20220905

Un conto económico (de economía)

De Ingfbruno en https://en.wikipedia.org/wiki/Wall_Street#/media/File:USA-NYC-New_York_Stock_Exchange.JPG, lic.CC BY-SA 3.0

Un conto económico (de economía)

'Cantos economistas de Chicago fan falta para cambiar unha lámpada?

Ningún. Se a lámpada necesitara ser cambiada, o mercado xa o tería feito!'

    O chiste, tomado dunha obra de Raj Patel que o presenta como algo de coñecemento común entre os economistas de hai uns 15 anos nos EEUU, pode ilustrar -e de feito, úsase para iso- a crenza da existencia dun mercado omnipotente e omnisciente entre os economistas neoliberais, en particular os chamados 'Chicago boys'. Nese conto do super-mercado, o coñecemento total e o poder total virían dados da asunción de que o prezo dun ben, establecido de xeito libre, tería integrados xa en si todos os datos económicos actuais e previstos como futuros, condicionantes únicos, eles mesmos, dese prezo.

    Como información complementaria para o caso, a mesma persoa que enunciou esa hipótese, a 'hipótese dos mercados eficientes',  Eugene Fama, escribiu despois sobre a irrealidade de asumir a hipótese sen máis. A máis doutros moitos. Pero o mal estaba feito, e intereses de diversos tipos teñen mantido a vixencia da núa hipótese dentro das ideas vixentes sobre economía ata hoxe, dende un punto de partida no que se lle considerou unha simplificación milagreira das ideas económicas, en parte unha revolución / contrarrevolución ante o marxismo.

    Ese conto económico, reflectido no chiste, daría como resultado uns mercados que non necesitan nin economistas para funcionar, é dicir, que non necesitan 'nada' externo ó propio mercado, e polo tanto, o que nos digan os propios economistas sobre o mercado estaría de máis: o mercado sabería máis ca eles, sempre lles levaría avantaxe (e iso parece verse corroborado pola historia!). Mais os economistas seguen a falar, mesmo os que defenden a hipótese, que serían os que, en base ás súas propias ideas, máis constrinxida verían a súa capacidade de pontificar.

    E o resto da xente? Pois todos, incluídos os economistas, seriamos suxeitos prescindibles para o mercado unha vez establecido o sistema, 'sistema de mercado', non contaríamos (excepto como medio, autómatas en función do consumo, da inversión ou de traballo).

    Non estou a dicir nada novo, mais tamén sei que hai cousas que necesitan ser repetidas unha e outra vez se se pretende que a realidade non quede afogada nunha rede de silencios, nesgos, mentiras interesadas e inflación de información irrelevante co fin de manter (e desequilibrar máis, a ser posible) unhas determinadas relacións de poder.

    Así pois, a outro lugar con ese conto!

    Por certo, non se trata de cambiar un conto por outro, por exemplo, argumentando e contando que 'todo vai mellor se é regulado' (conto no que podemos entrar outro día) senón en deixarnos de contos e falar do noso futuro e presente común e en común, algo nada doado no sistema actual. Máis aínda se se quere acordar algo e poder aplicar o acordado. Complicado, mais para chegar hai que comezar por algures...

    Unha nota final: por suposto, folga dicir -xa o apuntei antes- que hai xente que mantén a validez da hipótese nunha ou outra das variantes nas que se expón (ou en todas).

Ningún comentario: