20220407

Dous plenos baleiros

    Entérome por unha nota de mércores, de que martes, houbo un pleno. Seguramente se me pasou algún indicio de que ía habelo, pero o caso é que nas web do concello non vexo rastro de tal cousa. De feito, entereimeme pola prensa a auga pasada, e a raíz diso fun ás páxinas web do concello para tentar unha información 'de primeira man'.

    E entérome tamén de que o xoves -xa hoxe cando escribo isto-, haberá outro. Este si, anunciado con nota de prensa e con convocatoria pública na sede electrónica de Ribadeo. Este, extraordinario. O outro, ordinario. Este, cos puntos da orde o día á vista. Do outro, descoñezo o que non sexa a nota de prensa do concello como fonte de información 'de primeira man' e o que pon a prensa como información derivada. O outro non sei se foi presencial ou por videoconferencia. Este, por videoconferencia. Ó final, ambos, sen presencia da xente. Se presencia física nin anímia...

    Antes da Covid, con sorte, se te enterabas, podías asistir ós plenos para non enterarte de boa parte das cousas que alí se dicían por non transcender antes da sesión os detalles, nin moitas veces siquiera o que se ía tratar, a máis das dificultades do son na sala de plenos. Agora, na época xa decretada post Covid, aínda quedaron máis reducidas as posibilidades, sen a mínima, a asistencia. E non me consta que ningún dos grupos tentase variar a situación. Ningún. É dicir, se se quere cambiar a posibilidade de participación da xente terá que ser polo propio movemento noso, da xente...

    Deixo o decreto de ocnvocatoria do pleno de xoves 7 de marzo, a nota de prensa -atención, nota de prensa do concello- sobre a convocatoria, e a nota de prensa -tamén do concello- sobre o pleno de martes 5. Quen quera ter outra opinión e contrastar sobre o que pasou no pleno do cinco outras imaxes diferentes, ou as razóns da convocatoria do pleno do sete, terá que procurar noutro lugar:


     A nota de prensa do transcurso do pleno de martes 20220405:

Foto Fernando

CON DEBATE DE MOCIÓNS E TAMÉN ROGOS E PREGUNTAS

Houbo pleno onte

06/04/2022

No pleno ordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo foi aprobado definitivamente o expediente de expropiación de terreos para a construción dun aparcadoiro de vehículos en Rinlo. Tamén se aprobaron dous asuntos importantes nas relacións entre Ribadeo e os Concellos limítrofes de Trabada e de Barreiros, segundo asegurou o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor declarou: "moi interesante este primeiro dos dous plenos que levaremos adiante esta semana. No de onte saíron todos os puntos adiante. Houbo dous asuntos importantes nas relacións entre Ribadeo e os dous Concellos limítrofes. Por unha banda, fixemos unha encomenda de xestión co veciño Concello de Trabada para arranxar e ampliar unha ponte que nos une entre Teixido-Piñeiro e mais a parroquia trabadense de Balboa. E pola outra banda, aceptamos unha encomenda de xestión do outro Concello veciño de Barreiros para levar conxuntamente outro obradoiro dual de emprego, relativo aos servizos sociais, especialmente para persoas maiores".

Fernando Suárez contou que "tamén acordamos aprobar definitivamente o expediente de expropiación dos terreos para a construción dun aparcadoiro de vehículos en Rinlo".

O alcalde relatou que "se debateu unha moción do PP sobre as melloras na sanidade, onde o PP pretendía recriminar actitudes máis valentes do goberno do Estado, algo que pola nosa parte compartimos. Pero cando lles propuxemos requirirlle esas mesmas actitudes ao goberno galego, responsable da sanidade pública, xa non pensaron o mesmo. Polo tanto estas mocións tipo, son valeiras de contido e tan só son unha pura propaganda, son presentadas aquí, en Burela, en Viveiro… De feito, unha das causas maiores da falta de profesionais actualmente son as políticas nefastas que os gobernos do PP de Rajoi levaron adiante coa supresión das taxas de reposición de funcionarios ou mesmo a precarización dos sanitarios que levaron a unha chea deles a ter que emigrar, etc. De todo isto o PP ten memoria de peixe".

E engadiu: "e logo coma sempre rogos e preguntas, onde fomos respondendo a todas e cada unha das cuestións que se formularon por parte dos grupos da oposición, comprometéndonos a atender aquelas positivas e que redundan no interese de Ribadeo e rexeitado aquelas outros que son demagóxicas ou extemporáneas".

     A nota de prensa da convocatoria do pleno de xoves 20220407:

Foto Pablo Vizoso

TAMÉN HABERÁ FONDOS PARA FINANCIAR DIVERSOS TRABALLOS

Pleno extraordinario, mañá

06/04/2022

Mañá, 7 de abril, terá lugar un pleno extraordinario no Concello de Ribadeo. Na orde do día figuran varias propostas de carácter económico en suplementos de crédito financiados con remanentes de tesourería, segundo deu a coñecer o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso. Será aprobado un incremento de 150 000 euros nas partidas de subministros para facer fronte "aos sobre custes producidos polas fortes subidas da luz e dos combustibles".

O edil ribadense explicou que "mañá, xoves, levaremos ao pleno extraordinario no Concello de Ribadeo varias propostas de carácter económico consistentes en suplementos de crédito financiados con remanentes de tesourería, é dicir aforro de exercicios anteriores, que veñen a ser ampliacións do orzamento do 2022 para atender por unha banda, facturas do 2021 que entraron posteriormente a pecharse o exercicio, incluso a maioría xa no ano 2022, e para o que hai que seguir o procedemento establecido dun recoñecemento extraxudicial de crédito. Tamén levamos a esta sesión a amortización extraordinaria de préstamos de exercicios anteriores para inversión por importe de 425 000 euros para reducir débeda".

Pablo Vizoso indicou que "imos aprobar a liquidación do ano 2020 do Centro de Atención a Maiores (a nova residencia) en base ao convenio coa Deputación de Lugo, ademais da achega a diferentes asociacións ás que pertence o Concello. No pleno tamén aprobaremos incrementar en 150 000 euros as partidas de subministros para facer fronte aos sobre custes producidos polas fortes subidas da luz e dos combustibles".

O concelleiro de Economía subliñou que "incluiremos ademais fondos para financiar varios informes técnicos, compras de contedores, pintado das luminarias do paseo marítimo, campañas de apoio ao comercio local ou o mantemento de camiños, entre outros; e a achega complementaria do Concello a varias subvencións e axudas solicitadas á Xunta e para que as que confiamos que desta vez estea á altura do agardado e as conceda para Ribadeo. Este último punto supón un incremento do orzamento por valor de máis de 800 000 euros, que serán sumados aos case 10 millóns de euros iniciais para seguir traballando por un Ribadeo mellor cada día".

Ningún comentario: