Corsario, por Jahsensie, Wikimedia Commons, CC BY-SA 4.0 |
Os novos corsarios
Hai pouco, da man de Pancho Campos, decateime da existencia de corsarios en Ribadeo. Non de barcos corsarios que atacaran en Ribadeo, senón de barcos con base en Ribadeo e con patente de corso para atacar barcos doutras bandeiras. E é que 'polas películas', parece que os corsarios sempre eran 'dos outros', dos malos por natureza, obviando que en todo lugar cocen fabas. A corsaria, unha actividade 'comercial', 'lucrativa', etc, que hoxe nos deixa -polo menos, a min- cun palmo de narices: un permiso legal para atacar a xentes alleas a quen concedía a patente de corso. Unha actividade, que na actualidade ten herdeiros directos nas ideas coas que se conciben algúns chamados 'negocios', dende quen pide non cumprir a lei para 'que lle cadren as contas' (hai múltiples versións disto) ata quen sinxelamente, incumpre a(s) lei(s) sen moito ruído, pero se o pillan, escabúllese dicindo que cumpre algunha outra lei ou sinxelamente que a lei non lle é de aplicación.
En relación con isto último, o caso do emérito está tan manido que xa non chama a atención, por iso o outro día si ma chamou a declaración do responsable de Clearview AI, unha empresa que se adica a recoller na rede fotos de xente, aplicarlle a chamada 'intelixencia artificial' e vender datos, fotos e o que sexa posible sobre aqueles de nós con algunha foto nalgún lugar da rede. É dicir, sobre todos. Ese home, un tal Hoan Ton-That, unha vez que foi multada a compañía e esixida a retirada da súa base de datos dos cidadáns de varios países da UE (por certo, non vin a España entre eles), respondeu que a compañía non ten sede -doado de comprobar- nin clientes -máis dificultoso- na UE, e que non realiza ningunha actividade en contra do regulamento de protección de datos da UE, polo que é posible que o resultado sexa parello ó visto co emérito: entrar e saír nas redes da UE cunha resposta asimilable ás 'explicacións de que? Ja, ja' que nos soan tan familiares. Neste caso, a base empresarial está nos EEUU, que xa lle limitou a quen pode vender os datos e que sería como quen concedía as antigas patentes de corso, deixándolle atacar a outros sen consecuencias legais alí.
Claro, para chegar a iso de que a lei non lles é de aplicación, necesítase unha certa potencia de fogo para obter a patente de corso, o que se di un certo peso ou un certo tamaño. Para os corsarios máis pequenos quedan as peticións de non cumprimento da lei (é dicir, laiar para tentar conseguir unha patente de corso que aínda non se ten) ou o irse polas ramas dicindo que cumpre outras leis, a ver se coa. Do primeiro dos casos temos estes días as verbas dos que piden non poñer en xaque a hostalería e o turismo, 'sectores clave da economía', ó poñer en marcha un algoritmo de detección de horas extra. Penso que todos sabemos o que eso significa, mais ó fin, é unha forma de presión dentro do sistema xeral no que vivimos, sistema que non podería sobrevivir se de xeito implícito ou explícito non fora mantido pola maioría (se non estás de acordo co anterior, revisa o teu día a día...).
O caso que resta está a medias entre os outros dous. Sobrepasa ou desbota a sinxela presión, pero non se sinte tan forte (e non ten por que ser función da 'forza absoluta', senón dunha determinada relación de forzas) como para reclamar ser eximido da legalidade. Nesa situación estarían unha ampla gama de empresas. Actividades como a xeración eólica, na actualidade cunha especie de toma-daca, cumprindo, pero non todo, ofrecendo algunha regalía marxinal a modo de caramelo para 'compensar'. Pero tamén outras que tentan atacar facendo uso interesado, con nesgo, de normas legais para amedrentar a quen lles quera esixir o cumprimento da legalidade nas actividades, empregando os seus recursos en disuadir con loitas xurídicas a quen só lles pide o cumprimento da lei.
Para rematar, a diferencia entre piratas e corsarios: o pirata é un bandido. A secas. O corsario, ten a autorización gobernamental para atacar a outros, para facer o que fan os bandidos, pero con protección. Por se non estaba claro ou non se entendeu que a autorización pode ser por activa (coa patente) ou por pasiva (co 'laissez faire')...
Ningún comentario:
Publicar un comentario