A paz vese retrasada de xeito indefinido. Podería ser o título para unha crónica da guerra na Ucraína, en Palestina, Siria... pero non, o que queda retrasado de xeito indefinido son as convocatorias semanais, dos xoves, para concentrarse diante do concello de Ribadeo pola paz. Nas concentracións viña participando cada vez menos xente, ata chegar a ser irrelevantes. É unha mágoa que algo que nos afecta de xeito negativo a todos, dende os mortos ata a quen sofre a alza dos prezos, e que é unha ameaza para a seguridade mundial, pase como algo polo que non paga a pena protestar para tentar o seu cambio. Pero así debe ser dada a traxectoria do número de asistentes ás repetidas chamadas realizadas. Unha vez máis, a guerra venceu.
A guerra vai ganando. Ganou polo momento. A paz segue lonxe, e as ameazas de escalada bélica son unha promesa que pouco a pouco vai cumpríndose.Despois de cousas coma esta, queda cruzar os dedos e a outra versión, rezar. Ou pasar, como se nada -nin nós- importase.
Ningún comentario:
Publicar un comentario