Hai xa tempo (dende decembro de 2019) que os papeis correspondentes á creación da Asociación pro maiores José María Rodríguez están feitos. Dende aquela, tentouse deixar unha estrutura comunitaria de apoio ós nosos maiores en Ribadeo. A idea era comezar axudando na nova residencia ribadense, prolongando tamén o contacto dos residentes coa sociedade da que saen e que contribuíron a crear, co pobo.
Aqueles intentos non chegaron, polo momento, a bo fin. A colaboración público-comunitaria cesou ó poñerse en marcha a residencia. De feito, nin sequera se revisaron, como se dixo de palabra en pleno, os regulamentos de funcionamento, que no seu momento se estimou que tiñan lagoas que conviña corrixir.
O caso é que, tempo despois, a nova residencia de maiores de Ribadeo é un lugar que pasou de ser transparente e visitable antes da apertura a ser infranqueable pola covid e da que no exterior hai poucas novas. E iso lamentamos ó saber dalgunhas cousas como a incidencia da covid ou conflitos co persoal.
A incidencia da covid, despois dunha nota de prensa sobre un único caso, quedou reducida a rumores no pobo sobre algún caso máis. Hoxe chegou ás miñas mans un relato que cifra en doce usuarios e cinco empregados o número de casos dun brote habido hai non tanto tempo. O brote que viría a coincidir no tempo co fin da vida dunha persoa moi coñecida o pasado día 24, Lita. E a representar unha incidencia no centro, no seu momento, moito maior que a que tiña Ribadeo en conxunto. Algo que debera ter sido noticia e transcendido como información.
Tamén recibo a noticia de varias demandas de traballadores da residencia durante o ano pasado, que se non chegaron a xuízo foi por terlles indemnizado a empresa empregadora en diferentes momentos por acordo. Acordos que inclúen cantidades ben específicas: 5000 €, 2000 €, 4000 €... e que, naturalmente, ó provir os cartos de funcionamento da residencia das administracións, rematamos pagando todos. Aínda que sexa máis importante os feitos que deron lugar a que se deran esas indemnizacións, pois aínda que son cantidades non desprezables, o custe de funcionamento anual da residencia multiplica moitas veces esas cifras.
Facendo un pequeno inciso, agora a xestión dos traballos diarios é levada a cabo por CK Senior Gestión, SL, empresa que xestiona centros e ten tamén residencias propias. Accedeu a levar a residencia ribadense despois de serlle cedido o desempeño a comezos do pasado ano por CLECE -non transluciron os motivos-, que obtivo á súa vez o contrato despois de recurso ante unha primeira decisión de concesión a Mensajeros de la Paz.
O caso é que en pouco máis dun ano teríanse producido varios enfrontamentos con traballadores, e preto de vinte casos de covid sen que translucira nada ó exterior. A raíz diso, coido que non estaría de máis facer un seguimento de como se están a desenvolver os protocolos de trato ou sanitarios para corrixir posibles actuacións non desexables. Máis aínda cando na residencia téñense dado casos de baixa por depresión e outros desencontros laborais, e, a continuación das indemnizacións, parece que houbo unha suba xeneralizada de emolumentos. Unha residencia que, lembremos, foi pedida e prevista como solución para os nosos maiores, non como negocio nin como algo opaco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario