20220220

Entre Don Benito e Villanueva non hai nada

    20 de febreiro de 2022. Hoxe é o referendo sobre a unión de Don Benito (DB) e Villanueva de la Serena (VS), no corazón de Estremadura. Dous pobos con 450 e 175 km2, 35 000 e 27 0000 habitantes, que queren unir os seus destinos como único concello. Din que ten avantaxes. 

    Dous pobos con núcleos urbáns distantes catro km. E eu penso en Galicia, en casos como Alfoz (77 km2 e 1600 habitantes) e o Valadouro (110 km2 e 1900 habitantes), con capitalidades, A Seara e Ferreira, afastadas menos de 4 km entre si, coa poboación máis dispersa, con máis dificultades para ofertar servizos, cunha fronteira mutua relativamente abondo maior... e sen plans á vista para aproveitar sinerxias.

    Non sei se o referendo estremeño chegará a bo fin, pero o mero feito de que o haxa leva a pensar que hai oportunidades, máis aló das querencias. E iso visto dende o territorio minifundista galego (minifundio en terras particulares, pero tamén en pagos públicos), xa é algo.

    Hai pouco tempo que me chegou a información de que un concello, tamén estremeño, ten case a mesma extensión que a provincia de Gupúscoa. Trátase de Cáceres, 1750 km2 por 1997 km2 de Guipúscoa. Pero nese caso, a poboación tamén é abondo diferente, estando a provincia vasca oito veces máis poboada que o concello estremeño. É dicir, non son casos comparables o de DB-VS e Alfoz-O Valadouro con Cáceres (concello) e Guipúscoa.

    E hai xa máis dunha década que tivo certo pulo na administración o impulso á unión de concellos. Aquelo pasou a mellor vida, pois a cantidade de intereses disgregados ó longo da xeografía parece unha tarefa titánica para o tirar adiante a nivel estatal. Mais daquela o interese das institucións chegou a pedir estudos do que pasaba noutros lares, como Dinamarca, unha nación con cincuenta concellos e, ó que parece, abondo máis funcionalidade que por aquí. Claro que ó ser lugares diferentes, non só inflúe que o resto das administracións sexan tamén diferentes na súa estrutura e funcionamento, senón o tamaño do estado ou a mentalidade que se foi marcando na historia do pobo.

    E hai máis cousas. Os servizos de proximidade non teñen a mesma perspectiva nunha unión de máis de 50 000 persoas concentradas en núcleos urbanos e 600 km2, como é o caso de DB-VS que noutra con 15 veces menos habitantes dispersos e un terzo de extensión (Alfoz-O Valadouro). Quizáis sexa máis semellante co caso da Mariña Oriental, catro concellos cun total de 16 000 habitantes e menos de 400 km2, aínda que cun núcleo principal de poboación, Ribadeo, con case a metade dos habitantes do conxunto...

    Si, hai moitas cousas a considerar nunha unión de concellos. O que non parece de recibo é que, tal como están os servizos públicos en Galicia -por centrarnos máis 'no noso'- non se vaia comezando a facer esas consideracións e cando menos, a mancomunar máis servizos.

Ningún comentario: