20220322

Un papel en branco

Un papel en branco

    Isto non vai da Ucraína (nin de Siria, nin do Sáhara, ...). Vai de nós.

    As novas da semana pasada deixaron un pequeno titular que pode resultar chamativo: algunha persoa tería sido arrestada en Rusia por asistir a manifestacións pola paz portando nas mans un papel en branco. Si, o primeiro motivo das concentracións tería sido a protesta pola invasión da Ucraína, mais o titular centraríase no ‘papel en branco’, é dicir, en ter sido levadas á cadea por ‘nada’, un ‘nada’ resumido nun papel en branco.

    Mais a cousa non é así. Admite outras visións, un papel en branco é moito máis ca nada, e o portalo e ensinalo é un xesto que pode valer moito para a persoa e para quen o ve.

    Nun papel en branco colle todo, calquera cousa. Pode acoller todo. A liberdade das posibilidades. Mais necesita de alguén, quen o use, para poder ser algo máis aló que nada. En certo xeito, tamén é un símil. É igual ca paz, acolledora pero que necesita ser coidada, que está necesitada de acollida: o papel pode acoller ideas, tanto escritas como simbolizadas na súa brancura, mais necesita ser usado, un xesto humano, para acollelas. E é ese o motivo de ir parar á cadea: a defensa das posibilidades que leva consigo o alzar un papel en branco. A defensa da liberdade. Incluíndo a paz.

    E é que un papel en branco non é un cheque en branco. Pode selo, se se usa dun determinado xeito, pero tamén pode ser moitas máis cousas, dende un manifesto pola paz a un acordo vinculante. Por certo, vinme obrigado a incluír o de ‘vinculante’ porque parece que os acordos á vella usanza, de palabra, todo o máis co selo dun apretón de mans, sería no mundo actual equivalente ó ‘papel mollado’. Por outra parte, o mesmo que moitos tratados, acordos e dereitos internacionais que, se impresos, parece que poden servir para limpar algún cu.
 
    Volvendo ó branco, non deixa de parecer curioso que sexa usado como símbolo espiritual, de paz (e de inocencia e pureza) e ó tempo, como símbolo en rendicións en guerra (bandeira branca). Ó fin, pola rendición chegaríase á paz, aínda que sexa unha paz con diferente significado segundo que a interprete o bando rendido (que soe ser o atacado) ou o vencedor (que soe ser o atacante, que, consciente das súas posibilidades, meteríase ó ataque)...

    Está visto que a paz hai que construíla. Entre todos. Colaborando. En igualdade. Dia a día. En todos os lugares. Como un papel en branco que hai que encher do mellor xeito posible. Usando a imaxe do papel, é tan fráxil como rachable o papel: vale con que alguén queira facer a guerra, que considere a guerra como un mal menor, como unha alternativa onde ten pouco ou nada que perder.

    Pola liberdade de poder levar un papel en branco. Non esborranches o papel. Úsao para ben (e antes de que non te permitan alzalo, para poder seguir a facelo...).

Ningún comentario: