Lembro os aniversarios porque os apunto. Se non, iso de andar lembrando un ano tras outro unha data determinada do ciclo solar sempre me pareceu algo aleatorio. Así, doulles importancia en xeral porque hai alguén que lla dá e tento sumarme ó seu gozo. Mais, recoñezo que o festexar periodicamente algunhas cousas pode actuar a modo de lembranza positiva, e a pesar da miríada de cousas que se poderían celebrar cada día, de cando en vez, a máis de algún que outro aniversario, compráceme decatarme dunha desas celebracións periódicas en honra de algo.
Iso me pasou hoxe cando chegou a min que pasado mañá (pasado mañá cando isto escribo) é o día das bibliotecas. Si, o 24 de outubro celébrase o día das bibliotecas dende o seu establecemento no 1997. E foi hoxe tamén cando, na procura de máis información sobre de onde provén a data, me decato que é pola destrución ese día de 1992 da biblioteca de Saraxevo, vítima da guerra dos Balcáns, e unha xoia non só polo que contiña, senón tamén polo edificio continente dos libros que albergaba. Tiña outros temas rondando na cabeza para escribilos, algún xa comezado, pero o carácter da data fixo que de pronto, un día como outro calquera tomara prioridade.
Como curiosidades, aló polo 2008 tivo a celebración o epicentro na biblioteca Ángel Casal de Santiago e polo 2019 incorpórase o lema 'aptas para tódolos públicos', impulsado pola Dirección Xeral do Libro, e que sumouse á intención anual, que ese ano foi a promoción da igualdade de xénero. O que nos leva a outra curiosidade: ese lema é en España, pois aínda que se celebra en diferentes países, non está coordinado, homologado nin adoptado en todos. Así, en Portugal, celébrase o 'Día Mundial das Bibliotecas' o 1 de xullo. No ano 1994 a Unesco emitiu un manifesto sobre a biblioteca pública, documento ilustrativo e con pretensións de guía, pero que non establecía conmemoración algunha.
Volvendo ó tema da querencia das bibliotecas, é dos sitios que procuro visitar cando chego de novas a un lugar. E coido que ata o de agora, non me defraudou nunca. Na última viaxe, as bibliotecas de Carrión de los Condes, de sala única nunha vella casona, edificio recio que exerce como casa de Cultura; a de Calatayud, integrada tamén nunha casona arredor un patio, maior e con diversas dependencias e ambientes; ou a de Teruel, máis grande como corresponde a unha capital provincial, e tamén nun edificio máis suntuoso que ocupa por enteiro, son algunhas das que apreciei ver, coñecer e palpar a súa vida. Vida que indica tamén características da poboación que as alberga.
'Aptas para tódolos públicos'. Por exemplo, idades diferentes, dende bebés que aproveitan as imaxes que lles pasan e comentan as súas nais e pais, a anciáns que se centran na sala de prensa consultando diversos xornais para tentar seguir o / no mundo. E iso inclúe xente nova que non dispón de lugar adecuado onde estudar na súa casa, ou non ten información en papel ou conexión a internet para acceder a ela e usala, ou sinxelamente, xente que procura na paz das súas salas un lugar onde desfrutar do coñecemento ou a imaxinación.
E é que unha biblioteca non é calquera cousa. E non só iso, senón que lonxe de ser algo neutro ou negativo, é algo en positivo, moi a valorar nos tempos que corren.
Entrada cara á B.P.M. Viejo Pancho, de Ribadeo |
Ningún comentario:
Publicar un comentario