Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga
O terceiro día amence calmo e canso. A rutina de viaxe xa se vai establecendo: máis horas de sono das acostumadas, automatización da rutina de preparación, mentalización de etapa. Neste caso, sendo consciente de que os primeiros quilómetros son suaves, pero logo de Molinaseca, 14 km de subida para salvar máis de 900 m de desnivel. E tendo en conta que os últimos non son moi inclinados, o que implica que polo medio hai subidas moi fortes. Por iso mesmo o deseño da etapa é máis curto que as anteriores, rematando cuns 61 km despois dun desnivel acumulado de 1200 m en algo máis de 4 horas e media.
Ata Molinaseca, entón, tranquilidade. Alí, cun cafetiño á beira do río Meruelo, mentalización para a costa que ven.
|
Ponte de Molinaseca sobre o río Meruelo e campanario da igrexa de Riego de Ambrós.
|
A media subida en distancia, que non en desnivel, Riego de Ambrós ofrece a oportunidade dun descanso despois de tomar un apunte dun campanario accesible e dende onde se pode observar unha vista do comezo do val do Bierzo.
Pouco antes de El Acebo de San Miguel adiántame un ciclista. Para, adiántolle... no alto do Acebo son tres ciclistas os que me adiantaron e pararon: van xuntos, e nunha pequena charla din que retornan de Santiago de novo en bicicleta ós seus lugares de orixe. Un, Gales, quen me puxo unha adicatoria en galés no diario e sorriu ó indicarlle que eu era galego. Aproveito a súa testemuña como respaldo do meu paso polo alto.
|
Na Cruz de Ferro, con tres ciclistas de retorno de Santiago.
|
A Cruz de Ferro (1500 msnm) marcou un lugar para descansar, e comer, sabendo que quedaba outro tanto de camiño na etapa, pero costa abaixo. Alí, a capela á que contribuiu o Centro galego de Ponferrada non deixa de aportar cousas curiosas, se ben un recorrido polo montículo da cruz, repleto de lembranzas de peregrinos, ofrece unha visión diferente, ó tempo de esperanza polo que significaron esas lembranzas para cada persoa que as deixou alí e desacougante por ser unha decoración con impacto realizada de xeito gratuíto por unha morea de persoas que evidentemente, non son conscientes das implicacións da súa acción. Pode ter unha conciencia tal unha persoa que ven de Barcelona e deposita alí a súa pedra collida preto da casa e pintada para a ocasión? Ese pequeno alto á beira da estrada, por outra banda, non deixa de ser unha especie de museo, por indesexable que se considere...
Poucos quilómetros máis adiante, Foncebadón ofrece outro lugar para un pequeno descanso, ou un café, antes da parte final da etapa. A 'Taberna de Gaia' é un lugar que se pretende diferente (a máis de algo parecido a enxebre), aproveitando o paso de xente que tamén se pretende diferente.
A Baixada a Astorga incrementa os ruídos na bicicleta, de xeito que o primeiro que fago despois de coller a habitación é procurar un taller, pois non sei se pode aguantar nin unha etapa máis, máxime se comezo a ir por camiños, no tramo ata Burgos que coincido co Camiño de Santiago. Polo momento, podía terme metido nesta parte final por camiños, pero decido que, tanto pola bicicleta como polo cansazo da subida, é mellor ir 'ao seguro' pola estrada secundaria entre Ponferrada e Astorga, a LE 142. Unha vez procurado o taller, deixo alí a bici ás sete da tarde, coa promesa de que á apertura do día seguinte, as nove e media da mañá, tería a bici lista, como así foi: 15 euros por cambiar as bolas oxidadas dos rodamentos da roda de atrás.
O visitar o centro de Astorga polo tema da bicicleta levoume a dar un paseo por una cidade que xa coñecía, pero que puiden observar con outros ollos. Aquí quedan dous apuntes desa visión.
|
Vista do Pazo de Gaudí mentres esperaba pola cea.
|
|
Concello de Astorga e sello do amañabicis da mañá da seguinte etapa.
|
Por certo, na Cruz de Ferro, novo cambio de Conca: as augas agora van a afluentes do Douro, como o Turienzo, o primeiro de certa entidade, e de de alí, entrando por Portugal, tamén ó Atlántico pasando por O Porto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario