamour!)

    O ano pasado, un discurso levaba ó final a frase 'No será difícil que el año 2021 mejore a este 2020'. Tómese a resposta como se queira. E, a continuación neste ano nun novo discurso podería ser tamén 'No será difícil que el año 2022 mejore a este 2021': non creo que haxa moita xente e menos medios que lembren a frase do ano pasado, e ninguén lle vai quitar a verdade a un futurible de sentimento, nun discurso deseñado ademais para non ter que dicir nada.

    De calquera xeito, é unha sorte para calquera persoa decente non ter asignada a cháchara de Nadal; o de dar un discurso 'dese' determinado perfil debe causar fastío. Se o cres, porque xa terás a experiencia de que ano tras ano, o de 'agua de borrajas' é aplicable unha vez máis -por certo, o de auga de borrajas é unha infusión que fai suar, pero nada máis, sen outro efecto-. E, pola contra, se non o cres, porque por moi pouca moralidade que teñas, sempre quedará un rastro que che diga que iso non cadra coa moral, aínda que poda facelo coa 'moral ó uso'. Claro que, co mesmo xeito que eu, cando un día de cans me retrucan ó 'bo día', respondo 'é un desexo', tamén no transcurso da lectura quen le o discurso pode pensar 'é un desexo'...

Ningún comentario: