20220909

Non é por a Ucraína, é por nós

Convocatoria da concentración pola paz de Ribadeo, para o xoves 15

Non é por a Ucraína, é por nós

    Non, non nos deixemos levar nin nos levemos nós mesmos a engano: en boa parte dos casos, diría que na grande maioría, das (poucas) concentracións que se fan contra a guerra hoxe en día, non é "pola agresión rusa", nin "pola guerra contra Ucraína", senón pola paz, pola paz en todos os lugares e contra todas as guerras, incluídas as guerras internas de máis dun estado contra parte da súa poboación. E, aínda que só sexa por lembranza do dito de "primeiro viñeron polos (...), logo polos (...), logo viñeron por min, e non quedaba ninguén para defenderme", dicir que as concentracións fanse por todos nós. Un nós amplo, que non exclúe a ninguén, mesmo nin á xente que decide atacar. Iso, aínda tendo en contra meses de propaganda bélica ‘na procura paz por apoio a unha das partes’. E non, non se trata de dicir que a Ucraína comezou a guerra, e non Rusia, como parece abandeirar certa xente, pero tampouco de comungar con rodas de muíño dicindo que os atacados foron, son e serán santos, e os atacantes, demos. Calquera pode rastrexar que Rusia comezou atacando, pero antes Ucraína (e a OTAN) incumpriu palabras dadas, que antes había un conflito ás beiras do río Don coas dúas partes implicadas, rusos e ucraínos, que Rusia ocupou Crimea, onde xa tiña unha base nese territorio adxudicado a Ucraína na división da URSS, ou que, mentres Rusia corta o subministro gasista a Europa por Polonia ou o Báltico, aínda pasa gas ruso a Ucraína, ou aínda, que Europa lega pagado, dende que comezou o ataque a Ucraína, máis cartos a Rusia do que lle leva costado a esta a guerra. Botóns de mostra, entre sorprendentes e hilarantes se non fora polo que implican, de feitos que se pretenden ocultar e descartar ou ben magnificar e manipular por riba, ou ó tempo que os desastres da guerra. E iso por non mentar o que supón a guerra e as medidas tomadas en consecuencia para outras cousas, como a emerxencia climática.

    Hai tempo xa que a concentración que sigo, a de Ribadeo, vai case para trinta xoves ás oito da tarde diante da casa do concello, ven diminuíndo en número de asistentes. Nas últimas, mesmo sobraba algún dedo para facer a contaxe. Pero segue a facerse, segue a lembranza de que hai guerra, de que non debera habela e de que a paz constrúese. A historia desa concentración comezou cunhas poucas deceas de persoas a partir dunha convocatoria anonimizada, chegou rápido ó par de centos de participantes, e logo sufríu unha caída longa ata hoxe, na que a asistencia vaise mantendo, ímonos mantendo, de xeito irregular: algunha vez falta alguén das persoas habituais, algunha outra ven alguén que non soe aparecer outras semanas.

    Nas primeiras convocatorias escoitábase falar moito sobre o ataque ruso. Pouco a pouco, foron predominando e quedando en solitario os chamamentos á procura activa da paz, das paces en tódalas guerras, famosas e visibilizadas ou non, guerras con décadas de existencia ou recentes, aquela que están no seu punto álxido ou as que continúan de xeito larvado, sexan entre estados ou internas dun estado contra parte do seu pobo...

    Non, non é por Ucraína, senón por nós, que debemos seguir a lembrar que a paz necesita un traballo para preparar o ambiente.

Ningún comentario: