20220524

Crise da humanidade, crise de humanidade

Imaxe cortesía da NASA

 Crise da humanidade, crise de humanidade

    Estase a falar, e cada vez máis e de xeito máis incisivo, de crise. De crises. Crise de recursos, por escaseza sexa de petróleo ou de terras raras, desas que sabemos que usan nos móbiles pero non sabemos nin como se chaman, entre outras posibilidades. Crise de crecemento, tanto porque non se medra coa velocidade que se pretende como -sobre todo- pola imposibilidade de ter un medre ilimitado nun mundo finito. Crise climática, cun clima variando a partir dunha temperatura en ascenso e producindo unha temperie impredicible e extrema. Crise de contaminación, sexa de plásticos ou química, ou acústica e luminosa, producindo un desequilibrio nas condicións ambientais que non só inflúe na vida ó noso arredor, senón na nosa propia vida. Crise de desigualdade, con algunha persoa tendo máis -cada vez propiedades materiais, e, derivado, poder- posuíndo e dispoñendo máis que moitos millóns non xa de 'desherdados', senón de persoas que se ven cun certo nivel por riba desas outras 'desherdadas'. Crise sanitaria, derivada en parte das novas enfermidades que xorden a partir da presión sobre os ecosistemas, pero tamén da falta de apoio e resiliencia social afrontando os desafíos cun 'primeiro eu, e logo, xa se eso...' en troques da procura dunha acción conxunta e solidaria, moito máis efectiva a máis de igualitaria. Crise de orientación, con ideas transmitíndose en base a feitos falsos, as célebres fakes, cada vez máis difíciles de distinguir da realidade nas redes sociais. Crise de biodiversidade, extinguindo especies, dende as chamadas 'salvaxes' a esa outras que nos alimentan nos mares, e perdendo non só recursos alimentarios, senón tamén a posibilidade de reequilibrio global por substitución parcial e paulatina dunhas especies por outras. CRISE, así, con maiúsculas, suma de moitas outras (as mencionadas e algunha máis) que por separado xa representarían un desafío.

    E con tendencia a empeorar.

    Os desafíos esixen cambios. Os desafíos a escala humana esixen cambios a escala humana. Os desafíos a escala dunha sociedade, esixen cambios sociais. Unha reconstitución social, primeiro, na estrutura humana, unha nova organización para afrontar as crises. Adaptación social e persoal, demográfica e de xeito de vida... Non se trata de ter un 'gabinete de crise' que se poña ó traballo, senón de todos nós, pois todos estamos implicados. E é que, ó final, as crises da humanidade son -ao menos, tamén- crises de humanidade, afectan ó que de humanidade temos cada un de nós.

    Para superar as crises fálase de resiliencia. Pero iso, a nivel social, ven dado polas relacións que mantemos, relacións sociais humanas. E, se temos relacións trufadas de cousas como desigualdade, é o primeiro que temos que afrontar: construír relacións humanas para podernos permitir os seus beneficios.

    As fakes, a dinámica capitalista, a procura de poder, non axudan. E iso, sexa Ribadeo, Galicia ou o mundo mundial. E mesmo sendo prexudiciais os extremos. Así, por exemplo, a falta de difusión de ideas que se pode dar, propiciada por un sistema social determinado, cerrado, é equivalente en resultado ó predominio da difusión de ideas falseadas, 'inspiradas' e 'interesadas' que se está a dar nun sistema no que o uso da liberdade vén dado polo poder, non por limitacións legais.

    Por certo, nunha situación de crise, o tirarse dos cabelos non sirve de nada máis que de agravante. Fai falta tranquilidade para poder pensar, traballar e aplicar posibles solucións. Se as hai.

Ningún comentario: