20220214

O CARNEIRO ALADO DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado

O CARNEIRO ALADO DE RIBADEO
Pancho Campos Dorado


    Fai anos que se sabe do Carneiro alado de Ribadeo, unha xoia da ourivería de filigrana exquisita emulando escamas semicirculares, unha peza 50 gramos de ouro puro de 6,5 cm de altura x 6,4 cm de longo x 2 cm de ancho. Entrou a formar parte das obras de arte máis relevantes do Museo Provincial de Lugo en abril de 1976, cando se adquiriu da colección privada de Álvaro Gil Varela.
    Segundo di Benigno Lazare nun artigo (La Voz de Galicia, 6 xaneiro 2007) parece que a peza foi inscrita como do arte prerromano, e que fora descuberta nun dragado que se fixo na Ría de Ribadeo no ano 1945. Neste artigo tamén expresa que “están sen realizar probas científicas que permitan datala con exactitude e apenas se coñece nada da súa procedencia polo que se pode seguir considerando unha peza enigmática”. 






    Porén, segundo parecer do arqueólogo Felipe Arias Vilas (Lugo, 5 xullo 1949) puxo en solfa a suposta localización na Ría de Ribadeo, pois explica que no ano 1945 non houbo ningún dragado e por outra parte, o estado de conservación tampouco parece corresponderse co que debería de ter unha peza metálica en contacto coa auga mariña durante séculos.(La Voz de Galicia, 6 xaneiro 2007)
Na Wikipedia aparece Felipe Arias como un señor licenciado en Filosofía e Letras (sección Xeografía e Historia) pola Universidade de Santiago de Compostela (1971). Foi funcionario do Corpo Facultativo de Conservadores de Museos, profesor, escritor e arqueólogo. Foi Director Xeral do Patrimonio Cultural na Xunta de Galicia e membro das comisións técnicas do Consello Internacional de Museos ata 2009 cando foi elixido Alberto Nuñez Feijoo como presidente. Ten varias obras de carácter histórico publicadas entre as que se atopan A Romanización de Galicia (1992); Castro de Viladonga (1985); Museo do Castro de Viladonga (1996) entre outras; para máis información ver en gl.wikipedia.org Felipe Arias Vilas.
A opinión, por tanto, de Felipe Arias debera ser considerada de peso, segundo o seu curriculum. Poren, cando di que “o carneiro alado de Ribadeo non se puido atopar na Ría de Ribadeo porque no ano 1945 non se dragou a ría”, non é argumento como para negarlle a procedencia a dita xoia de ser de Ribadeo. Efectivamente, fun comprobar tal evento á Biblioteca Municipal de Ribadeo e nin nas incompletas coleccións de Las Riberas del Eo nin de La Comarca do ano 1945 aparece noticia dun dragado da Ría de Ribadeo, nin sequera parcial. Habería que comprobar os arquivos da Axudantía de Mariña de Ribadeo, pero hoxe está desaparecida.
    A segunda afirmación “o estado de conservación tampouco parece corresponderse co que debería de ter unha peza metálica en contacto co a auga mariña durante séculos” e por tanto, “non se atopou somerxido na Ría de Ribadeo”. Esta afirmación carece de base, posto que a xoia puido estar perfectamente conservada metida nunha pota ou en calquera peza de barro cocido ou de cerámica cerrada hermeticamente, tal e como aparecen ánforas cheas de viño de épocas remotas.
Por tanto, ambas afirmacións, que parecen concluíntes, en contra da denominación da magnífica peza do “Carneiro alado de Ribadeo”, poden ser rebatidas, por ser simples suposicións, que como con todo o que se investiga sen documentación escrita que a apoie, encerra incerteza. Pero parece que calquera evento ou cousa que se denomine “de Ribadeo”, e que teñan grande interese histórico ten unha maldición en contra que trata de borralo do mapa. Véxase, como exemplo, o paradoiro da Diadema de Ribadeo (O Ribadeo que non coñecemos, Ribadeoando, 04/01/2022, La Comarca del Eo, 08-01-2022).
    Volvendo o tema. Quen dixo que o Carneiro Alado se atopara mergullado na Ría de Ribadeo? Quen rexistrou por primeira vez tal achado con ese nome?. Foi o filántropo galego Alvaro Gil Varela? De onde o sacou? Sabemos que D. Alvaro foi un galeguista republicano que gardou e coleccionou moitas pezas de incalculable valor atopadas en xacementos arqueolóxicos da Galiza, entre elas o torques de ouro de Burela valorado en centos de millóns de pesetas e hoxe de varios millóns de euros, o Carneiro alado de Ribadeo, brazaletes, arracadas e pulseiras de ouro de tradición celta. Todas elas pezas esenciais para coñecer algo máis da Historia da Galiza. Pero que cousa máis rara, da a casualidade que o único que se pon en solfa de toda a colección é o nome do Carneiro Alado de Ribadeo. Por qué?
Son moi poucas as pezas que se achan polo mundo arqueolóxico, que sexan feitas no mesmo sitio en que foron atopadas. Xeralmente son pezas que aparecen en sitios onde foron ofrendadas ás divindades, aos enterramentos, foron tesouros escondidos por mil motivos diferentes, son restos que quedan nos campos de batalla, pezas perdidas en tempos de guerra, en emigracións, pezas escondidas de roubos... Por tanto nós tamén temos a nosa propia teoría de onde pode proceder o Carneiro Alado de Ribadeo.
Revisando a técnica da filigrana en grans ou gotas, lévanos a ourivería máis antiga da historia, lévanos a Damasco, o ano 2500 a.C. dous arames retorcidos facendo un cordón co que se vai moldeando o debuxo básico. Non, o carneiro non parece ser da ourivería de Damasco, pero cabe que sexa unha peza das xoias do “tesouro do rei Creso” último monarca do Reino de Lidia entre os anos 560 e 546 a.C.
Lidia foi un reino o Oeste de Frigia na Anatolia, na actual Turquía occidental. O tesouro de Creso estaba formado por un total de 432 pezas e foi roubado, parte das súas pezas subtraídas ilegalmente para outros países e Turquía está recuperando parte daquela marabillosa colección.
Nas fotografías que mostramos, ó lado do Carneiro alado de Ribadeo, vense dúas pezas de ouro dese tesouro de Creso, e o emblema da bandeira do Imperio Aqueménida (550-330 a.C.). Si nos fixamos nas formas das ás, son practicamente iguais en todos estes animais, tanto no cabalo alado e nos dous carneiros do brazalete, como na aguia alada aqueménida, e todos son do século VI a.C. Exactamente igual que Antonio Blanco Freijeiro e Juan Maluquer de Motes pensaban cando dixeron que o Carneiro Alado de Ribadeo databa de entre o ano 525 e 475 a.C. Idade que nós consideramos como a máis acertada, polo que temos á vista, pois non hai máis información que a que nos pode dar a estrutura e vista da peza.
Pero como sempre ocorre cos achádegos nomeados de Ribadeo chegan os “historiadores” e o Carneiro é “mesmamente xemelgo” da Cabra Ibérica da colección da Fundación Abegg de Suíza, e os estudos levados a cabo nos anos 90, “amosan con claridade” que o carneiro data dos séculos XI-XIII ou incluso posteriores. Iso mesmo, con cátedra!
    Menos mal que foi declarado en 2015, ben de interese Cultural da Xunta de Galicia e que segue a estar exposto no Museo de Lugo. E que siga aí por moitos anos máis, pois escóitanse voces que din que foi comprado en Madrid...
Sería bo que puidéramos escoitar a voz da persoa que nomeou a xoia como Carneiro de Ribadeo, e saber o por qué o levou a facelo así, pois non podemos descartar que a denominación actual puidera estar agochando unha peza roubada por un coleccionista. Mentres que non ocorra un milagre que nos revele desde o “Máis Alá” tal evento, esa xoia, marabilla da ourivería, esperemos que siga nomeándose tal cal, o Carneiro alado de Ribadeo, ou pasaranos como coa denominación da Ría de Ribadeo, que aparecerá un señor de Murcia como Lorenzo García Asensio director do Instituto Xeográfico Nacional, que lle veña a poñer un nome, “alternativo”? Pero todo se andará, pois a Invasión Asturiana á Historia, ao territorio do Reino de Galiza, aos achádegos e incluso a toponimia de Ribadeo, aínda non se acabou con aquelas todas falcatruadas que por suposto seguiremos relatando, pois non vexo ningún movemento oficial da Xunta, da Diputación de Lugo, do Concello de Ribadeo, nada absolutamente nada sobre a salvagarda do noso patrimonio. Bueno, están a “calafatear” a capela de Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante, xa fun por alí tres veces e de momento están recebando paredes, tiraron a nefasta obra da escaleira exterior, están refacendo a armazón e o tellado pero de restaurar AS PINTURAS, NADA absolutamente NADA, iso si, picaron os cales interiores adxacentes as pinturas votivas. Xa veremos. Así vai indo a historia.

Ningún comentario: