A ubicación anunciada do novo centro de saúde, en OpenStreetMap. |
SOBRE A UBICACIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE DE RIBADEO (III)
Na entrega nº 1 de esta serie aportamos algúns datos sobre a distribución da poboación do concello de Ribadeo entre o casco urbano e as zonas rurais. Segundo as estatísticas do INE de 2020, sabemos que das persoas censadas arredor dun 70 % residían no casco urbano e un 30 % nas zonas rurais. Xa comentamos que no último decenio a tendencia a concentrarse poboación no casco urbano é moi acusada e persistente ao longo de todo o período. Tamén é sabido que moitas persoas censadas no rural de feito residen no casco urbano. Descoñecemos se o Concello de Ribadeo ou a Xunta de Galicia, promotores do novo centro de saúde e da súa ubicación enfronte da estación de servizo teñen estudado o condicionante demográfico á hora de elixir a devandita ubicación. Ate agora non temos noticias de que exista algún documento oficial que se poda consultar sobre estes aspectos e tampouco coñecemos declaracións aos medios que podan aportar algún dato máis concreto.
Pola outra banda, agora sabemos que segundo o INE a 1 de xaneiro de 2022 no concello de Ribadeo estaban censadas 9871 persoas, das cales o 24,4 % ou sexa 2407, teñen mais de 65 anos.
Tamén sabemos que varios centos de persoas non censadas, a maioría xubiladas e usuarias dos servizos santarios teñen a sua residenca habitual no casco urbano de Ribadeo.
A partir de estes datos non sería absurdo estimar que dentro de 10 anos teremos arredor de 3000 persoas de mais de 65 anos e que polo menos un 75-80 % terán a súa residencia habitual no casco urbano. Serían entre 2300-2500 persoas como mínimo, sen ter en conta os non censados, residentes temporais etc. Folga suliñar que unha pequena fracción de este colectivo veríase beneficiada pola proximidade da súa residencia á nova ubicación do centro de saúde enfronte da estación de servizo. Tamén habería un pequeno sector de persoas discapacitadas que se verían obrigadas a moverse en coche por esta condición, polo tanto 500 ou 1000 metros arriba ou abaixo de desprazamento non lles afectaría excesivamente. Agora ben, a gran maioría tería que desprazarse a pe ou requerir axuda para desprazarse en coche.
Vexamos agora o problema dende o punto de vista dos usuarios actuais dos servizos do centro de saúde de Ribadeo. Como dixemos antes, supoñemos que as persoas que decidiron levar o centro de Atención Primaria a un quilómetro do casco urbano terán analizado os pros e contras dos datos que aquí manexamos, ou terán outros datos que descoñecemos, pero dado que non hai ningún informe sobre estes asuntos temos que movernos ca información dispoñible.
De acordo cos rexistros que operan na actualidade no centro de saúde de Ribadeo, as demandas de consultas presenciais para medicina xeral e enfermería están arredor das 350 diarias. A elas hai que sumar as da atención continuada (urxencias), radioloxía, matrona, pediatría, sintrom, fisioterapia, dentista, hixienista dental, farmacia e análises. Non temos datos dos usuari@s en cada unha de estas especialidades e non todas son diarias, pero una estimación aproximada por coñecedores do tema non as baixa das cincocentas. Como dixen antes, que me corrixan os expertos se teñen datos mais exactos pero non han ser moi dispares e non se trata tanto de manexar cifras moi concretas, sempre afectadas por distintas variables, como a marcar tendencias que apunten ás demandas dos próximos anos. Tampouco é doado facer inferencias sobre o que vai suceder na xeira postcovid, e habería que analizar o posible impacto da crecente concentración de veciños no casco urbano e máis o incremento das dos colectivos de idades máis avanzadas. En calquera caso, os planificadores dos servizos sanitarios serían os chamados a responder a estes inquéritos.
Ate aquí algún datos aproximados sobre o uso do centro de saúde de Ribadeo e a importancia de ter en conta o factor proximidade vs lonxanía a hora de planificar estes servizos, maiormente polo que poden beneficiar ou perxudicar ás persoas usuarias, especialmente ás mais dependentes, ás de maior idade e ás de menos recursos.
SOBRE A UBICACIÓN DO NOVO CENTRO DE SAUDE DE RIBADEO: I, II, III, IV, V.
Ningún comentario:
Publicar un comentario