SOBRE A UBICACIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE (II)
Hoxe toca falar da accesibilidade con perdón polo palabro. Anque non é custión de enfastiar ao lector con citas bibliográficas, teremos que lembrar a Conferencia Internacional de Alma Ata celebrada na URSS en setembro de 1978 na que se debatiu sobre os modelos de Atención Primaria e aprobouse un documento que segue sendo de obrigada referencia despois de medio século, se ben adaptado aos tempos e ás circunstancias dos diferentes países. A conferencia foi promovida pola OMS e a UNICEF. O documento atópase na rede clicando Atención Primaria Alma Ata. De xeito moi resumido o que ven a propoñer a conferencia é que todos os países se doten de unha estructura asistencial básica, xeralista e que preste servizos a tóda a sociedade. Dende entón e partindo das diferentes experiencias e circunstancias político-económicas a gran maioría dos estados vanse aproximando ás liñas xerais marcadas en Alma Ata. No estado español o principal avance deuse co famoso decreto 137/84 de estruturas básicas de saude. Non nos extendemos e lembramos de novo que toda esta información está na rede.
O que aquí se trata de suliñar é que xa hai mais de 50 anos, naquela conferencia internacional prantéxase a ACCESIBILIDADE como un elemento clave dos servizos de atención primaria, e no punto 68 do informe final di así: “A accesibilidade supón o suministro continuo e organizado de asistencia para toda a comunidade en condicións favorabeis dende o ponto de vista xeográfico, financieiro, cultural e funcional…”, e mais adiante, no ponto 69 di: “ Por accesibilidade xeográfica enténdese que a distancia, o tempo necesario para percorrela e os medios de transporte sexan doados para a veciñanza…”. En fin, nada que non saibamos, como o feito de que non é o mesmo proxectar un centro de saúde na sabana congoleña que en Bos Aires ou en Ribadeo 2022. No noso caso partimos dun equipamento e unha experiencia que datan dos anos oitenta do século pasado e que ten certas carencias que se tratan de mellorar, pero non é cousa de desvestir un santo para vestir outro. Como é ben sabido no momento actual Ribadeo conta con un Centro de Saúde de acceso doado para un 70 ou 75 % dos usuarios, que residen nun radio de cincocentos metros aproximadamente e polo tanto esa é unha vantaxe que non se debe perder a cambio de outras promesas de mellora das que como xa dixemos, ate agora non hai máis que palabras e que en calquer caso non deberan ser incompatibeis cas vantaxes actuais. Dito de outro xeito, non hai nengunha razón obxectiva para cambiar as orellas polo rabo. Ademais estamos fartos de saber que se cedes o pouco que tes sen nengunha garantía de compensación, ao cabo de catro días igual nen unha cousa nen a outra.
Caese de caixón o que quer decir ACCESIBILIADE. Desde o punto de vista económico que a asistencia sanitaria sexa gratuita ou polo menos moi barata; dende o ponto de vista organizativo que funcione cando se precisa, ou sexa sen retrasos que adien os remedios para cando non sexan eficaces e dende o punto de vista xeográfico que o servizos esteñan ubicados o mais próximos posible ás zonas de residencia da veciñanza, por razóns tan obvias teñen pouco debate.
A relación entre accesibilidade e calidade tamén é tan evidente que non precisa esmagarse os miolos. Moitas persoas, particularmente as dependentes e as de maior idade, onde moitas veces as doenzas teñen unha evolución lenta e insidiosa, deixarán de asistir aos servizos santarios se estes están lonxe da sua residencia, se teñen que estraveirar por pasos de peons perigosos e estradas sen beirarúas ou deterioradas e con coches aparcados, ou se teñen que pagar un taxi ou agardar polos parentes ou veciños para que os acompañen ou leven en coche. Este sería o caso de moitas persoas de Ribadeo se se chega a construir o novo centro de saúde onde se proxecta, enfronte da estación de servizo.
En resumo, dende o ponto de vista da accesibilidade, o proxecto de construír un novo centro de saude a un quilómetro do centro do casco urbano é un motivo de preocupación pola perda de calidade de vida, de nivel asistencial e de facilidade para facer uso dos servizos sanitarios. E como xa dixemos, se non houbese terreos mais cercanos sen edificar, nin baixos vacantes acaídos, cecais non quedaría máis remedio que aceptar un proxecto tan pouco razonable, pero non é caso de Ribadeo, onde semella que se queren poñer por diante os intereses especulativos de particulares e promotoras sobre as necesidades de asistencia sanitaria da gran maioría.
Ribadeo, 19 de Abril de 2022
Ningún comentario:
Publicar un comentario