20220414

Sentencia sobre o acceso á illa Pancha

    Deixo aquí a nota de prensa do concello de Ribadeo sobre a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en relación ó acceso libre á illa Pancha, e a denegación da apelación de Eirobra. Non me estendo máis agora mesmo sobre unha nota que atopo coxa, a máis de por falta de apoio en dereitos comúns, entre outras cousas por evitar mencionar a iniciativa da xente do pobo, Por Nuestro Faro, que leva exercendo una protesta anterior e máis ampla que a que se ve no concello, Unha nota que hoxe foi reproducida pola prensa sen case variación e sen facer notar ese feito.


CABE PRESENTAR RECURSO DE CASACIÓN NO SUPREMO

Sentencia do TSXG

13/04/2022

A Sección Segunda da Sala do Contencioso Administrativo do TSXG ven de desestimar o recurso de apelación presentado pola empresa Eirobra A Mariña SL, concesionaria do Faro da Illa Pancha, presentado contra o Concello de Ribadeo no tocante á apertura ao uso público da porta de acceso ao dominio público portuario da Illa Pancha. O TSXG imponlle tamén ás costas á parte recorrente.

Na sentencia de 15 páxinas recóllese que "o que se está a esixir polo Concello, no mesmo senso que pola Axencia Galega de Turismo, é que o acceso ao establecemento sexa público, dado que conforme aos artigos 6 e 7 do Decreto 12/2017, así como a lei 11/2007 de Turismo de Galicia, que regulan estes establecementos, os apartamentos son establecementos abertos ao público, o mesmo atópase no centro da illa, e o acceso ha de ser libre nas condicións establecidas polas leis, polo que o acceso libre e público ata a porta do establecemento ha de existir. De forma que se esixe a calquera outra actividade, que nese caso concreto é de hotel e cafetería".

E engade que "nos atopamos así ante unha actividade cuxo exercicio controla o Concello por ser da súa competencia… e por elo non se pode considerar vulnerado o principio de confianza lexítima".O TSXG considera tamén que "non se aprecia a existencia de desviación de poder”. E remata indicando que “a aplicación da xurisprudencia precedente ao caso examinada non permite constatar que se incorra coa resolución recorrida en dita vulneración, ademais de que realmente o fin que se pretende é permitir o acceso público á illa, que ha de considerarse conforme a dereito, polo que o recurso de apelación ha de ser desestimado".

Ningún comentario: