O pasado día 17 de marzo celebrouse a terceira concentración de veciños e veciñas de Ribadeo para manifestarse pola paz mundial, contra a invasión da Ucraína polos exercitos rusos e contra as guerras en xeral. A este acto asistiron unhas cento trinta persoas.
O día 18, venres celebrouse unha xuntanza na Casa do Mar de Ribadeo á que asistiron 13 persoas, que estiveron de acordo en manter unha plataforma como grupo de traballo para seguir organizando estas concentracións todos os xoves, ás oito da tarde, mentres se manteña a guerra e haxa un grupo de persoas que o desexen.
Os obxectivos, obviamente serán os mesmos anunciados anteriormente. Tal como se comentou nas concentracións pasadas, o grupo fixo xestións para organizar charlas coloquio sobre estes temas e a gravísima situación mundial derivada de esta e outras guerras e das tensións entre as grandes potencias.
A primeira charla terá lugar o día 30 de Marzo ás oito da tarde no Salón de Actos da Casa do Mar de Ribadeo, impartida por Lourenzo Fernandez Prieto (Tito), cadeirádego de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, recentemente elexido membro da Real Academia Galega.
Lémbrase que a próxima concentración terá lugar o xoves, 24 de marzo, ás oito do serán fronte ó concello de Ribadeo.
Como na concentración pasada, manteranse papeis en branco como petición de paz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario