20220529

A ría de Ribadeo e a administración

Esquema dos tesóns na ría de Ribadeo

A ría de Ribadeo e a administración

    Sabido é que a ría 'volve chamarse' de xeito oficial só Ría de Ribadeo. Nome único. Mais tamén, sabido é que en Asturias diferentes administracións comezaron a usar un nome non oficial, e continuaron usándoo, a pesar do ditame emitido no seu momento en contra dese nome, e sen queixa das administracións ó oeste da ría. Asumido é tamén que desta volta ha pasar o mesmo, que haberá administracións que non acatarán a resolución, sen consecuencias para as administracións pero si para a xente, que será animada a revolverse co nome como bandeira en troques de revolverse en contra doutras xestións administrativas de maior impacto e que non melloran o día a día. Sabido tamén que onte, ou hoxe, mentres os diarios galegos se facían eco da noticia da resolución sobre o nome da ría de Ribadeo, nos asturianos observábase un mutismo desconcertante á primeira vista, como se a noticia non tivera lugar. Desconcertante e contraditorio co tratamento dado á nova cando se fixo cooficial o nome usado pola administracións asturiana, hai ben poucos meses.

    Tamén é asumido que volverá a polémica porque entidades asturianas están detrás crendo que lles interesa.

    Menos sabido ou recoñecido é que a resolución ven dada por un órgano político e non técnico, e que este aproveitou un fallo metodolóxico para darlle unha reviravolta 'parcial' á súa decisión de hai uns meses, volvendo á situación que se mantiña dende hai tres lustros, en liña á súa vez con toda a historia anterior. Unha reviravolta 'parcial' porque é unha estimación 'parcial' das alegacións presentadas por cinco entidades, a Plataforma pola defensa da ría de Ribadeo, a Plataforma de marinos mercantes de Ribadeo, o Concello de Ribadeo, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia (a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo). 'Parcial' porque o di o texto da resolución, texto que despois de argumentar que as cinco alegacións van ó mesmo ("procede la acumulación de recursos presentados"), pasa a facer o desenvolvemento de razoamentos nunha única resolución e só nomea á Deputación Provincial de Lugo (non é de estrañar que nos medios as dúas primeiras entidades desaparezan). E parcial, sobre todo, porque ó dicir no mesmo texto que é parcial e só por un defecto de forma, está a dicir que en calquera momento, outro intento, co defecto de forma emendado, logrará o obxectivo mais favorecido institucionalmente, contra a historia que se poda argumentar.

    Tampouco é lembrado que a reclamación de cambio na legalidade do nome da ría de Ribadeo non é algo illado, senón que ven entroncado noutros feitos, dende o cambio de nome de Vega de Ribadeo a Vegadeo que se consumou hai cen anos á non contemplación do nome da ría nun nome xa tan longo como 'Reserva de la Biosfera Río Eo, Oscos y Terras de Burón'. Nome este último que, se se mira na web das reservas aparece como remato de citar, mais a meirande parte das veces amósase como 'Reserva da Biosfera Oscos-Eo', mesmo sen as Terras de Burón, e obviando non só (como na denominación oficial) que a cuarta parte do territorio ó que incumbe non verte as súas augas ó río Eo mais á ría de Ribadeo, senón tamén que o 'Eo' refírese ó río de xeito exclusivo, a máis de cambiar a orde dos nomes.

    Engano? Ningún. As administracións non se enganan, todo o máis, trabúcanse. O que si, hai administracións que ás veces parecen o auténtico 'ministerio de educación'. Transparencia administrativa? Con gafas adecuadas, total. Se non tes acceso a elas, ningunha. Dirección da administración? Como a voz do seu amo. Falta aí determinar quen é o amo, que para iso está a adminsitración.

Ningún comentario: