20220219

O banquete de Conxo (e a árbore)

    Estes días (todo febreiro) está someténdose a votación a elección da árbore europea do ano. Por España está seleccionado o Carballo do bosque do banquete de Conxo, como ganadora a nivel estatal. Nestes momentos, vai segunda na clasificación, con 105 789 votos, despois do Carballo Dunin, polaco el, con 120 353 votos. Os outros clasificados van moi por detrás (ningún chega ós 50 000 votos nestes momentos).

    Resulta que a competición organizada por treeoftheyear.org ven a ser algo así como un intento de dar pulo á conservación da natureza por exaltación de árbores que consideramos como 'nosos'. Algo ben diferente de competicións tipo da que ganaron as Tanxugueiras, pero que non deixa de ser iso, unha competición 'nacionalista'. Para mitigalo, hai que elixir non un, senón dúas árbores, o que ten dado lugar a difusión nas redes sociais de avisos de que se vote a árbore de Conxo e outra que teña pouca puntuación, para que o voto non vaia a outra árbore que teña posibilidades de ganar. Así pois, resulta que un bo fin remata nuns medios nos que se trata de 'uns contra os outros', aínda que polo camiño se espalle historia, beleza e consideración pola natureza.

    Imos agora polo banquete de Conxo. Coido evidente que, se non fora polo banquete, a árbore estaría fóra da competición, e non só porque polo sistema esixe que haxa 'algo máis' ca natureza para competir, senón porque carballos equiparables hai máis dun en Galicia. O caso é que o Banquete de Conxo coido que hoxe non é demasiado coñecido nin en Galicia, e a competición pode darlle un novo pulo ó seu espallamento e ás ideas que abanderou. Como descrición do banquete, collo un parágrafo do artigo sobre O Banquete de Conxo da Galipedia:

"Coincidindo co décimo aniversario dos Mártires de Carral (a sublevación de militares galegos contra o ditador Narváez que acabou co fusilamento de todos eles), os organizadores do banquete buscaban promover unha xuntanza interclasista na que estivesen presentes estudantes e artesáns. O acto suscitou o enfado dos sectores máis poderosos da Compostela da época. Funcionou como un atentado contra o esquema social tradicional preconcibido, de modo que estudantes (de clases podentes, a maioría) e artesáns compartiron pan e mesa."

    E agora, 'por que non votar?' pode ser unha pregunta a contrastar a 'por que votar?'. Ti mesma (ou mesmo).

    A información dada polo concurso sobre o carballo (en castelán) é:

Carballo do Bosque do Banquete de Conxo 

Especie: Roble (Quercus robur L.) 

Idade: 250 anos 

Rexión: Santiago de Compostela, A Coruña, España 

A árbore da Liberdade

Este histórico carballo naceu coa ilustración. Foi testemuña no 1856 do Banquete Democrático de Conxo, acto revolucionario que reivindicou os ideais da nova Europa: Liberdade, Igualdade e Fraternidade. Foi defendido por Rosalía de Castro nunha denuncia ecolóxica pioneira en España. E o bosque que o acolle, ó pé do Camiño Portugués de peregrinación, é hoxe todo un cofre botánico, aberto ó público no 2018 (cunha gran festa popular) tras permanecer inaccesible durante máis dun século. 

Nomeado por: Concello de Santiago de Compostela 

Organizador nacional do concurso: Bosques Sin Fronteras 

GPS: N 42 51.67, W 8 33.143

Ningún comentario: