20220403

Primeiro sábado de abril, concentración de pensionistas (20220402)

    Ata corenta persoas participaron ca concentración de pensionistas nun tempo chuvioso, pero que abriu a partir daquela. Deixo en baixo o lido por Evaristo Lombardero, desta volta o único orador, e un par de fotos de Suso Fernández.

    Unha nota: comezouse unha recollida de sinaturas.



 

Bo día.

 

Imos comentar tres temas da máxima actualidade para o colectivo de pensionistas, aínda que como todo o que nos afecta son asuntos que veñen de vello aínda que se están agudizando recentemente.  

 

En primeiro lugar temos o informe presentado por Enriqueta Chicano, presidenta de Tribunal de Contas, o martes 22 de marzo diante da comisión mixta Congreso-Senado sobre “gastos impropios” cargados ás contas da Seguridade Social dende 1989 ate 2018. O Tribunal de Contas calculou que neses 29 anos cargáronse aos fondos da Seguridade Social 103 690 millóns de euros como   mínimo en partidas non contributivas, e que polo tanto deberan haber sido financiados polos presupostos da Administración Xeral do Estado. E fixádevos que traigo este dato que xa coñecemos porque ven de ser presentado polo Tribunal de Contas, cuxos 12 membros son nomeados polo Congreso e polo Senado pero a súa independencia dos partidos políticos é bastante grande xa que unha vez nomeados teñen un regulamento autónomo para fiscalizar as contas do estado.

 

Pero é que a cousa vai bastante mais alá porque o mesmo tribunal de contas recoñece que unha gran parte dos gastos impropios financiados pola Seguridade Social son agora imposibeis de calcular como consecuencia da transferencias ás CCAA e de financiancións doutras partidas máis complexas nas que non me vou extender.

 

E esto ven a conto ademais porque recordaredes que en outubro de 2021  as plataformas de pensionistas presentamos diante do parlamento a esixencia de que se fixese unha auditoría das contas da seguridade social e aquela proposta foi discutida e aprobada polas plataformas do movemento de pensionistas a nivel de todo o estado e posteriormente recolléronse penso que unhas trescentas mil sinaturas e agora vemos o resultado. Ademais dos 63 mil millóns de euros transferidos aos bancos, dos que non devolveron máis que uns seis mil millóns. Aínda que sobre esto segue habendo certo obscurantismo, temos a que cifra real de gastos impropios cargados aos fondos da seguridade social é moi superior á que se recoñecía, que foi descuberta pola iniciatva dos movementos de pensionistas ao esixir a auditoría de contas da Seguridade Social e que supón polo menos o monto total das pensións do estado español dos dous últimos anos. Non me extendo, so insistir no cinismo dos que seguirán repetindo que a S. Social non é sustentable e todas esas lerias da dereita e de unha parte do goberno.   

 

O segundo tema que quero comentarvos é que o día 24 de marzo, ou sexa o xoves da semana pasada, o goberno, o PP, Ciudadanos e Vox sumaron os seus votos para rexeitar a enmenda a totalidade do proxecto de lei para o impulso dos Plans de Pensións de Emprego presentada por Esquerra Republicana de Cataluña, EH-Bildu, Más país-Equo, BNG e Compromis. Non me vou extender nesto porque xa o temos moi comentado estas semanas e como sabedes o Proxecto de lei foi aprobado polo Consello de Ministros o 22 de febreiro. Este proxecto, como é sabido, é un paso importante cara á privatización do sistema de pensións. Por unha banda favorecendo a capitalización dos particulares que só poderán asumir os colectivos con ingresos mais altos, en segundo lugar facilitando a xestión privada de estes fondos, e sobre todo reducindo a cotización das empresas de xeito que a descapitalización dos fondos de pensións será inevitablemente progresiva. Máis unha vez compre suliñar que este proxecto é o resultado de unha decisión política, que non ten a mais mínima xustificación dende o punto de vista da planificación económica, que non aporta nada para garantir o futuro da sustentabilidade do sistema de pensións e que só conduce a poñer nas mans  das grandes financieiras enormes cantidades de capital que destinarán onde estimen máis beneficioso para elas sen ningunha compensación para as clases traballadoras.  

 

Finalmente quero comentarvos o que xa esiximos por enésima vez. E é que agora imos iniciar a recollida de sinaturas para presentar ao goberno no mes de xunio para que se aplique a subida das pensións de acordo co IPC real e non con eses sistemas de cálculo retorcidos que non reflicten o aumento verdadeiro dos prezos para a as clases traballadoras. Como sabedes estamos diante de unha suba que está a carón do 10 por cento, por unha serie de razóns anteriores ás que se suma a recente guerra de Ucraína e as políticas económicas arredor dos mercados das enerxías. Non me vou meter na trampa ou no bucle de si esta suba de prezos e por culpa de Arabia Saudí, de EEUU, de Rusia, ou de calquer outra  potencia petrolífera ou enexética. O único que quero suliñar é que as clases traballadoras non se poden  poñer como pardillos a discutir se foi antes o ovo ou a galiña que é o que eles queren. Naturalmente eu leo, como todos vos, noticias, declaracions e artigos sobre a suba dos preczos, pero por un ouvido me entran e por outro me saen ou por un ollo me entran e por outro me saen. Non digo que non esteña ben ler, informarse, recoller información e opinións de medios e dirixentes serios. O que non se pode facer é tomar partido polas regueifas entre os poderes políticos e económicos alleos aos interses das clases traballadoras. Os prezos suben sencillamente porque os que teñen a sartén polo mango queren gañar máis e porque esa é a dinámica natural do sistema capitalista. Pode haber algún empresario moi rico que polos motivos que sexa dea algunas doazóns ao terceiro mundo, aos hospitais ou a calquer outra actividade caritativa, pero eso non ten nada que ver ca estratexia de acumulación de capital á que esta abocado inexorablemente o sistema capitalista e que conduce sempre e en todos os países ao aumento dos prezos para aumentar as ganancias do conxunto do sistema independentemente de que algunhas empresas ou algúns capitalistas se arruinen no proceso devorados por outros da competencia. Pero ese é problema deles. Entón esto ten que quedar moi claro para todos os sectores das clases traballadoras: todas as disculpas e excusas sobre que se aumentan os salarios e as pensións aumenta a inflación son falsos argumentos para xustificar as ganancias desorbitadas do capital e a sua voracidade insaciable especialmente no momento actual que a chamada financiarización fai que a economía especulativa domine a economía produtiva e poña os prezos e os produtos de primeira necesidade fora do alcance das economías da clases mais necesitadas.  

 

Polo tanto esiximos sen ningún tipo de dúbidas o noso derito a reclamar a suba das pensións con arreglo ao IPC real e non manipulado nen afeitado, moi especialmente das pensións mais baixas..  

 

GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIONS DEFENDENSE!!!   

Ningún comentario: