20211209

Reconstitución

    Escribo isto dende a ponte da Inmaculada Constitución, ese estimado tempo que a moita xente lle fai lembrar que ambas cousas existen, a constitución e as virxes.

    O certo é que, despois do día da Constitución, non está nada mal que quede un tempo vigorizante e filtrante para asumir toda a fluencia de mensaxes de todo tipo santificando a Constitución. Isa que se puido votar no 1978 para facer pero non se pode votar agora para refacer. A mesma que necesitou maioría nun referendo para chegar a existir pero só unha votación das cámaras de representantes para reformar cando lle conviu a algúns. A mesma que non importa que fale da garantía (xa non dereito) a unha pensión adecuada, pero se forza para que a irresponsabilidade do rei vaia máis aló dos límites do seu mandato.

    Por desgraza, nunha viaxe en coche caín nas ondas dun grupo de especialistas usados a modo de tertulianos sobre as bondades da Constitución. Máis que da Constitución en si, falaron de que permitira un grande progreso económico e de que non debe ser tan mala cando o permite (atención, coido que non dixeron nunca que dera un impulso económico, senón só que o permitiu). Tamén, de que a constitución non se podía estar cambiando cada dous por tres (pasaron de puntiñas sobre as dúas reformas exprés). Que os extremistas no goberno eran anticonstitucionalistas (deixando á parte o de extremistas, a comentar noutro lugar, o de anticonstitucionalistas, sinxelamente non é certo, pois quen quere reformar unha cousa non é nin moito menos anti-esa cousa). Que a Constitución salvagardaba o rei, e que fixeran un referendo, que xa verían como o rei saía ileso (contradición entre defender a Constitución como está e nomear de xeito retórico un referendo afirmando coñecer a resposta). Que o rei estaba a ser atacado (confundindo a Constitución coa institución, ó tempo que esquecendo certos chanchullos ilegais para deixalos no limbo da alegalidade). Isos, entre outros comentarios frecuentes no que escoitei.

    Si, despois daquelo fíxome ben reconstituírme. O mesmo que penso que non viría mal unha reConstitución no sentido de reconstituír. Por se estaba a meter a pata, acudín ó dicionario e sorrín: o exemplo do dicionario da RAG para reconstitución é, precisamente, 'O monarca pretendía levar a cabo a reconstitución do reino'. Os dicionarios, tanto o Diccionario de la Lengua Española como o Dicionario da Real Academia Galega teñen significados semellantes na primeira acepción de reconstitución: constituír de novo. Na segunda, a RAG indica 'dar novo vigor a', en sentido figurado. Para quen guste das constitucións, coido que sería de aplauso unha reconstitución tal. No DLE, pasa a un significado con aplicación en medicina: 'Dar o devolver a la sangre y al organismo sus condiciones normales'. Se se interpreta por que funcione normalmente, coido que tampouco estaría mal a cousa, que sinxelamente se cumprise a Constitución, aínda coas súas eivas. E non me estou a referir tanto ós recursos de inconstitucionalidade para as novas leis como a aqueles outros feitos que, precisamente, non chegan, nin teñen visos de chegar, ó Tribunal Constitucional.

    Por certo, por que se celebra o día da Constitución o 6 de decembro no que foi votada polo pobo cun texto que xa non é actual en troques do 27 de setembro, no que o rei, sen intervención directa do pobo, asinou a variación dela que rexe na actualidade?

Ningún comentario: