Unha lanza en favor das Panchas
Anda estes días en Ribadeo unha polémica sobre cartos dados, cartos recibidos e impostos debidos. En resume, o concello puxo cartos para subvencionar as compras no comercio local, e agora, época da declaración da renda, os beneficiarios intermedios (consumidores) teñen declaralos como ingresos. As Panchas, uns vales locais cualificados de 'moeda local' (calquera que teña visto ‘Das Wunder von Wörgl’ pode ver a diferenza cunha moeda local) foron apoiados polo concello de xeito que se ti 'comprabas' 30 € de panchas, dábanche 40 € para mercar. Resultado, 'ingresabas' 10 € do orzamento do concello.
Anos anteriores, as Panchas, editadas en menor cantidade, parece que non tiveron problema fiscal, pero este ano o concello, pode que en parte polo sistema empregado, tivo que pasar unha relación ó Ministerio de Facenda, quen computou eses ingresos a quen recibiu as panchas. O resultado, a ollos da facenda, está claro: recibiches máis ingresos, pagas máis.
As cantidades recibidas por cada persoa, son minúsculas en relación ós ingresos totais do ano. Minúsculas, pero non nulas. E saltou a noticia e os reproches. A máxima cantidade de subvención recibida por adulto intermediario consumista terían sido 70 €, pois houbo unha limitación da cantidade máxima a adquirir. 70 €, a un tipo marxinal de IRPF de 30% dá como resultado 21 € máis a pagar na declaración da renda. Unha cantidade aproximada do que tería que pagar, como máximo, cada persoa. Se a declaración se fai por gananciais, a cantidade pode ser dobre. E, se quen mercou as panchas é alguén que non tiña obriga de declarar por non chegar ó mínimo, agora pasa a ter que facelo ó diversificar as fontes de ingreso. Isto último, algo que pode ser beneficioso, pois pode que ó obrigar a declarar por baixo do mínimo, resulte algunha cantidade a devolver
En calquera caso, a quen colleu desprevido o ter que declarar esa cantidade recibida, coido que agora estará reflexionando varias cousas sobre os impostos. Por exemplo:
- Son cos impostos dos ribadenses cos que se paga esa subvención do concello ó comercio. Algo así como unha transferencia dos teus cartos, a través do concello (e, ó mellor, de ti mesmo) ós comerciantes.
- Se ti recibes cartos dunha entidade pública, non te podes escapar de declaralos como ingresos. Cousa ben diferente é que eses cartos sexan legais ou non, que as novas sobre corrupción están á orde do día.
- Cando manexes cartos subvencionados, pensa de onde veñen: os impostos teñen mala fama, pero son a base que mantén a educación ou a sanidade públicas, a máis dos chiringuitos.
- Como pagas impostos, procura que sexan distribuídos e aproveitados e non asaltados e desperdiciados, vixía a política e implícate para que as cousas vaian ben.
- Non pidas á administración o que en xustiza non lle das, o mesmo que pretendes que non che pida o que en xustiza non debe pedirche.
En fin, nunca tiven claro o tema das panchas nin a nivel teórico nin no de 'éxito' edición tras edición (aínda que nesta quedaran panchas por solicitar). Pero, aínda coas sorpresas de ter que declaralas cando non se esperaba (xa sabemos que todos podemos vivir nas nubes cando nos convén), coido que esta edición puido servir para reflexionar e aprender un pouco de economía...
Ningún comentario:
Publicar un comentario