20220621

Bandeira Negra para a Illa Pancha. Comunicado da AVV Por Nuestro Faro


Bandeira Negra para a Illa Pancha

    O 14 de xuño, a confederación de grupos ecoloxistas de España coñecida co nome de Ecoloxistas en Acción, presentou o informe «Bandeiras Negras 2022». Como cada ano, os ecologistas publicaron a lista dos casos máis relevantes de contaminación e mala xestión ambiental do litoral español. E desas 48 bandeiras negras, unha delas foi para a Illa Pancha de Ribadeo.

    Nese informe, 22 páxinas están dedicadas a Galicia, das cales, nada menos que catro foron destinadas a explicar exclusivamente a situación da illa Pancha. O motivo para esta deshonrosa distinción é, en palabras de Ecoloxistas en Acción, a mala xestión ambiental, en concreto, a falta de estudo de impacto ambiental malia as figuras de protección coas que conta ríaa de Ribadeo: «Zona Especial de Conservación ‘Río Eo’, ZEC E1120002, Humedal Protexido ‘Ría de Ribadeo’, Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) ‘Río Eo’ e ‘Ribadeo’, Zona Húmida de Importancia Internacional (Convenio Ramsar) «Ría do Eo» e Zona de Especial Protección das Aves, ZEPA E0000085.»

    A confederación ecologista lembra que o Defensor do Pobo pedira un estudo de impacto ambiental trala intervención da asociación de veciños Por Nuestro Faro. Finalmente Puertos de Ferrol-San Cibrao comprometeuse a esixirllo á empresa concesionaria, pero nunca chegou a cumprir tal esixencia. Doutra banda, o Concello de Ribadeo tampouco tiña expresado ningún reparo nin efectuado ningunha reclamación respecto diso.

    O informe de Ecoloxistas en Acción sinala á Autoridade Portuaria e ao Concello como as institucións responsables da actual situación en Illa Pancha. Nos antecedentes deste caso subliñan permanentemente as decisións e as evasivas de Puertos, así como as licenzas e silencios do Concello de Ribadeo, claves en todo o proceso. Tamén repasa a historia da actividade da A VV Por Nuestro Faro, o seu compromiso co patrimonio e o medio ambiente fronte ás irregularidades na tramitación do expediente para o uso privado e turístico da illa.

    O informe lembra tamén a opacidade fronte a certos problemas, por exemplo a falta de información con respecto aos vertidos á Ría de Ribadeo. Lembremos que se descoñece o sistema de evacuación, dado que a illa Pancha conta cunha fosa séptica a día de hoxe sen legalizar, con todo o que iso supón, sen que de portas para fóra os ribadenses poidan imaxinarse a xestión dos residuos.

    Para rematar, o informe achega a solución para mellorar esta situación:

    «Solucións ou propostas de mellora: Revisión do expediente completo de concesión, realización dos estudos preceptivos e reevaluación das solicitudes de licenza das dúas actividades. Restitución inmediata do dereito de libre acceso do público á Illa Pancha. Suspensión da eficacia das licenzas de actividade por parte do concello de Ribadeo mentres non se cumpra o anterior, por afectar non só ao impacto ambiental e ao dereito de acceso senón tamén á seguridade dos usuarios e usuarias en caso de urxencia.»

    Só nos queda dicir que Por Nuestro Faro seguirá de cerca os esforzos das institucións por corrixir a situación que levamos 7 anos denunciando.

A VV Por Nuestro Faro

Ningún comentario: