20221015

As Panchas, tan panchas

    Un ano máis, chega unha nova edición das Panchas: este ano cada persoa poderá facerse con 400 P, podendo aforrar do seu peto 100 €, que se cargarán ó erario público. Este ano cada ribadense só poñerá 8,5 € para a edición (por 15 € do ano / edición pasada), se nos atemos á subvención de 85 000 € que di a nota do concello, e non sumamos outros gastos colaterais que puidera haber, xa que a 200 000 panchas que se poñerán en circulación correspóndelles unha ganancia para os adquirintes de 50 000 €, co que que é de supoñer que eses 35 000 € máis sexan para a impresión, anuncios en medios de comunicación, etc.

    No ano 2019 puxéronse en circulación 40 000 P, no 2020, 148 000 P, no 2021, 600 000 P, se nos atemos á nota de prensa correspondente en canto a cifra de negocio, equivalente ás panchas gastadas, e este, 200 000 P.

    Unha nota máis. Se o concello puxo 85 000 €, pregúntome o custe total da campaña, pois como se pode ver no cartel abaixo, están apuntados tamén, aínda que con letra máis pequena, co epígrafe de 'colaboradores', a Deputación Provincial de Lugo e tamén ACISA, entidade asemade subvencionada.

Cartel das Panchas
 

    Nota do concello:


A CUARTA EDICIÓN FOI PRESENTADA ESTA MAÑÁ

Chega a Pancha

30/09/2022

Dende o 1 de outubro en Ribadeo xa se poderá pagar con Panchas, coa a moeda local, coa que será posible mercar e gastar ata o 31 de decembro en máis de 100 establecementos de comercio, hostalaría, algúns servizos e este ano, como novidade, tamén no cine da vila. O programa leva aparellado un investimento de  máis de 85.000 euros por parte do Concello.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, dixo que "ao igual que na campaña anterior, a compra e uso da moeda será totalmente dixital, a través dun moedeiro, o Panchapeto, que se poderá adquirir na páxina web da nosa moeda local, onde tamén se atopa toda a información sobre a campaña, sobre as condicións e sobre os establecementos participantes".

O edil nacionalista subliñou que "nesta cuarta edición incrementarase o valor do aforro total, que pasa de 70 a 100 euros por persoa. Poderanse ir mercando Panchas en fraccións de 30 euros ata un máximo de 300, que se poderán canxear por 400 Panchas. Tamén se incrementa o número de Panchas permitido por operación, que pasa de 80 a 130.  En caso de ser unha compra por un importe superior, a cantidade restante ata o total deberá abonarse en euros".

Vizoso Galdo indicou que "o Concello realiza unha forte inversión, tanto desde o punto de vista económico como de persoal, para esta campaña que sitúa a Ribadeo como referente nacional, que dinamiza as nosas rúas e que supón unha gran axuda para todas as persoas participantes, especialmente neste contexto económico de alza de prezos". 

O concelleiro de Desenvolvemento Local contou que "nesta ocasión o Concello fixo un investimento de mais de 85 000 euros de fondos públicos, o que se traduce en 200 000 Panchas que se gastarán en Ribadeo durante o período da campaña e que suporán un retorno económico moi superior, ao igual que ocorreu nas outras edicións".

Pablo Vizoso seguiu a relatar que "desde o Concello ponse a disposición de todas as persoas que o precisen a axuda por parte da Área de Desenvolvemento Local ou das oficinas de Acisa, que actúa como entidade colaboradora, para asesorar e axudar a todas as persoas que teñan algunha dúbida, algunha incidencia ou algunha consulta relacionada co seu Panchapeto ou coa operativa da campaña". 

O edil ribadense anima "á toda a poboación de Ribadeo e dos concellos dos arredores, do resto da provincia e do Occidente de Asturias, a participar nesta iniciativa pioneira e que leva xa tres anos dando tantos éxitos e con tan boa acollida na nosa vila". 

Vizoso asegurou que "con esta iniciativa todas as persoas nos beneficiamos, tanto os establecementos participantes como as persoas consumidoras, porque podemos acadar un aforro nas compras de ata 100 euros, ademais de contribuír a fomentar o comercio de proximidade e a dinamizar e desenvolver o noso Ribadeo".

A cuarta campaña das Panchas foi presentada esta mañá. Ao acto asistiron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, así como unha representación dos establecementos participantes e de Acisa Ribadeo.

    E nota de éxito do concello:

A CAMPAÑA PROLONGARASE ATA O 31 DE DECEMBRO
Exitoso inicio das Panchas
03/10/2022

Nos dous primeiros días da Pancha, a moeda local de Ribadeo, un cento de persoas se fixeron co seu Panchapeto e o volume de negocio superou os 12.000 euros. O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, fai un balance moi positivo do arranque da campaña.

O edil ribadense subliñou que "este arranque da campaña das Panchas no ano 2022 está sendo moi positivo: os primeiros datos rexistrados xa nos indican un volume de negocio de máis de 12.000 euros a tan só dous días de iniciarse a campaña. Ademais hai que ter en conta que o luns en Ribadeo é un día no que gran parte do comercio está pechado e polo tanto isto indica precisamente que durante todo o sábado e onte, domingo, realizáronse numerosas operacións pagadas en panchas".

Pablo Vizoso sinalou que "practicamente xa hai un cento de persoas que descargaron o seu Panchapeto e xa se estima tamén en case un cento de operacións o número de compras realizadas especificamente grazas á aplicación das Panchas. Evidentemente o volume de negocio é superior, pero exclusivamente xa a través das Panchas foron vendidos máis de 12.000 euros, o cal é un verdadeiro éxito nestes días de arranque da campaña".

A cuarta edición da Pancha deu comezo o pasado sábado, 1 de outubro, e prolongarase ata o 31 de decembro.  

Ningún comentario: