20220227

De Ninguén a Don: compañeiros de viaxe, ecoloxistas e outras composturas

De Ninguén a Don: compañeiros de viaxe, ecoloxistas e outras composturas

    A guerra sempre é mala, mais se a hai é porque hai quen a considera un mal menor.

    Na escola estudei Dniéper, Dniéster e Don como os ríos que corrían cara ó mar Negro no que daquela non sabía territorio Ucraíno. Mais Don, ten abondo máis significados que o nome do río. De habilidade a concesión, pasando polo tratamento de respecto, sexa de xeito debido / ganado ou indebido / roubado, herdado, semellado por impostura ou outras posibilidades. E, en moitos tratamentos administrativos, emprégase o título de 'Don' (ou dona) por defecto para calquera persoa. Pode que por iso, para aproveitar o que se interpreta como contraste, haxa quen use a expresión 'Don Ninguén' para remarcar que hai persoas que non se teñen que considerar por moito que poñan algún tipo de Don diante, ou sinxelamente, que poden non considerarse. Entendámonos: non é que non se consideren persoas, é 'como se non se considerasen'.

    Hoxe están literalmente de moda as novas sobre a guerra de Ucraína. Que si Putin, a OTAN, incumprimento de tratados, imperialismo, fascismo, a economía... Cinguíndonos a Rusia e Ucraína, rondan os douscentos millóns de persoas. Pregúntome cantas delas estaban hai, poñamos, un mes, traballando para que houbese guerra. E se precisamente son elas as máis prexudicadas pola guerra. Claro, unha vez comezada a guerra, xa non é tan doado a todos eses millóns saír dela, deixala atrás, ou á beira, zafarse como se nada: o normal é que quen queira facelo sexa considerado como traidor a quen, quen tén agarrado o mango, di que son 'os seus'.

    E iso ocorre en tódolos campos, con moitas guerras que parecen máis incruentas, ben porque non se ven as mortes ou a dor tan cerca no tempo ou no espazo, ou nas noticias.

    De aí que me considere un Ninguén, sen nin tan só o don diante. Iso si, un Ninguén como moitos outros millóns de ninguén. Mesmo os Don son tamén Ninguén, forman parte desa constelación de ninguén que somos as persoas no mundo. Do mesmo xeito, todos somos Don, pois a todos se nos debe respecto. Pero, para non caer na tentación de crer que ese respecto é un privilexio, ou de usalo como arma, o ser ninguén Ninguén, está ben. Un ninguén máis.

    Ser persoa (coma ti) implica ter moitos compañeiros de viaxe neste mundo, queridos ou non, de ideas parellas ou opostas, pero compañeiros na sociedade. Aí está o intríngulis de quen cre que quere cousas diferentes ás que ti: o facerte crer que estás illado, que non tes contigo máis que a algún despistado e a quen por unha ou outra razón, é difícil que te diga ‘non’. Porque illado es tan pouca cousa que non es ninguén. Mais, Ninguén, pensa que si hai xente coma ti, aínda que non os vexas ou non os identifiques. En relación a unhas cousas, serán uns. Respecto a outras, outros.

    Quen vai parar o quecemento global ou a contaminación? Os ecoloxistas? Necesarios, si, pero sós, non. Os Don? Cos seus intereses inmediatos, non. Entre todos pode ser posible. Isto é, todos os ninguén, coas contradicións que arrastramos entre nós e internas a cada un, conscientes de que tamén temos intereses inmediatos, árbores que non nos deixan ver o bosque. E sabendo que ó final, tamén os Don son ninguén, tamén con moitas contradicións e poucas solucións a estas alturas. Iso, ou non se fará. Igual que para a paz somos necesarios todos, pero para a guerra, chegado un punto, fan falta poucos. Se houbera dúbidas, aí están os ‘botóns nucleares’.

    A sociedade leva poñendo regras dende que existe. Esas regras son cada vez máis complicadas. E non deberan, porque complican a vida. Pero se hai unha carreira cara á complicación, ó menos en parte é porque tamén se procuran cada vez xeitos máis artellados de saltar o espírito co que se constrúen. E iso non soe poder facelo un ninguén dentro deste sistema. Un sistema, como moitos outros posibles, inestable de por si, aínda que capaz de reproducirse se ten recursos. Se os ten.

    Aprecio a moitos Don. Pero non por iso deixo de saber que non deixan de ser, tamén, ninguén. Por sorte para todos. Por sorte para a humanidade.

Ninguén, un ninguén.

Ningún comentario: