Nota de prensa de Por Nuestro Faro
Ante a noticia da nova sentenza sobre o acceso á illa Pancha
O día 14 de abril de 2022 tivemos coñecemento da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do día 22 de marzo anterior, que desestima o recurso da empresa concesionaria dos apartamentos da Illa Pancha contra a sentenza do Xuzgado nº2 do Contencioso Administrativo de Lugo favorable ó concello de Ribadeo que esixía a apertura ao público da porta de acceso. Dito así semella que a illa estará aberta aos veciños nos próximos días, pero de iso non hai indicios. Para que se entenda a situación, debemos lembrar que o concello concedeu a licenza de actividade dos apartamentos o día un de decembro de 2017, ca condición expresa de que a porta estivese aberta ao público sen limitacións. Sen embargo, pese as reiteradas denuncias do noso grupo de que a porta seguía pechada, o Sr. Alcalde negouse a aplicar a lei, suspender a licenza e pechar os apartamentos por incumprimento das mínimas condicións de seguridade do establecemento hostaleiro. E aquí chegamos a un punto decisivo que tanto o concello como os tribunais de xustiza eluden sistematicamente pese ás denuncias do noso grupo: O peche sistemático da porta da Illa Pancha non só incumpre as esixencias da Lei de Costas sobre o dereito de acceso da veciñanza á zona de servidume de tránsito, senón o que é moito mais grave, a barreira que supón a porta a ambulancias, equipos de extincións de incendios e outros servizos de este tipo. Aquí debemos suliñar unha vez mais que a connivencia entre o concello de Ribadeo e a Autoridade Portuaria do Ministerio de Fomento para privatizar a Illa Pancha bordea nunha responsabilidade criminal en caso de accidente, incendio ou imprevistos similares. Por eso cargar as tintas agora sobre a empresa concesionaria, que naturalmente ten a sua parte de responsabilidade, non deixa de ser unha artimaña para eludir o nó gordiano da cuestión, que é a decisión política do concello de Ribadeo e da Autoridade Portuaria de privatizar a Illa Pancha a calquera custe.
Imos facer un breve reconto dos feitos para poñer ao dia ao lector non iniciado.
1º- Entre 2013 e 2015 o Concello de Ribadeo e a Autoridade Portuaria consensuaron os procesos e os trámites para privatizar a Illa Pancha.
2º- O día 1 de decembro de 2017 o Concello de Ribadeo concedeu a licenza de apertura dos apartamentos ca condición de que a porta de acceso estivese aberta ao público en xeral pero a porta seguiu pechada, con aperturas intermitentes, de onde se desprende que o concello non fixo nada práctico por esixir o cumprimento das condicións da licenza.
3º- En xaneiro de 2019 os representantes de Por Nuestro Faro puidemos acceder por primeira vez ao expediente da concesión da licenza de actividade, despois de seis meses de reclamalo ao concello e vernos na obriga de solicitar a intervención da Valedora do Povo de Galicia, diante da negativa reiterada da administración local a permitirnos ter acceso ao expediente. Nesa data soubemos por primeira vez que a licenza de apertura estaba condicionada á apertura do acceso ao público en xeral. Pero xa tiveran pasado 13 meses e a porta seguía pechada e o concello non fixera nada para que se abrise.
4º- Os días once de abril e oito de maio de 2019, visto que a porta de entrada na Illa Pancha seguía pechada rexistramos sendos escritos no concello de Ribadeo dando conta ao Sr. Alcalde desta circunstancia, ao mesmo tempo que o puxemos en coñecemento da opinión pública. Só suliñar que o Sr. Alcalde non respostou.
O día 24 de xuño de 2019 formalizamos unha denuncia por escrito na Fiscalía do Xulgado de Mondoñedo polo recorte dos dereitos democráticos dos veciños, ao non permitirse o acceso a un espazo libre de uso comunitario, engadindo os documentos máis significativos que avaliaban os feitos denunciados. Ao cabo de poucas semanas a fiscalía confirmounos que a apertura da porta era preceptiva sen ningunha dúbida. Pero a porta seguía pechada.
Finalmente, o dia 3 de outubro de 2019, despois das nosas denuncias reiteradas e dos informes da Fiscalía, o Concello de Ribadeo notificou á empresa concesionaria a obrigatoriedade de manter aberta ao público a devandita porta da Illa Pancha. A partir de esta data a concesionaria presenta un recurso contencioso administrativo contra o concello no Xuzgado nº 2 de Lugo que dicta sentenza en abril de 2021, reiterando que a porta debe permanecer aberta con un informe no que se reafirma ¡19 veces! neste punto crucial, pero a porta segue pechada. Deseguido a concesionaria recorre esta sentenza ao TSXG e agora temos a nova sentenza deste alto tribunal que é negativa para concesionaria ademais de cargarlle as costas. Ou sexa doblemente negativa.
5º- Ao longo deste proceso, e agora ímolo reiterar, o noso colectivo ten esixido ao concello repetidamente que aplique neste caso a lexislación sobre incumprimento de licencias sen mais dilacións, non so pola perda de dereitos dos veciños e visitantes senón o que é moito mais grave polos riscos de seguridade derivados do peche permanente do acceso a un servizo público. Debe engadirse que hai outros moitos aspectos legais que deberan incluírse neste trámite, especialmente o cumprimento do estudo de impacto ambiental que esixiu o informe do Defensor del Pueblo de febrero de 2017, ratificado cinco veces máis, a falla de resolución sobre os verquidos á ría pola fosa séptica non autorizada, a falla de memoria económica de viabilidade do proxecto, a invasión reiterada dos espazos non concesionados, a falla de informe sobre as obras da cafetería e outra serie de puntos de dudosísima legalidade.
En resumen, a sentenza agora coñecida do TSXG só ven a ratificar e confirmar que as denuncias da Asociación Por Nuestro Faro, sempre se axustaron a dereito e sempre defenderon os intereses colectivos dos ribadenses, e mesmo que o concello non fixo mais que dilatar as decisións e agochar información para facilitar a privatización da Illa Pancha e impedir que os veciños e veciñas poidan desfrutar do seu dereito legal a entrar nese espazo cando lles pete.
En consecuencia, o noso colectivo esixe unha vez mais que se cumpra a lei e pregunta ao Sr. Alcalde por qué se manten unha actividade que incumple as condicións da licenza despois de catro anos e medio xenerando un risco evidente para a seguridade e dando pe a duas sentenzas condenatorias.
AV POR NUESTRO FARO
Ribadeo, 18.4.2022
Ningún comentario:
Publicar un comentario