20220731

De colonia a colonia, e tiro porque me toca

 

Os dominos de Felipe II en 1596. Imaxe CC BY SA 3.0 por Trasamundo en gl.wikipedia.org

De colonia a colonia, e tiro porque me toca

    Colonia é unha célebre cidade alemá que deixa ver ós transeúntes do ferrocarril a súa mellor fachada catedralicia. Tamén é o nome que se lle dá á célebre auga que arrecende. Pero, sobre todo, hoxe en día, representa a dependencia dun territorio. Estiven a piques de poñer 'en relación a outro', que é o caso que primeiro se vén á cabeza, pero non só hai colonias que se podan asimilar a dependencias dese tipo. Pode haber, por poñer só algún caso ilustrativo, dependencia de capital estranxeiro de nacionalidade diversa, pasando a ser unha terra colonizada sen ter necesidade dun estado colonialista. Pode ser unha dependencia dun país estranxeiro, por suposto, pero tamén doutra parte do mesmo estado, á que non se lle chamaría extranxeiro sen pensalo dúas veces. Mesmo pode ser unha dependencia interior, de capital centrado da propia terra, co que unha pequena minoría controla de xeito exclusivo os recursos de todos. Por non falar doutras posibilidades como a existencia de monocultivos (en termo amplo, agrarios, industriais ou mesmo de servizos) que fan inviable a independencia do exterior no que non sexa ese monocultivo, e polo tanto, levan a un tipo de colonialismo.

    Hai tempo que por estas terras se levaba a chamada 'autarquía', "Sistema económico baseado na posesión dos recursos necesarios para abastecer as propias necesidades e vivir exclusivamente deles", é dicir, o non ter intercambios co exterior. E considerouse malo non ter eses intercambios. Tamén se considera malo o outro extremo, unha interdependencia total como a globalización 'indiscriminada' que o mesmo trae laranxas de 10000 km de distancia en avión que envía móbiles a desfacer a outros 10000 km, mentres fai posible que unha considerable cantidade de cartos se poda mover sen fronteiras arredor do globo e en contraposición non permite pasar uns metros máis aló a segundo que poboación.

    É evidente que os intercambios poden ser bos para todos. Unha estratexia das que din 'win-win'. Pero tamén é evidente, aínda que ás veces parece que se tente ocultar, que intercambio en demasía ou sen ser de igual a igual non pode ser bo máis que para unha minoría. Poñamos un exemplo sinxelo, un produto calquera que se fabrica en China, pasa por Holanda (non ten por que ser fsicamente, chega con que sexa de xeito virtual) e é reexportado a España, máis próxima á China por barco, medio de transporte da mercadoría. Ou un quilo de arroz producido en España, mercado por Italia e reexportado (de novo non ter por que ser de xeito físico) para o seu consumo en Galicia. Coido que son exemplos sinxelos onde fago intervir estados para identificar mellor os lugares que se o fixera nomeando empresas multinacionais con marcas adaptadas a cada lugar, que moitas veces identificamos como 'de aquí' cando teñen a matriz  a milleiros de quilómetros.

    E así, resulta que a pouco que se mire rematamos sendo colonia. Pero non dunha soa entidade, o que facilitaría a identificación do feito, senón dunha mistura de entidades que é difícil de identificar e polo tanto, das que é máis difícil liberarse. É dicir, máis difícil deixar de ser colonia, sexa política ou económica, ou ambas.

    Pero sómolo, ‘e así nos loce o pelo’.

Ningún comentario: