20211216

Víctor Moro

    Fillo predilecto de Ribadeo, finou. Coñecino, e trateino máis en relación cunha charla que deu, promovida pola AVV O Tesón. No pouco que o tratei, xa no tramo final da súa vida, cambiei a percepción previa de 'prócer' a 'humano con tesón', e puiden aprezar asemade de xeito positivo o seu trato. Non se trata dun panexírico, que xente haberá que alabe a súa traxectoria, senón só de transmitir o que percibín no seu momento. Descanse en paz.

    Deixo a ligazón a tódolas entradas do blog que o mencionan, e o artigo da Galipedia adicado á súa persoa (que iniciei eu),tal como está agora mesmo, a máis da nota de prensa do concello ó final..

--

Víctor Moro Rodríguez, nado o 25 de abril de 1926 en Ribadeo e finado o 15 de decembro de 2021 en Baíña (Baiona)[1], foi un empresario e político galego centrista.

Traxectoria

Economista

Marchou de Ribadeo a Ferrol, logo de aprobar unhas oposicións ao Banco Pastor[2]. Fai o servizo militar destinado no Ministerio da Mariña, en Madrid, onde aproveita para estudar Economía. Logo de licenciarse empezou a súa carreira política vencellado ao Banco de España, onde entrou como técnico en 1948. Ascendeu a interventor aos dous anos (1950), na delegación de Murcia, e despois dunha década aló aproba unha segunda oposición, para interventor de sucursais, que aproba co número 1 en toda España (1960-62)[2]. Marchou á empresa privada para ser director financeiro e administrativo[2] de Pescanova en 1962, cargo que mantivo ata 1975.

Logo do paso pola política, regresou ao Banco de España como director da sede de Vigo (1980)[3], Cataluña (con sede en Barcelona, desde 1982) e posteriormente, desde 1992, subdirector xeral nas oficinas centrais de Madrid.

Tamén formou parte do consello de administración da construtora San José (1995-1999) e Unión Fenosa (1997-2002). Nas últimas décadas de vida foi presidente da consultora Solventis[3], da que son socios os seus dous fillos, Alberto Moro e Pablo Moro, e da distribuidora Vima Foods, da que era accionista o seu outro fillo, Víctor Moro Suárez, dedicada á distribución de alimentación en Cuba, e en 2021 con sede en Panamá. Tamén foi conselleiro da empresa de plásticos Poligal (1996-2021[Cómpre referencia]). Ademais foi vicepresidente de Inesga, unha sociedade de consultoría e investimento participada pola Xunta de Galicia (2002-13)[3].

Político

A súa carreira como político comezou ao remate do franquismo, cando foi nomeado director xeral de Pesca Marítima dentro do Ministerio de Comercio que dirixía Leopoldo Calvo-Sotelo. Membro da Xunta Democrática,[4] nas eleccións xerais de 1977, as primeiras tras o retorno da democracia, saíu elixido como deputado pola provincia de Pontevedra nas filas da UCD. Ocupou o escano durante dous anos, ata o remate de 1978, e nese tempo defendeu no Congreso a adopación dun estatuto de autonomía para Galicia[5]. Durante ese tempo desempeñou o cargo de subsecretario xeral de Pesca e da Mariña Mercante no Ministerio de Transportes e Comunicacións, baixo a dirección, primeiro de José Lladó e logo de Salvador Sánchez-Terán. Atribúeselle a reforma legal que permitiu a creación de empresas pesqueiras mixtas (hispanomarroquís) e o primeiro acordo pesqueiro con Marrocos[5].

En 1979 encabezou a candidatura da UCD ao concello de Vigo e vence nas eleccións municipais. Porén, o pacto das esquerdas levou a Manoel Soto á alcaldía e senta a Moro como líder da oposición municipal. Deixou a política activa uns meses despois, en 1980, por uns anos, e regresa como membro de Coalición Galega e durante uns meses o líder da formación, posto do que dimitiu en 1984.

Premios e distincións

Notas


  1. Vázquez Sola, Manuel (2008-01-13). "El político que nunca mandó". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-12-15.

Véxase tamén

Outros artigos

Outros artigos

Ligazóns externas

  • Pérez, Julio (2021-12-15). "Muere el economista y político Víctor Moro a los 95 años". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2021-12-15.

  • "Víctor Moro". www.crtvg.es. 03/05/2014. Consultado o 2021-12-15.

  • "Víctor Moro Rodríguez". www.solventis.es. Consultado o 2021-12-15.

  • "La nominación de Rosón..." El País, 9/3/1978 (en castelán). 
  • --

    Víctor Moro e Fernando Suárez na escalinata do concello.

    FOI NOMEADO FILLO PREDILECTO DE RIBADEO EN 2012

    Pasamento de Víctor Moro

    15/12/2021

    As bandeiras do Concello ondean a media asta como mostra do pesar do pobo de Ribadeo polo pasamento de Víctor Moro. O economista e ex director do Banco de España en Cataluña faleceu hoxe aos 95 anos de idade.

    O alcalde, Fernando Suárez, dixo que "lamentamos a súa perda. Víctor Moro, ribadense de nacemento, sempre estivo moi vinculado á nosa vila a onde acudía con certa frecuencia". 

    Víctor Moro fora nomeado Fillo Predilecto de Ribadeo o 2 de setembro de  2012. O rexedor destacou no discurso pronunciado esa xornada que "mención especial debe ter o seu compromiso con este Concello que o quere laudar e coa súa Ría, a Ría de Ribadeo que, sendo de todos e todas, divide administrativa e teoricamente unha realidade que as xentes de ambas as beiras se encargan de borrar no decorrer do día a día, compartindo relacións comerciais, lingua, cultura e tradicións. Neste caso, o Sr. Víctor Moro Rodríguez foi e é un activo defensor da legalidade, recoñecemento e difusión do topónimo histórico, legal e vixente Ría de Ribadeo". E engadía: "así pois, logo de toda unha vida, queda patente a súa implicación e relación de amor profundo a esta terra que o viu nacer, que o fai merecente do nomeamento como Fillo Predilecto de Ribadeo. Este recoñecemento viráselle engadir a outros tan excelsos como a Orde do Mérito Constitucional, a Cruz do Mérito Naval, ou a Creu de Sant Jordi, entre outros, méritos todos estes que non podemos desmerecer aínda que ningún deles seguramente teña o significado emotivo e agarimoso como o que lle recoñecemos nós como “profeta na súa terra”, e é por isto que a Corporación Municipal que me honra presidir, outorgou o pasado xoves, por unanimidade, o título de Fillo Predilecto de Ribadeo a D. Víctor Moro Rodríguez".

    En sinal de loito polo pasamento de Víctor Moro as bandeiras do Concello de Ribadeo ondean a media asta.

    Ningún comentario: