20221017

A poboación de Galicia, un pouco máis aló da noticia


 A poboación de Galicia, un pouco máis aló da noticia

    Xa chegou. O último informe estatístico xa está aquí, e logo del, tamén a proxección para os próximos anos e décadas. E con eles, a noticia: Galicia perde poboación. E despois, o rachar as vestiduras: Que imos facer?

    Coido que o primeiro é ir paso a paso: Galicia, que se prevé polo INE (Proyecciones de Población 2022-2072) que perda 35 000 habitantes nos próximos 15 anos, isto é, cousa do 1,5 % de poboación actual, perdeu unha cantidade maior de habitantes no anterior período de 15 anos: aproximadamente, o dobre do que se prevé para o próximo período quincenal. Por certo, que o máximo da poboación de Galicia, segundo as estatísticas do INE a disposición, acadouse a comezos dos oitenta do pasado século, con máis de cen mil habitantes máis que agora. Dende aquela, Ourense e Lugo veñen diminuíndo poboación ano tras ano case de xeito estacionario, mentres que A Coruña e Pontevedra o fan de xeito irregular dende hai uns quince anos, sendo a tendencia de toda a serie que Pontevedra sexa a de mellor saldo positivo, e Ourense, a de maior saldo negativo.

    Fiando un pouco máis fino, sen a inmigración, a cousa tinguiríase abondo máis de números negativos. E cara ó futuro, o mesmo: a previsión é que a porcentaxe de inmigrantes aumente (nota: sexa cal sexa a política migratoria, que só significaría un axuste!). O mesmo que se prevé aumentará a idade media dos habitantes, inmigrantes incluídos. Iso, a pesar de que no 2020, a raíz da pandemia, produciuse unha rebaixa de case un ano e tres meses na esperanza de vida da poboación, tanto para homes, baixando dos 80 anos, como para mulleres, quedando só un pouco por riba dos 85.

    Naturalmente, isto ten implicacións, dende o despoboamento rural e a atención das terras e territorio, á estrutura social ou á lingua. Non só se pode ver o aumento de núcleos abandonados, senón tamén que a hostalería en moitas zonas é atendida cun acento 'castelán forasteiro'.

    Mais ata o de agora, a mentalidade coa que se ven afrontando o tema demográfico é a mesma que na economía: o medre sen límite, canto máis mellor, sen ter en conta o que significa o medre, os límites do planeta, a distribución de bens, etc, e iso, en ambos temas. As vilas queren ser cidades, e as cidades, ser máis grandes, por riba da calidade de vida que se desfruta nelas, da que se fala como propaganda, mentres que o medrar úsase para o manexo de cartos e poder. E así, cando se fala do envellecemento poboacional, deseguida sae a 'oportunidade de negocio' que representan os maiores, coa punta de lanza das residencias de anciáns ('de maiores') e a necesidade de 'empregados' e de formación de xente para tal fin, sen explorar outras posibles vías (que non se consideran 'negocio'). 

    A esa mentalidade hai que sumarlle o xeito propio de realización das estatísticas, que considera proxeccións lineares sobre os números actuais e pasados, sen tentar aproximar crises en marcha ou cambios de tendencia previsibles por desafíos que se ven no horizonte ou xa nos seus comezos, pero de difícil cuantificación. É dicir, algo embarazoso para poder predicir con certa precisión máis aló duns poucos anos. E algo que se pode observar cando se nota a amplitude posible de variación nas previsións, que para España abrangue dende os 48 ós 57 millóns de persoas para 2072, a cincuenta anos vista, e sabendo aínda así que esas marxes teñen a posibilidade dun amplo erro. E eses números, só tendo en conta a posible variación da fecundidade, que, en calquera caso, non se prevé chegue a taxa de reposición en ningún momento. É dicir, a poboación caería, e moito, sen o recurso á inmigración.

    Carpe diem e 'tate o que tas', desfruta do momento e céntrate nos problemas que podes e tes que solucionar agora, e deixa os cantos de serea de aumento indefinido de poboación en aras dunha loa do imperio nacional nacionalista. A demografía é un problema no sentido de que estamos afeitos a outros perfís demográficos, nos que vemos máis facilidades por ese estar afeitos. E claro, temos que adaptarnos, comezando por cambiar de mentalidade.

Ningún comentario: