20220906

XA EMPEZAMOS MAL. Pancho Campos Dorado

Da obra de Nijunab en https://commons.wikimedia.org/wiki/Category:Rowboats#/media/File:Buir_travel.jpeg, lic.CC BY-SA 4.0, transformada para a ocasión por min

XA EMPEZAMOS MAL

Pancho Campos Dorado

No número 5345 do querido semanario La Comarca del Eo, 3-setembro-2022, vemos en primeira páxina o título dun artigo que nos emociona, “Arqueólogos submarinos descobren na ría unha barca medieval de pasaxe de peregrinos”. Non cabe dúbida de que é un achádego histórico importante e moi digno de mención, pois segundo parece, fíxoselle a datación por 14C (carbono 14, radioactivo) e dá unha data comprendida entre os anos 1050 e 1260 da nosa era.

Este achádego é outro punto relevante para asegurar que na Alta Idade Media en Ribadeo seguía habendo tráfico marítimo e posiblemente tamén un gran comercio internacional do que carecemos polo momento de documentación arqueolóxica.

En este mesmo blog o 4 de xaneiro de 2022 (no semanario 'La Comarca del Eo'), escribía eu o artigo “O Ribadeo que non coñecemos” onde resaltaba que, “o equipo de buceo do arqueólogo comisario Miguel San Claudio, desvelounos que atoparon unha ánfora grega de 2600 anos de antigüidade (século VII a.C.) peza de cerámica massaliota (da colonia grega de Massalia, a actual Marsella) e que relaciona o comercio a larga distancia máis antigo que se localizou na Costa Cantábrica, o que converte en única a Ría de Ribadeo (Ribadeo, La Atapuerca de Galicia para la Arqueología submarina, La Voz de Galicia, 29-Nov-2011)”.

Non cabe dúbida que a noticia da ánfora ten moita maior importancia que a “barca de pasaxe dos peregrinos”, noticia que carece de fundamento histórico -arqueolóxico algún.

Como é posible que alguén identifique como unha lancha de peregrinos un cacho de “costado e de pantoque” en forma de “L” dunha lancha de 727 centímetros, sendo o “brazo” vertical de 20 cm no exterior e de 19,5 cm a parte interior do brazo inferior da “L”? Imposible que tal identificación se poida facer cun marxe de acerto medianamente crible, excepto que haxa un cacho de “bordón de peregrino” adherido ó casco, ou unha sandalia da época, un sombreiro de ala ancha, roupa talar ou un zurrón con papeis, ou algunha inscrición que tal diga.

As noticias históricas son de relevancia cando non se “adoban” con sandeces e neste caso todo o que se di, por moitos institutos arqueolóxicos que están implicados e que non vou a enumerar, véxase parte final do artigo citado, firmen tal descubrimento e traten de acreditar tal afirmación, aproveitando de dar corpo relevante ás subvencións que a Xunta de Galicia ten a obriga de facer para pór en valor o noso patrimonio.

É molesto ver que ao delegado territorial da Xunta de Lugo, Javier Arias, se lle encha a boca de auga en baño de multitudes cando destaca que “este achado, descuberto grazas á campaña arqueolóxica que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades está a levar a cabo na ría de Ribadeo, é importantísimo xa que aporta probas do transporte usado na peregrinación a Compostela” (este señor non debe ter tempo nin de durmir con tanto traballo administrativo que ten a obriga de desenvolver). Non creo que sexan necesarias tantas aseveracións absurdas para que a Xunta teña que xustificar gastos Xacobeos en traballos arqueolóxicos subacuáticos, os cales deberan ser continuos durante todos os meses de augas claras na Ría e tódolos anos, antes de que un dragado leve consigo toda a riqueza histórica, que non cabe dubida, si hai no fondo da Ría de Ribadeo. Por certo, como di San Claudio, única no Norte da Península Ibérica.

Por outra banda, dinnos no citado artigo outras cousas moi estrañas, “a embarcación estaría composta, cando menos, por outra peza simétrica a esta que pecharía o vaso na outra banda. Tampouco se descarta a existencia dunha, ou máis pezas planas de madeira situadas no fondo da embarcación, que permitiran ampliar a manga e, polo tanto, a capacidade de carga”. Home, suponse, certamente, que ten que ter un plan a lancha suficientemente amplo, posto que se xuntamos dúas pezas iguais á relatada, faría unha cala de 39 cm. (19,5 x 2 =39 cm) que sería do tamaño dun cayuco ou dunha piragua, e xa me estraña que alguén teña capacidade para embarcar a 20 persoas ou a un cabalo en tal embarcación, como máis tarde se relata. E por certo tamén tiña que ter máis francobordo que 20 cm.

Por outra banda tamén se di, “o costado atopado finaliza nun extremo nunha zona maciza, non baleirada. O outro extremo remata coa estrutura aberta, estando os bordes cortados en bisel. Esta disposición pode significar que, adherida a este extremo, se puidera atopar un espello que pechase a embarcación, anque tampouco son estraños os casos de embarcacións deste tipo abertas para facilitar o embarque de carga, animais e pasaxeiros. Segundo isto, a embarcación terminaría nunha popa de sección cadrada, aberta, no senso de embarcacións moito máis primitivas no contexto da Europa Atlántica”.

Como sigan explicándose así, dentro de pouco, a popa desa embarcación vai ter rampla e será considerada o preludio dun ROLL-ON ou dun ROLL-OFF. Depende si ten embarque por popa ou por proa, que tamén puidera ser. Que cruz!!!

Non quero esquecer unha puntualización máis o escribidor do artigo, que nos di nun principio, “trátase dunha peza lonxitudinal de madeira labrada en forma de “L” que estaba profundamente incrustada no sedimento e que é parte dunha barca medieval de pasaxe que tería a súa base en Ribadeo, aínda que non se descarta que pertencera á ribeira asturiana”. Mire vostede, non hai que descartar nada, ten soamente que repasar a Historia de Galiza, pois o Condado de Ribadeo chegaba ata o río Frexulfe, en Navia, até que no ano 1551 o Conde de Ribadeo e Conde Salinas vende as terras entre o Eo e o Navia, polo tanto no 1050 ou no 1260 todas as terras a ambos lados da ría son Terras de Ribadeo. Información máis precisa do asunto, pode atopala en “Escudos de armas do Concello de Ribadeo, p. 270, ou no artigo “O Conde de Salinas” (tamén en La Comarca del Eo, 11 decembro 2021). Incluso até que a administración franquista en 1958 dividiu a ría en dous, ámbalas dúas beiras foron sempre dominio da Galiza.

Sen máis, suxírolles que escriban información obxectiva e histórica, Ribadeo ten dabondo coa verdade e non precisa de inventarse cousas raras para ser todo un pobo con máis de dous milenios de HISTORIA VIVA que pouco a pouco irá xurdindo.

Ningún comentario: