20220608

Coñecendo Ribadeo e máis aló


    O concello remata de anunciar actividades relativas ó Ribadeo Indiano, mais tamén ó Ribadeo Ilustrado e as impartidas na aula CeMIT (=Centro para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica). Cada conxunto é referido a un tema, a unha época, a uns intereses, claro. Deixo abaixo un resume despois as notas de prensa do concello.

    Comezando pola aula CeMIT, haberá dous cursiños: un cursiño será de pagos en internet e outro sobre app de relatos e audiolibros, ambos de 1 h e os días 15 e 16 deste mes.

    En relación ó Ribadeo Ilustrado, segunda edición, as actividades son máis lúdicas e variadas, inscritas en criterios turísticos e de difusión, ó longo desta fin de semana.

    Por último, en relación o Indiano, a referencia é máis ben gastronómica e non sei ata que punto implica un maior coñecemento de Ribadeo, aínda que o metera (eu) baixo o título 'coñecendo Ribadeo'. Celebrarase de novo o mercadiño de ultramar, e incorporaranse Foodtrucks, é dicir, camións de venda de comidas.

-

PARA ASISTIR É PRECISO ANOTARSE

Cartel do primeiro dos cursos
Cursos na Aula CeMIT

06/06/2022

A Aula CeMIT, do Concello de Ribadeo, impartirá dous cursos presenciais os días 15 e 16 de xuño.

O día 15 terá lugar o curso sobre Pagos en Internet. Falarase sobre como facer pagos a través da banca electrónica, pagos en comercios electrónicos, a través de PayPal, con exemplos de usos cotiáns.. Tamén se explicará a seguridade que hai que ter con estes  sistemas así como recomendacións ou consellos para non caer en posibles estafas.

E o día 16 será o curso sobre APP`s sobre relatos e audiolibros, que hoxe en día están acadando maior mercado. Explicarase como descargar libros nos dispositivos e a procura de diferentes temáticas. Introducirase aos asistentes tamén ao mundo sobre relatos en chat e informarase do seu uso.

Calquera dúbida poderá ser despexada no mesmo curso mediante roldas de preguntas.

As prazas son limitadas. O prazo de inscricións estará aberto ata o último día dos cursos, sempre que non se esgoten as prazas. As persoas interesadas en acudir a estes cursos poden anotarse no teléfono 982120732 e no correo electrónico da Aula CeMIT.

-

ORGANIZADO POLA CONCELLARÍA DE TURISMO

Programa do II Ribadeo Ilustrado

07/06/2022

A nova edición do Ribadeo Ilustrado desenvolverase desde este xoves, día 9, ata o domingo 12 cunha programación variada, chea de actividades vencelladas á xente do mar coa figura do Marqués de Sargadelos, Antonio Raimundo Ibáñez, como protagonista.

O xoves 9 ás 19:00 horas na Oficina de Turismo de Ribadeo inaugurarase a exposición Amar a mar: Mariñas, Marosas e Maruxainas, da Rede Museística Provincial de Lugo.

Ao día seguinte ás 19:30 horas no salón de plenos da Casa do Concello, que é o Pazo de Ibáñez, haberá unha conferencia a cargo de Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela que falará de Antonio Raimundo Ibáñez e Ribadeo: un empresario nunha vila dinámica. A continuación, as 20:30 horas, terá lugar a representación teatral Chegada á vila de Ribadeo do coronel do Rexemento Provincial de Mondoñedo, portador da proclama da Xunta Superior do Reino de Galicia. Declaración de guerra a Napoleón. Correrá a cargo do actor e guía turístico Suso Martínez. E ás 21:00 horas Os Quinquilláns Teatro ofrecerá a representación Ribadeo Ilustrado.

O sábado 11 haberá dúas conferencias no salón de plenos da Casa do Concello: ás 11:30 horas o carpinteiro de ribeira Francisco Fra falará sobre A carpintería de ribeira e a navegación a vela en tempos do Marqués e ás 12:30 o director do Museo Casa natal Marqués de Sargadelos, Iker Nogales Astudillo, ofrecerá a charla titulada As orixes do Marqués de Sargadelos e formas de vida na comarca de Oscos no século XVIII.

Ademais de 17:00 a 20:00 horas na Praza dos Catro Canos haberá unha demostración do traballo artesanal das redeiras Cabo Burela e de 17:00 a 19:00 horas no Patín terá lugar unha demostración do traballo artesanal da tecelá María José Lois Vázquez. Tamén están programadas actividades para xs nenxs no parque de San Francisco: de 10:45 a 12:45 horas, obradoiro de monicreques a cargo de Mircromina Títeres, que ás 13:00 horas representará Vacacións no mar.

E o domingo 12 rematarán as actividades do II Ribadeo Ilustrado cunha visita á capela de San Francisco, fundada en memoria de Martínez Bengoechea, na Casa de Bengoechea de 12:00 a 14:00 horas; e nas Escaleiras de Martínez ás 12:30 horas o Grupo Fua ofrecerá un concerto de cámara.

O Ribadeo Ilustrado está organizado pola Concellaría de Turismo.

-


OS INTERESADOS TEÑEN PARA ANOTARSE ATA O 22 DE XUÑO

Mercadiño de Ultramar

07/06/2022

O Concello ven de abrir o prazo de inscrición para participar na sétima edición do Mercadiño de Ultramar e no novo espazo gastronómico, que se desenvolverán dentro do Ribadeo Indiano.

O concelleiro de Turismo e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, sinalou que "un ano máis o Mercadiño de Ultramar terá lugar dentro da VII edición do Ribadeo Indiano, que este ano estará dedicado ás mulleres,  tanto ás se foron como ás que quedaron. O Mercadiño de Ultramar desenvolvérase o sábado 9 de xullo  e pretende traer unha recreación e mostra de  produtos e mercancías de ultramar así como de oficios de época. Terá horario continuo dende ás 11:00 da mañá ata a finalización do Festival de Habaneras, que será aproximadamente sobre as dez da noite".

As persoas que desexen participar poderán presentar a súa solicitude ata o día 22 de xuño.

O edil ribadense explicou que "poderán participar preferentemente as persoas físicas ou xurídicas que desenvolvan algunha actividade relacionada coa cultura indiana ou da época (finais do S.XIX e principios do S.XX) tales como produtos da horta con especial incidencia nos produtos chegados das Américas: pataca, pemento, tomate, millo e outros relacionados, produtos latinos de alimentación, doces e pasteis típicos, xoguetes, xeados, chocolates, antigüidades, oficios, etc". 

Vizoso Galdo engadiu que "como novidade este ano, dentro do Ribadeo Indiano, haberá un espazo gastronómico con foodtrucks. Será os días 9 e 10 de xullo e estará localizado na contorna de Praza de Abastos co fin de ampliar as propostas gastronómicas do evento. O prazo de inscrición tamén está aberto ata o 22 de xuño". 

As bases e os formularios para a inscrición estarán dispoñibles na sede electrónica do Concello de Ribadeo.

Ningún comentario: