Unha primavera para Hernán
Van xa 21 anos dende que Hernán, Hernán Naval Parapar, para máis dun ‘o Mestre’, nos deixou, despedíndose nunhas letras galegas que levaba no corazón. Paso pola páxina da Galipedia onde o seu nome dá acubillo a unha entrada que se podería ampliar moito máis e que seguro que se tería ampliado se non nos tivera deixado antes de cumprir as catro décadas sobre esta terra nosa que animou a súa vida.
Estamos na primavera, e, ó tempo que esperamos con ilusión ver florecer a nosa lingua, celebramos a súa existencia, aínda que non poidamos celebrar moito máis. Mais a primavera é tempo no que, xunto coas flores, medra a ilusión, as ganas de vivir, o impulso de proxección cara ó futuro. Venme á cabeza unha obra de teatro que vin unha primavera e que trata precisamente desa proxección ilusionante deste tempo: Unha primavera para Aldara. Non sei por que, se non é precisamente por esa ilusión vital da que trata a obra, plasmada nun tema e tempo abondo afastados deste aquí e agora. Translitero o seu título ó destas letras que estou a escribir. Sei que quen coñeceu a Hernán e traballou con el, máis ou menos ten a idea de que o legado que deixou, sexa música ou sexan verbas e ideas, ten un potencial que non está a ser desenvolto. E non o está a ser en boa parte por descoñecemento dese legado.
Hai moitos anos xa que Fernando Rodríguez fixo un traballo de recompilación do que teño deixado en Ribadeando o que serían as fichas de todo o material que recompilou. Anos despois, viu a luz un libro titulado cunha sentenza icónica de Hernán, identitaria dun momento da súa vida: ‘Vou canso de todo menos da música’. Coordinado por Suso López, contando con colaboracións de Chenchu a Aurora, pasando por Vanessa ou o mesmo Fernando, recolleu unha mostra de artigos, ó tempo que unha exposición retraía imaxes, e, ó seu través, tamén ideas, de volta ata os nosos días. Pero nin eses traballos, nin outros como o xerme do ‘Arquivo Dixital Hernán Naval’ ou as cen entradas que baixo o epígrafe Hernán Naval poden verse no blog Ribadeando, teñen conseguido polo momento esa primavera á que remato de referirme. Renacemento que require quizais unha publicación exhaustiva da súa obra, a modo de ‘obras completas’, e que entendo que podería facerse a partir de todo o recompilado por Fuji.
Chegará o tempo? Coido que que chegue ou non, está nas nosas mans. Mentres, dispoñemos da nosa limitada memoria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario