20220117

Consumo, recursos, servizo

    Estamos afeitos a mirar as cousas dun determinado xeito, e moitas veces é difícil sacarnos de aí para ter outra visión máis ampla, para poder ampliar a nosa base de pensamento. Como cando dicimos 'macrogranxa' e non imaxinamos que, poñamos, 7000 cochos xuntos podan producir tanta merda ou mexos como toda a vila de Ribadeo, ou de Vilalba. Iso, sen aprezar tampouco a diferenza que supón que a extensión das vilas sexa moitas veces superior á extensión das granxas, cos cochos semiinmobilizados e xuntiños de xeito que iso da 'separación social' que empregamos contras os contaxios na sociedade humana é un imposible que leva á xeralización da medicación dos cochos que nos van servir de alimento. Ou que o sistema de saneamento dunha granxa teña pouco que ver co sistema de saneamento dunha vila comparable en volume tratado. Ou o de limpeza nas habitacións e aseo persoal co de limpeza nas xaulas (si, xaulas) e aseo dos porcos. Pero, como iso das macrogranxas entrou en campaña electoral, podemos mirar artefactos máis próximos a nós. Poñamos, un coche.

    A ver se me explico. Collo un coche que coñezo, o meu actual. Vai vello, aínda que ten resultado moi bo e de baixo consumo. Leva case 400 000 km ás costas ó noso servizo, e se fose persoa, xa tería sido chamado a votar algunha vez. Para chegar a ser, foron necesarios uns 1400 kg de diversas substancias, a meirande parte, ferro. Unha masa case vinte veces a miña e un ferro que, por certo, tivo que viaxar, que ser transportado, milleiros de km antes de chegar a ser coche, pasando polas fundicións, claro. Curioso que, mercado novo ó peso, custara uns 10 €/kg. Abondo máis caro que calquera alimento 'normal' daquela.

    En todas as viaxes que fixo foi abondo frugal: calculo que 'só' consumiu uns 20 000 L de gasóleo, 17 000 kg. Para facernos idea, un camión cisterna. Un peso de combustible máis de 200 veces o meu. Unha cantidade equivalente a pouco menos da metade da cantidade de auga que bebe unha persoa na súa vida duns 80 anos, catro veces máis lonxeva que o coche. Combustible que tivo que manufacturarse (co conseguinte consumo enerxético) e traerse tamén de varios milleiros de km de distancia. Por certo, só a cantidade de dióxido de carbono que lanzou a atmosfera en todo ese tempo sobrepasa as 54 toneladas, ou, en volume no aire, os 27 millóns de litros, 27 000 m3 (unha ‘piscina’ de 100 m x 100 m cunha profundidade uniforme de 2,7 m). As outras cousas que emitiu non sabería calculas todas.

    Claro que, 400 000 km de servizo supoñen, de haber estrada, 10 voltas á Terra polo ecuador ou polos polos. Ou a distancia á Lúa e algo máis. Ou, camiñando a unha velocidade nin rápida nin lenta, 100 000 horas: a oito horas diarias, uns 33 anos. Dito doutro xeito, para emular o recorrido, tería que ter camiñado unha xornada laboral un día de cada dous dende que nacín. E teño claro que moitas veces non podería levar a carga correspondente comigo...

    Ou sexa, un grande servizo dunha marabilla tecnolóxica, por moito que haxa outras máis marabillosas e actuais. A costa dun consumo de recursos para un cuarto dunha vida humana que podemos dicir que marabilla tanto como que espanta.

Ningún comentario: