20221025

Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península

Crónica dunha viaxe / 0  Atravesando a península

(do Cantábrico galego ó Mediterráneo valenciano)

    Do 25 de setembro ó 10 de outubro pasados fixen unha viaxe en bicicleta que resultou rematar despois de algo máis de 1100 km, salvando un desnivel positivo acumulado duns 7800 m, nun tempo dunhas 66 h. A orixe, Ribadeo. O seu final, Valencia.

    Pretendo contar aquí, etapa a etapa (pero tamén con cousas mesturadas), non só o máis salientable (o que me pareceu a min máis salientable), senón tamén de sentimentos ó longo da experiencia a anécdotas diversas.

    Coido que a preparación, por pequena que teña sido neste caso, debe contar como unha etapa máis. De aí este capítulo 0. E contar que, aínda que foi sinxela, o tomar a decisión de facer a viaxe prolongouse ata que un bo día, púxenlle data de partida. A partir de aí, comezou a viaxe.

Trazos básicos da viaxe. Cada tramo entre dous ángulos, unha etapa.

    O resume do itinerario sería: 

    Etapa 01 Ribadeo - O Cádavo, 84 km, 1200 m de desnivel acumulado, 5 horas. Por A Pontenova e O Pedregal de Irimia, dando algunha volta en balde e chegando a Meira para logo, á beira da Marronda, arribar ó Cadavo.
    02 O Cádavo - Ponferrada, 94 km, 950 m, 5,5 h. Baixando cara a Baleira e sen chegar, acadando a N VI para  despois dunha parada no miradoiro de Doncos, chegar a Pedrafita e logo a Villafranca e ás proximidades de Ponferrada. Contacto co Camiño de Santiago á inversa.
    03 Ponferrada - Astorga, 61 km, 1200 m, 4,5 h. Tentando seguir no posible o Camiño de Santiago e culminando o punto máis alto do recorrido, a Cruz de Ferro. Pode que o tramo máis duro.
    04 Astorga - León, 51 km, 200 m, 3 h. Seguindo o Camiño en boa parte, tramo de medio descanso.
    05 León - Villarmentero, 108 km, 400 m, 6 h. Tentando ir polo Camiño de Santiago, con varias desviacións e visita a Sahagún e Carrión de los Condes.
    06 Villarmentero - Burgos, a última etapa en setembro, 77 km, 530 m, 5,5 h. Polo Camiño de Santiago, incluída unha parte no Canal de Castilla, e visitas a Frómista ou Castrojeriz.
    07 Burgos - Santo Domingo de Silos, 74 km, 500m, 5 h. Xa fóra do Camiño Francés, o tráfico polas vías que sigo case desaparece. Primeira parte pola Vía Verde Santander - Mediterráneo, e retrocedendo dende Salas de los Infantes para chegar a Silos.
    08 Santo Domingo de Silos - Soria, 95 km, 650 m, 6,5 h. Xa mergullado na España Baleirada, sen ter onde comer ata Abejar.   
    09 Soria - Calatayud, 95 km (medidos por estrada, o tramo máis longo), 310 m, 5 h. Por Almenar de Soria, deserto… ata para o café.
    10 Calatayud - Calamocha, 66 km, 500 m, 4 h. Saída por ‘vías verdes’ e decepción. Subida ó porto de Villafeliche antes de Daroca. Encontro con Pedro, de O Barqueiro, facendo unha ruta ciclista de Salas de los Infantes a Segorbe.   
    11 Calamocha - Teruel, 73 km, 200 m, 4 h. Por estrada e coroando varios altos de arredor de 1000 m no que para Galicia é unha chaira.    
    12 Descanso (Teruel - Teruel), coñecendo a cidade.
    13 Teruel - Barraques, 67 km de vías verdes, 520 m, 4 h. As VV de Ojos Negros II son recomendables, e transitadas.
    14 Barraques - La Vall D’Uixó, 83 km, 140 m, 4 h. A meirande parte, por unhas VV Ojos Negros I moi transitadas en sábado, e o resto, por estradas auxiliares ás principais como non sei que as haxa en Galicia.
    15 La Vall d’Uixó - Sagunto, 34 km, 90 m, 1,75 h. De novo, por vías de servicio ata o Porto de Sagunto, antes de subir a Sagunto por vías urbanas.
    16 Sagunto - Valencia, 44 km, 130 m, 2,25 h, vías de servicio e desviacións diversas antes e despois de dar unha volta por Bétera.

    As distancias, desniveis e tempos son aproximados: as paradas, desviacións, paso por rutas non marcadas no mapa dixital, etc, fan que o cómputo non poda ser máis ca iso, aproximado. Ver no móbil a túa sinalización de posición no medio da nada, sen ruta recoñecible nunha redonda de 1 km non deixa de ser gracioso a máis de presentar os límites e fiabilidade de datos e tecnoloxía a disposición das persoas correntes... Algo parello a atopar preto dunha vila grande sinalada como ruta un camiño impracticable.

    A táboa anterior tampouco é exactamente a prevista en principio. A ruta programada foi pensada para ter dous días de marxe para chegar o día que quería, dos que rematei consumindo un visitando unha vila que non coñecía, Teruel, e outro ó facer unha desviación e etapa extra por La Vall d'Uixó. A máis, por ser unha viaxe en certo xeito experimental, collía día a día o aloxamento, o que me forzou a algunha variación. Como a visita a Santo Domingo de Silos, cun tramo, entre ese punto e Hacinas, pola BU 910 (26 km ida e volta e incluído un pequeno porto en Carazo) que foi o único repetido por obriga, digamos 'técnica'.

    A preparación, a máis da lista de cousas a levar comigo, da procura de afastarme de Madrid e favorecer vías pouco transitadas por vehículos a motor, vías verdes e Camiño de Santiago (recorrido á inversa, claro!), incluíu a bicicleta. Tiña claro a elección da bicicleta de montaña que uso normalmente, con rodas grosas, que dificultan o avance pola estrada pero ofrecen máis seguridade e a posibilidade de ir por vías non moi ciclables. Sufriu unha revisión antes da saída, con cambio dalgunha parte, e xa na viaxe, unha substitución de bolas de rodamento oxidadas en Astorga. En máis dunha ocasión temín que non aguantara os continuos botes nos camiños, cargada cunhas alforxas cheas de máis por precaución (ese 'cheas de máis' é o motivo polo que non especifico a lista de cousas coas que carguei, para non inducir ó mesmo erro a ninguén). Pero aguantou, e sen rodas picadas.

    As alforxas eran para abrir á final da etapa. A máis, unha mochila de ciclismo coa documentación e cartos era o básico do que non me desprendía, xunto co móbil, que por comodidade ía unha pequena bolsa preto do manillar. Como comprobei, o separar as cousas en dous lugares diferentes (en realidade, tres, como remato de dicir) foi un acerto que me permitiu unha mobilidade que non tería de usar só as ateigadas alforxas, e así puiden deixar máis dunha vez a bicicleta fóra da vista (candada cun sinxelo candado de números) por uns minutos, non temendo que desapareceran máis que cousas remprazables de xeito doado aínda que tiveran un custe.

    E o ciclista, apoiado ata a Cruz de Ferro para non levar alforxas nas primeiras (e maiores, e máis fortes) subidas, tamén tivo sorte, non enfermou e aguantou, fortaleceuse e desfrutou na viaxe, para o que non fixo / non fixen unha preparación física especial. De feito, a preparación aumentou ó longo das dúas semanas de recorrido!

    Un apunte máis: a viaxe foi en solitario, salvo acompañamentos puntuais e casuais, como o de Pedro de O Barqueiro por terras aragonesas. Ou polo caudal de xente á contra polo Camiño de Santiago, con momentos de encontro de algarabías nos que sorría para min desfrutando dunha pracida soidade, polo demais meditada.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

4 comentarios:

Ángel de Olavide dixo...

Menuda aventura ¿Fuiste solo?

Anónimo dixo...

Unha preciosa viaxe para un valente e intrépido globetrotter. Noraboa. Ise tipo de experiencias son as que marcan as diferenzas anímicas na forma de vivir das persoas

agremon dixo...

Si, solo. Lo aclararé!

agremon dixo...

Experiencia recomendable, anónimo!