No pasado pleno, o xoves 16, coido que o último deste 2021, aprobouse o orzamento do concello e Ribadeo para 2022. É de congratularse o ter un orzamento xa antes de que comece o ano, como debe ser pero como tantas veces non é.
A raíz do que nos chega, diríase que son uns orzamentos de perfil baixo, sen grandes alegrías, pero que tentan facer a súa función. Segundo o goberno municipal, a característica sería non a pretensión de ser novidosos, senón so manter inversión sen incremento de taxas e impostos. Dá a impresión de que non pretenden agochar nada, só destacar o que consideran conveniente. Pola outra banda, segundo o PP, que votou en contra, adoecen de faltas varias en inversión e mantemento, en particular en relación a proxectos apadriñados polo seu grupo. De ambos campos podemos ter noticias frescas a partir das súas notas de prensa aparecidas xa nos medios. Do outro grupo presente no pleno, o socialista, polo momento non vin novas relacionadas.
Para ir máis aló das posturas partidarias e recabar información, necesítase ir algo máis aló. Quen informa ó pobo? Digo, porque coido que a información que se dá dende o goberno ou dende a oposición é insuficiente para formarse unha idea clara da realidade e un criterio propio. E un pobo desinformado é un pobo cego, pobo que se pretenderá que non sexa tal (cego, non pobo) cando interese e despois de fomentar a cegueira ó non potenciar a transparencia e a participación. Poñamos que se quere coñecer un pouco máis dos orzamentos. Para desentrañar o seu interior, se nos conformamos con anos atrás, na web https://presupuestos.gobierto.es/ (dun grupo nado para impulsar a gobernanza aberta, Gobierto) podemos atopar un resume que ven abondo a conto, de máis doado manexo que a páxina oficial de seguimento dos orzamentos dependente do goberno. Se pretendemos mirar os orzamentos recén votados (é dicir, xa aprobados, non antes da súa votación), ou as contas aprobadas de anos anteriores haberá que pasar pedir o acceso ó documento e velo de xeito supervisado no propio concello. Pero iso podería cambiar, hai os medios técnicos para facelo, non si? De feito, na web de Gobierto hai unha páxina para pedirlle ó concello correspondente máis información e transparencia, https://presupuestos.gobierto.es/users/new?place_id=27051
Se nos quedamos coa información da web de presupostos de gobierto, e lle engadimos algún dato máis recompilado ó longo do tempo, sen tanto detalle poderemos obter algunha cousa interesante e curiosa. Aí van unhas poucas.
O gasto por habitante en 2021 presupostado nos orzamentos de Ribadeo foi un 16 % superior á media provincial, e aínda máis por riba da media galega. En troques, quedou un 10 % por baixo da media estatal. Situación diferente de 2020, pois cun orzamento 8 % inferior, Ribadeo estaba na media galega e ben por baixo da media provincial, e por suposto, estatal. A dicir que nesta variable, o gasto por habitante, só estivo na media estatal no 2015, e só un pouco por baixo no 2016, en toda a serie presentada na web do goberno, entre 2010 e 2021.
No apartado de ingresos, no 2020 o que máis descendeu foron as taxas pola prestación de servizos ou as de uso privativo do dominio público local (a lembrar a situación covid), e do que máis medrou, os traspasos do estado e da comunidade autónoma (a lembrar a mesma situación).
No 2021 a débeda está previsto que absorba o 0,95 % do orzamento.
E revisando entradas Ribadeando, podemos ver que o orzamento para 2021 anunciábase co título 'O capítulo para inversións supera o millón e medio de euros', apuntando tamén a que non se subían impostos. Iso, cun orzamento só 23000 € menos que o rematado de aprobar, e, ó que se se lle axusta a inflación, queda cunha cantidade superior ó aprobado este ano. Como a inflación anual dun ano que aínda non rematou non pode darse, podemos contentarnos coa relación de orzamentos anteriores, con e sen inflación, dende 2005. Aquí quedan as gráficas:
As dúas notas de prensa do concello estes días sobre os orzamentos (a notar que non apareceu na sede electrónica a convocatoria do pleno, facendo a primeira das notas de anuncio dous días antes. Asemade, adáptanse os números ó formato da convención que rixe en España):
A SESIÓN DARÁ COMEZO ÁS 20:00 HORAS
Orzamentos 2022
14/12/2021Os orzamentos para 2022 do Concello de Ribadeo rozarán os 10 millóns de euros, sen que se incrementen os impostos e as taxas de competencia municipal. O equipo de goberno levaraos ao vindeiro pleno extraordinario, que foi convocado para este xoves, 16 de decembro. As contas nacen cunha previsión inicial de inversión de máis de 1 200 000 euros, segundo deu a coñecer nesta xornada o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso.
O edil ribadense contou que "onte celebrouse unha comisión informativa cos representantes de tódolos grupos municipais, aos que informamos de que pretendemos levar ao próximo pleno, o do xoves desta semana, os orzamentos para o exercicio 2022 para a súa aprobación. Son uns orzamentos que ascenden a 9 872 370 euros, é dicir que rozan xa os 10 millóns de euros e sen que se incrementen os impostos e as taxas que son competencia do Concello".
Pablo Vizoso dixo que "estes orzamentos caracterízanse por manter o nivel elevado de actuacións e servizos en diferentes áreas que ven realizando xa habitualmente o Concello de Ribadeo, recóllese tamén o incremento salarial do 2 por cento establecido polo Estado para o persoal público. Increméntase o capítulo de servizos e de financiamento de actividades nas áreas sociais, culturais ou deportivas para dar resposta á previsión de maior actividade trala agardada volta á normalidade. Mantéñense as axudas para o tecido asociativo, coma nos exercicios anteriores, destinadas a asociacións deportivas, culturais, asistenciais,…".
O concelleiro de Economía subliñou que "os orzamentos nacen cunha previsión inicial de inversión de máis de 1 200 000 euros, financiado na gran maioría con fondos propios municipais e noutra parte pola Deputación de Lugo. Consígnanse partidas para actuacións moi importantes para Ribadeo como as dos barrios da Faxarda, A Pega ou Río Amalló, a rúa Rodríguez Murias en Rinlo ou diversas inversións tamén noutras rúas. Contémplanse recursos para a adquisición de terreos para o plan de camiños de titularidade municipal, saneamentos, reposición de tramos da rede de abastecemento de auga, melloras e reparación en instalacións deportivas e en locais sociais de diferentes parroquias, na praza de abastos e para melloras de eficiencia enerxética en alumeados públicos ou tamén o espazo polivalente para actividades formativas e de emprendemento. A estas inversións hai que sumar as que recentemente foron ou están a piques de licitarse e que serán executadas ou iniciadas nos primeiros meses do 2022; refírome á senda ciclable dende a área dos Bloques ata as inmediacións da Illa Pancha ou o espazo multideporte de Pintor Fierros. Esta aposta polo investimento promovida dende o Concello de Ribadeo é unha boa proba do proceso de reactivación económica en diferentes áreas á que poderán optar as empresas interesadas. No ámbito social mantéñense os fondos para familias con necesidades, para atender o servizo de axuda no fogar e a axuda específica para a xestión do Hospital Asilo, entre moitas outras".
Vizoso Galdo engadiu: “e conséguese financiar todas estas partidas, actividades e servizos mantendo a débeda do Concello nun niveis r"almente baixos, reflexo dunha xestión eficiente e de equilibrio orzamentario. Soamente como dato: as estimacións que manexamos son que ao remate do exercicio actual a débeda do Concello se sitúe en torno ao 12 por cento, unha porcentaxe ou unha ratio que nada ten que ver coa débeda que se viña arrastrando noutras etapas. Por suposto todas estas partidas veranse incrementadas ao longo do vindeiro exercicio coas achegas do plan único provincial da Deputación de Lugo e coas que poidan prever tanto a Xunta como o Goberno do Estado, cando sexan firmes e confirmadas, asinando os convenios ou acordos que procedan co Concello de Ribadeo".
CON INVERSIÓNS CERTAS, PRECISAS E COMPROMETIDAS
Aprobados os orzamentos para 2022
17/12/2021No pleno extraordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo foron aprobados os orzamentos de 2022 que ascenden a case 10 millóns de euros. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, subliñou que contemplan un elevado nivel de actividades e inversións sen subir impostos nin taxas e sen incrementar a débeda.
O edil ribadense dixo que "na tarde de onte celebrouse o pleno extraordinario no Concello de Ribadeo no que se aprobaron os orzamentos para o vindeiro ano 2022. Trátase duns orzamentos que ascenden a case 10 000 000 de euros para manter e mellorar o elevado nivel de actividades e de inversións no noso concello: dende reposición de rúas e camiños, saneamentos, investimentos en instalacións deportivas e en locais sociais, melloras enerxéticas, adquisición de terreos, apoio a asociacións de carácter cultural, deportivo ou asistencial, medidas e actividades de apoio ao comercio local e actuacións de protección social, que benefician a todo o pobo de Ribadeo. Tamén inclúen, por suposto, a subida salarial do persoal público e unha aposta moi forte pola inversión, xa que tendo en conta o proxectado para o ano 2022 para obras ou equipamentos e máis o que se está licitando nestas semanas para iniciar a súa execución dende primeiros do vindeiro ano, como é a senda ciclable ou as pistas multideporte, suman xa máis de 2 000 000 de euros nesta partida".
Pablo Vizoso sinalou que "outra característica dos orzamentos é que se consegue chegar a estas magnitudes sen subir os impostos nin as taxas e sen incrementar o nivel de débeda do Concello, que nada ten que ver coa existente hai algúns anos e que condicionaban o seu día a día".
O concelleiro de Economía contou que "por parte da oposición, concretamente o voceiro do PP, cualificou estes orzamentos de continuistas; e teño que dicirlle que é certo que o son, porque con moito orgullo continuamos incrementando a inversión, as actividades e continuamos apoiando ao tecido asociativo e comercial e atendendo e preocupándonos do ámbito social e asistencial. Do mesmo xeito foi necesario lembrarlle que, sobre a inversión no hospital asilo, o Concello mantén reservados exclusivamente para este fin os fondos da herdanza do doutor Moreda así como outros posibles recursos para atender esta importante reforma e adaptación do edificio e que é precisamente nos orzamentos da Xunta onde non figura nin un só euro para esta actuación a pesares de que se trata dunha competencia exclusivamente autonómica".
Vizoso Galdo engadiu que "de forma semellante, sobre o anuncio dun centro de saúde para Ribadeo respondémoslle que os orzamentos recollen necesaria e obrigatoriamente inversións certas, precisas e comprometidas e non simplemente ideas. E que xa hai máis dun mes que lle trasladamos á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a disposición plena do Concello de Ribadeo para traballar conxuntamente neste obxectivo e que seguimos á espera da súa reposta para poder analizar e determinar a mellor maneira de aportar os recursos do Concello aínda que, por desgraza, outra vez máis onde non se ven fondos consignados é nos orzamentos da Xunta, que precisamente é a que ten a obriga da prestación sanitaria. Mentres tanto, en representación do pobo de Ribadeo, esiximos que se dote ao actual centro de saúde dos profesionais sanitarios e dos medios técnicos que todas e todos nos merecemos e aos que temos dereito".
1 comentario:
A xente non se dá conta do importantes que son os orzamentos para unha cidade.
Publicar un comentario