Test negativo |
Unha das cousas puntuais que se lembra dos primeiros tempos da pandemia é a inexistencia de máscaras debida á escaseza. Tanta, que ata se dicía dende os centros directores da loita antipandémica que non eran efectivas, cando é evidente que representan unha barreira, a máis do feito de ser algo común en tempos prepandémicos o uso de guantes e máscara xunto coa necesaria hixiene en casos de posibilidade de infección. O caso é que como se supoñía daquela e se puido colixir despois, o non aconsellar o uso de máscara respondía a unha verdade tamén evidente: non había máscaras abondo. Nin abondo menos. E non as había porque estaban producidas en xeral a moitos quilómetros de distancia, en particular na China. 'Nós' perdéramos a capacidade de produción. A cousa tratouse de paliar de xeito particular ou asociativo próximo, poñéndose xente voluntaria a fabricalas como podía e tiña a ben entender, cun produto resultante que en moitos casos era totalmente ineficiente para a labor que se lle encomendaba, levantar unha barreira antivirus, e no resto dos casos en xeral brindaba unha protección ben menor que unha máscara industrial normal para o seu uso cirúrxico.
Tivemos daquela noticias das vendas dos cargamentos de máscaras nos aeroportos chinos ó mellor ofertante. Tamén doutras artimañas do mercado no sistema capitalista ó que estamos afeitos pero que sempre rematan de sorprendernos cando nos decatamos nos peores momentos. E, despois da normalización da produción e subministro, anunciouse a nivel europeo e a nivel estatal en España a promoción (impulso legal e poñendo cartos) dunha industria autóctona. Entendeuse a nivel xeral que se trataba de recuperar ou substituír as industrias que se deixaron marchar a outros países por iso de que a deslocalización ía moi ben para as ganancias. Diso hai máis dun ano como todo o mundo sabe. Coido que o subministro segue a vir da China de xeito maioritario...
Ó tempo das máscaras estaba tamén o caso dos respiradores, máis complicados de facer pero que tamén puxeron a traballar a persoas anónimas para tentar cerrar o oco entre subministro e necesidade, auténticos hackers en prol do ben común con resultados que coido se poden cualificar de marabillosos, aínda que non chegaran para cerrar o oco. E despois das máscaras, viñeron outros útiles con azares comparables. Esta tempada o tirón é dos test de antíxenos. E volvemos ás mesmas. Hai poucos días, por precaución ante o contacto dun familiar con xente que deu positivo, quixemos facer o test. Fun á farmacia ó mediodía, a de garda, e non había. Puxéronme na lista para ir pola tarde por eles, cando lles chegara un subministro (como orientación, o subministro dixéronme que sería de 45, e hai cinco farmacias para dez mil habitantes, cunha cantidade de infección naquel momento superior a cen persoas confirmadas). No medio, outros familiares dixéronme que por circunstancias tiñan test, déronme e solucionei. Pola tarde, fun á farmacia e quixen mercar máis, para devolver os que me deran. Quedei noutra lista para o día seguinte. Como ó día seguinte os familiares me dixeron que xa solucionaran, ó chamar da farmacia para avisar de que xa estaba o pedido, preguntei se seguía habendo escaseza deles, e ó contestarme que si, anulei o meu pedido. Esperemos que se nos volven a ser necesarios, a situación estea máis normalizada.
No entanto, pensei no tema da escaseza de máscaras, e mirei de onde viñan os test que pasaron polas miñas mans ou por mans dalgúns coñecidos. Non foi unha sorpresa comprobar que tamén os test veñen da China. Coido que algo falla no sistema.
Ningún comentario:
Publicar un comentario