20220629

As parcelas do polígono industrial poden alugarse

    É unha novidade: as parcelas do polígono industrial poden alugarse en troques de só mercarse. A máis, no que resta de 2022, os prezos dun terzo das parcelas que quedan por vender, 14 das 43, serán rebaixados ata un 35% para quen esté interesado.

    Aquí, a nota de prensa do concello:


 NA ACTUALIDADE HAI 43 PARCELAS DISPOÑIBLES

Polígono industrial

28/06/2022

O salón de plenos do Concello acolleu unha xuntanza entre o director xeral de Sepes, Fidel Vázquez, o seu equipo, o alcalde ribadense, Fernando Suárez, o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, varios empresarios e o xerente de Acisa, Jesús Pérez. O obxectivo do encontro foi que Sepes lles presentase as novas axudas comerciais ás empresas interesadas en instalarse no polígono industrial, a resolución de posibles dúbidas e escoitar as súas impresións.

O rexedor dixo na súa intervención que "para nosoutros é moi bo día porque tíñamos unha espiña con este polígono industrial porque era moi bo, está moi ben situado, pero moi caro. Era así porque custou moito a expropiación dos terreos, porque houbo que poñerlle unha subestación eléctrica, por un chea de cousas que non veñen ao caso. Os que estaban daquela en Sepes e os que viñeron despois o que nos dicían é que o prezo era o que tiña que ser, pero así non se vendía nada. Ata que, despois de moito intentalo, puiden falar con Fidel Vázquez e co seu equipo e de hai uns meses a esta parte puidemos avanzar o que non adiantamos en 10 anos. Abriron desde Sepes unha ventá de tempo e outra de oportunidade para poder ofertar unha serie de parcelas, non todas pero si varias, nun prezo razoable, segundo o momento que nos toca vivir, aparte da posibilidade de poder facer unha compravenda tamén van poñer de maneira experimental un dereito de superficie para que o que non teña cartos para pagalo poida alugalo con opción a compra de maneira asumible".

Suárez Barcia explicou que "entón eles quixeron vir aquí a explicarvos e a tomar nota dalgunhas cuestións, o que creo que supón unha oportunidade moi boa para que nos comenten aos que estamos nesta reunión e ademais para que a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos transmita aos seus asociados as posibilidades que ofrece o polígono industrial de Ribadeo".

O alcalde subliñou que "a celeridade e dar unha licenza de obra é practicamente inmediata porque non hai outros organismos aos que pedir informes. E nos parece moi importante que non se desaproveite esta oportunidade".

E engadiu que "Sepes abriu no seu consello de administración estes prezos durante todo o 2022 e vamos intentar que todo o que se poida facer sexa neste ano porque no 2023 igual cambian as cousas. Entón é moi importante que se aproveite esta ventá". 

Pola súa banda, o director general de Sepes, Fidel Vázquez, indicou que "Ribadeo es un municipio con una situación muy concreta, que es que tiene suelo ya urbanizado y que el precio, como decía el alcalde, parecía una barrera para la instalación, no de grandes empresas sino de todas las medidas". 

Para Vázquez, que leva cinco meses á fronte de Sepes, "esta es la primera visita que hago y por lo tanto para mi es especial porque hemos dado un paso desde Sepes. Además de poner un precio, nosotros queremos saber qué tipo de actividades se quieren instalar, los empleos que se van a crear, etc. No vamos solo a vender suelo, sino que queremos saber las actividades que se pueden llevar a cabo". 

Sepes puxo en marcha dúas novas fórmulas comerciais para axudar á implantación de empresas no polígono de Ribadeo: unha bonificación do 35% no prezo de 14 parcelas de distintas tipoloxías ata o 31 de decembro deste ano. E a adxudicación a través do dereito de superficie. Na actualidade no parque empresarial de Ribadeo hai 43 parcelas dispoñibles.

Ningún comentario: